A Constitución Europea e o medo á cidadanía

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

A Conferencia Intergobernamental da UE, que comezou o 4 de outubro en Roma, é, probablemente, unha das conferencias máis importantes para o futuro de Europa dende a Paz de Westfalia de 1648, que formou a base do sistema internacional contemporáneo. A conferencia ten o obxectivo de elaborar unha Constitución para a UE, que, por vez primeira, organice e regulamente formalmente o funcionamento total da Unión e a convivencia dos cidadáns europeos. As discusións baséanse no borrador da "Convención sobre o futuro de Europa" baixo a presidencia do político conservador francés, Valery Giscard D’Estaing. Aínda que o borrador é máis elaborado do que se prevía, contén puntos febles fundamentais. Sen embargo, as discusións entre os gobernos non semellan tomar en consideración estes puntos.

Os puntos febles aparecen en tódalas partes do borrador: na política económica e monetaria, na política exterior e no funcionamento institucional. Pero os máis básicos se atopan nas partes que regulamentan a participación e o poder en xeral dos cidadáns.

Xa o proceso de nacemento en por si sufre de fallas democráticas: a Conferencia Intergobernamental que decidirá a Constitución non ten lexitimación democrática de abondo, xa que só representa ós gobernos dos países membros e non á totalidade dos cidadáns de Europa. Por exemplo, España participa soamente como goberno composto por membros dun mesmo partido, así que non representa nin á totalidade da opinión pública española nin á gran maioría da poboación nalgunhas autonomías. ¿Quen "poñamos por caso" representa a Catalunya ou Euskadi?

En principio, isto non sería necesariamente unha falla democrática se a Conferencia Intergobernamental discutise un tratado internacional, noutras verbas, un tratado entre gobernos. De tódolos xeitos, o goberno español representa no estranxeiro a España. Sen embargo, unha Constitución Europea non é un simple tratado internacional, senón un tratado que crea unha entidade supranacional para que sexa a base da vida política, social, económica e cultural de Europa. Daquela, unha Constitución debe ser un tratado entre os cudadáns. Isto significa que nunha conferencia que decida sobre unha Constitución Europea tódolos cidadáns deberían estar representados. Daquela, a elección dos membros da conferencia tería sido o único camiño para garanti-la lexitimación democrática e, logo, o nacemento da Constitución.

Estas fallas democráticas no proceso de nacemento reflíctense no contido do borrador e, moi probablemente, da propia Constitución. Existen dous campos de problemas fundamentais: en primeiro lugar, as eleccións e, en segundo lugar, o poder dos elixidos.

Segundo o borrador, os cidadáns europeos poden votar directamente soamente ós deputados do Parlamento Europeo, mentres que os outros órganos importantes, o Consello da Unión Europea e a Comisión, non son elixidos. No caso do Consello, que semella agora unha Cámara Alta ou Federal nun sistema parlamentario, os "deputados" non son representantes dos estados membros (nin das rexións), como ocorre no Senado dos EEUU, senón representantes dos gobernos dos estados membros, así que posúen soamente unha lexitimación democrática indirecta. A Comisión, que é executivo de facto da UE, non posúe sequera esta lexitimación. A única lexitimación que ten é a aprobación por parte do Parlamento, que, sen embargo, non pode elixir entre candidatos diferentes. Mellor dito, é unha lexitimación que ten o nivel democrático das "listaxes únicas" dos sistemas políticos do pasado.

Ademais, como se aclara nun artigo da revista alemana Der Spiegel, os votos de cidadáns en diferentes países membros teñen distinto valor: por exemplo, un eurodeputado irlandés representa 285.000 cidadáns irlandeses, mentres que un eurodeputado español representa 730.000 cidadáns españois, é dicir, que un voto dun habitante de Vigo vale menos cá metade do voto dun habitante de Limerick.

Sen embargo, o máis problemático é que son os dous órganos con menor lexitimación os que teñen o máximo poder: a Comisión ten " aparte da posibilidade dunha iniciativa popular " o único dereito de iniciativa, ou sexa, soamente a Comisión pode promover leis. Desta maneira, o Parlamento é privado dun dos dereitos lexislativo máis básicos " o dereito de iniciativa. Ademais, o Consello ten que aprobar tódalas leis aprobadas polo Parlamento, o que equivale a un veto do Consello no proceso de lexislación.

Para rematar, os membros da Conferencia Intergobernamental non esixen a ratificación da Constitución nun referendo popular. Aínda que en certos países, entre eles España, se celebrarán referendos para ratifica-la Constitución, noutros, como Alemaña, só os parlamentos nacionais deberán ratificala.

En resumidas contas, a falla democrática da Constitución Europea é evidente xa no seu proceso de nacemento, no seu probable contido e no seu xeito de ratificación: os pais da Constitución deben ter verdadeiro medo á xente. Daquela, soamente podemos agardar que non se esquezan de incluí-la Carta dos Dereitos Fundamentais, debido ás súas intensivas discusións sobre asuntos tan importantes como a incorporación no preámbulo dunha referencia ó cristianismo.