Ucraína en 2003 vista dende o exterior

A semana pasada celebrouse en Varsovia a xa tradicional conferencia "Ucraína en Europa", patrocinada por unha fundación gobernamental polaca. A diferencia do ano pasado, a conferencia, a que atrae a atención de representantes de moitos países europeos, non contou coa presencia de representantes das forzas ucraínas pro-presidenciais nin cos da Administración do presidente Kuchma pero tampouco pode dicirse que os representantes da oposición ucraína presentes na conferencia se mostrasen moi activos.

Na sesión plenaria "A perspectiva europea para Ucraína: un reto para Kiev, Varsovia, Bruxelas", interveu, pola parte ucraína, B. Havrylyshyn -ucraíno de orixe canadense e director do prestixioso Internacional Management Institute de Kiev-, analizando os numerosos problemas políticos, económicos e sociais, que, sen embargo, deixan lugar ó optimismo antes das eleccións presidenciais que terán lugar o ano que vén. Poderá considerarse positivo se a elite polaca non abandona o desexo de tentar arrastrar Ucraína cara Europa. Ou, polo menos, iso parece extrerse das verbas de H. Wujek, presidente do foro polaco-ucraíno. Na súa opinión, se non se logra cambia-la dirección actual, a distancia entre Ucraína e a UE crecerá, a non ser que cambie todo o sistema da Administración ucraíno, de xeito, por exemplo, que non permaneza supeditado ó poder dunha persoa.

As vindeiras eleccións presidenciais en Ucraína son, así mesmo, un punto de referencia para os economistas alemáns do Instituto de Investigacións e Estudios Económicos, que publicaron o seu informe sobre a economía ucraína. Ó salienta-lo sobresaínte crecemento económico acaecido en Ucraína durante os últimos anos, sinalan, ó tempo, a necesidade apremante de reformas. A pesar de todo, Ucrania segue a estar entre os países máis pobres do continente europeo, de xeito que o crecemento real do PIB chega tan só ó 60% do indicador correspondente en Rusia.

Os expertos alemáns sinalan que Ucraína só poderá tirar proveito do seu potencial económico mantendo a estabilidade macroeconómica e introducindo transformacións estructurais. Pero as reformas en Ucraína atópanse permanentemente ó borde do fracaso, sen que poda dicirse que as primeiras, introducidas polo goberno de V. Yúschenko, avanzasen gran cousa. Cómpre reformar urxentemente os sectores financeiro e enerxético, xa que para incrementa-lo PIB nun simple dólar, dí o informe, Ucraína precisa gastar máis de 3 quilos de petróleo mentres que Alemaña, para face-lo mesmo, só necesita 130 gramos. Sen embargo, continúan os especialistas alemáns, o país poderá ter unha oportunidade real de levar a cabo as reformas despois das eleccións presidenciais de 2004.

Freedom House (FH), unha organización norteamericana de dereitos humanos, sostén que Ucraína aínda non se uniu ó avance da democracia e a liberdade que "se rexistra en todo mundo". O control dos medios de comunicación e a persecución dos opositores polas forzas de seguridade representan unha ameaza para o seu status como "democracia lectoral", sostén a clasificación da devandita organización. Sen embargo, non debe perderse a esperanza, todo dependerá das eleccións presidencias, conclúe.

Segundo Freedom House, Ucraína pertence arestora ós Estados "parcialmente libres", xunto con Armenia, Bosnia-Herzegovina, Xeorxia, Nixeria e varios países africanos e latinoamericanos. Un dos dirixentes de FH, A. Karatnytsky, cre que entre as 12 repúblicas postsoviéticas existen só dúas con posibilidades de progreso: Xeorxia e Ucraína. Na súa opinión, no territorio da CEI teñen aparecido, ultimamente, dous modelos electorais: o de Rusia, onde a elite gobernante controlou, formou e modelou á opinión pública, ademais de manipula-los resultados durante o escrutinio, e o de Xeorxia, onde a elite do país non logrou facelo.