A defensa común da UE

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Durante as negociacións dos Ministros de Exterior da Unión Europea (UE) sobre a futura Constitución europea a semana pasada en Nápoles (Italia), Alemaña, Francia e o Reino Unido chegaron a un acordo sobre o papel militar da UE. Despois das rupturas entre estes países a causa da guerra anglo-americana en Iraq, o acordo é un logro respectable. Aínda en abril deste ano, Francia, Alemaña, Bélxica e Luxemburgo propuxeron un cuartel xeral de defensa independente " un plan que non gustou nin ó Reino Unido nin ós EEUU. Pero o acordo da semana pasada puxo remate a esta disputa. O acordo é desgraciadamente un típico compromiso da UE, que deixa moito espacio para a súa interpretación. Pero, de tódolos xeitos, abre as portas ó afortalamento da defensa común da Unión. Pero, ¿ realmente necesitamos unha defensa común en Europa?

Segundo os "atlantistas", que argumentan que a defensa de Europa é un asunto transatlántico, é dicir, da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a UE non precisa ningún tipo de defensa común. Ó contrario, a defensa común é un perigo para a efectividade da defensa europea, xa que exclúe ós EEUU e Canada e só duplica os activos da OTAN. Por outra parte, segundo os "europeístas", a OTAN é un legado da Guerra Fría. O que necesita a UE hoxe en día é a súa propia política de seguridade para actuar independentemente. Os "europeístas" lamentan que Europa aínda dependa militarmente dos Estados Unidos, a pesar das diferencias frecuentes na política exterior e de seguridade durante os últimos años. O acordo de Nápoles é, en principio, un compromiso entre estas liñas de argumentación e recoñece, polo tanto, a importancia de ambas.

Non é un secreto que ningún país europeo, nin Francia nin o Reino Unido, ten capacidades militares como as dos EEUU. En particular, os europeos carecen de loxística e intelixencia militar. Mellor dito, ningún país europeo é quen de actuar durante moito tempo fóra da UE. Sempre que os europeos despregaron as súas tropas en países como Macedonia ou Afganistán necesitaron o apoio dos norteamericanos. Ó mesmo tempo, sería insensato que a UE tentara duplica-los activos dos EEUU, porque a maioría dos estados membros xa teñen déficits orzamentarios. Daquela, a UE aínda necesita ós EEUU e á OTAN. Consecuentemente, o feito de que no Acordo de Nápoles se recoñeza á OTAN como organización principal de seguridade en Europa semella acertado.

Non obstante, a UE debería te-los instrumentos suficientes para actuar independentemente en situacións nas que os EEUU non teñan intereses ou nas que a Unión e o Pentágono non están de acordo, coma por exemplo, nos casos de Macedonia ou a República Democrática do Congo. O establecemento permanente da "célula europea" de planificación no cuartel xeral das forzas da OTAN en Europa e as melloras do actual Estado Maior da UE é certamente un comezo. Igualmente, a "cooperación estructurada" prevista no borrador da Constitución Europea é un principio importante, xa que pode conducir a un futuro "exército europeo". Este é o único camiño para crear estructuras militares máis efectivas en Europa. Despois da Guerra Fría xa non se precisan grandes exércitos para defende-lo territorio europeo: "estamos rodeados por estados amigos". O que cómpre realmente é un exército pequeno e flexible, que se poida despregar en zonas de guerras civís e/ou catástrofes humanitarias. Se os estados membros o fan xuntos, se poden compartir custos e evitar duplicacións. Sen embargo, polo momento só existe este vago compromiso de "coordenación estructurada" e de "defensa mutua" entre os países membros de la UE.

A implementación do acordo de Nápoles será lenta e polémica, xa que a política exterior e de seguridade é todavía un asunto esencial dos gobernos nacionais. Probablemente, países como o Reino Unido se reserven un veto na Constitución europea. Ademais, hai problemas prácticos, poñamos por caso, o asunto da duplicación dos activos da OTAN ou, por exemplo, o papel dos "países neutrais" como Irlanda. Pasarán anos ata que a UE sexa unha "Unión de Defensa".