Contornos da participación de Ucraína na guerra contra Iraq

A guerra desatada por EEUU e os seus aliados contra Iraq non soamente provocou unha reacción case unánime do mundo islámico senón que tamén obrigou ao resto dos países do mundo a tomar posición no conflicto ou, como mínimo, a pronunciarse ao respecto. A falta de consideración que amosa o agresor das decisións das organizacións internacionais pon de relevo a ineficiencia do sistema de seguridade internacional creado despois da Segunda Guerra Mundial. O Presidente de Ucraína, L. Kuchma, compartiu a opinión de moitos políticos dicindo nunha rolda de prensa o mércores pasado que a guerra asestou un golpe a ese sistema expoñendo as contradiccións no seo das "principais organizacións internacionais, o Consello de Seguridade, a OTAN, a UE". Dixo ademáis que os mecanismos diplomáticos se amosaron ineficaces para solucionar a crise iraquí. Manifestando que Ucraína está en contra da guerra como método para solucionala, sen embargo, sinalou que non se podían esquecer as accións do líder iraquí, quen "coa súa política agresiva e aspiracións a posuir armas de exterminio en masa atraeu ao seu pobo esta calamidade".

Pouco antes, o 20 de marzo Kuchma firmou a orde sobre o traslado a Kuwait dun batallón de protección radiolóxica, química e bacteriolóxica das forzas armadas ucraínas para protexer a poboación local contra o efecto de substancias nocivas no caso da súa utilización no curso da guerra no territiorio iraquí. Conta con 532 efectivos e 165 unidades técnicas.

Esta decisión contou co apoio de 253 dos 450 parlamentarios ucraínos fronte aos que o presidente suliñou que Ucraína "baixo ningunhas circunstancias tomará parte na operación militar nin en operacións que garden relación cos militares." Tamén o confirmou o secretario do Consello da Seguridade Nacional e Defensa, E. Marchuk, aseverando que o envío dese batallón especial non significaba "participación de Ucraína na coalición antiiraquí nin na actividade pacificadora".

Non obstante, a decisión non contou co apoio da oposición. O líder do bloque opositor máis numeroso, V. Yúschenko, dixo que as controversias ao respecto se debían á inexistencia dunha clara política exterior de Ucraína. Os líderes do Partido Comunista, P. Symonenko, do Partido Socialista, O. Moroz, e do bloque de Yúlia Tymoshenko argumentarion que tal envío implicaba de feito unha participación nas hostilidades no bando dunha das partes deste conflicto.
O comité respectivo do parlamento tampouco recomendou o apoio a ese envío porque a acción que están realizando EEUU é ilexítima de por sí ao non contar co aval da ONU.
A proposta de participación a realizara semanas atrás o embaixador de EEUU en Kíev, Carlos Pascual, quen afirmaba o 29 de marzo que o seu goberno tiña o consentimento de Ucraína para que sexa declarada públicamente participante da coalición antiiraquí para o desarme inmediato de Sadam. Ucraína trata de aproveitar a situación para acercarse máis á OTAN, proceso últimamente seriamente obstaculizado pola suposta venda ilegal de estacións radar ucraínas ao réxime de Bagdad.

Na xa citada rolda de prensa, o Presidente Kuchma dixo que "esta guerra é unha cousa terrible…, pero dará respostas a moitas preguntas non contestadas" , expresando a súa seguridade de que Ucraína non vendeu ese material a Iraq. Dous días máis tarde, o embaixador norteamericano C. Pascual declarou que ata o momento as forzas americanas no Iraq non atoparon sistemas radar supostamente vendidos a Bagdad e que porían en perigo aos pilotos americanos e británicos.

A inclusión de Ucraína na lista da coalición anti-iraquí significa que EEUU permitirá que Kiev poida participar en proxectos de reconstrucción do Iraq despois da guerra. Ucraína, que viu recortada a axuda occidental a raíz do escándalo de sistemas radar, está moi interesada nesa participación, por unha banda, porque ten unha gran cantidade de persoal altamente cualificado con experiencia no tipo de construcción que se necesitará e, por outra, porque conta con gran capacidad de producción para estructuras de aceiro e outros materiais básicos que serán moi necesitados na reconstrucción.

Segundo o conselleiro do Presidente para asuntos de seguridade nacional V. Gorbulin, Ucraína ten todas as chanzas para recibir contratos de moitos millóns na reconstrucción de comunicacións de transporte, de xacementos de petróleo, etc. Esta opción é moito máis importante para o país que unha mera axuda financeira porque creará postos de traballo.

A diferencia da cúpula gobernante, estas vantaxes non son recoñecidas pola poboación. Segundo enquisas recentes, entre un 70 e un 90 por cento de ucraínos condenan a agresión norteamericano-británica non sancionada pola ONU. En parello, decreceu o apoio á integración do país na OTAN e na UE, así como a adesión á OMC: estes proxectos contarían agora co apoio de soamente un 10 a 15 por cento dos ucraínos.

A guerra non supón ningunha ameaza directa para Ucraína, pero xurdirán problemas cos refuxiados e coa seguridade das representacións diplomáticas en Kíev dos países participantes na coalición.