A democracia en Irlanda do Norte: ¿unha víctima da paz?

En octubro de 2002, Paul Murphy, o secretario británico para Irlanda do Norte, suspendeu tódalas institucións da autonomía norirlandesa " os piares do Acordo do Venres Santo de 1998 " debido a unha suposta rede de espionaxe do Exército Republicano Irlandés (IRA) na sede da Asemblea norirlandesa en Belfast. En maio de 2003, o goberno de Tony Blair mesmo cancelou as eleccións para a (xa suspendida) Asemblea, xa que os partidos norirlandeses non chegaran a un acordo para continuar co autogoberno, a pesar da oferta de compromiso e da presión dos gobernos de Gran Bretaña, Irlanda e os EEUU. Sen embargo, a cancelación das eleccións foi unha decisión moi problemática nunha democracia representativa como a de Irlanda do Norte: as eleccións son a verdadeira base da democracia, porque son, en principio, a única forma de que o soberano, é dicir, o pobo, controle ós gobernantes. Pero, ¿como xustificou Tony Blair " un político democrático pese ás súas escapadas non tan democráticas fóra de Europa " esta cancelación?

O argumento principal foi que as eleccións de maio terían posto en perigo o Acordo do Venres Santo e mailo proceso de paz en xeral xa que, dada a situación, os partidos máis radicais contra o Acordo, nomeadamente o Partido Unionista Democrático do ultra-Unionista Ian Paisley, terían gañado case con toda seguridade. Na opinión do goberno Blair, a cancelación das eleccións foi o mal menor. Así, o primeiro ministro británico puido dar máis tempo, principalmente ós Unionistas moderados do Partido Unionista do Ulster (UUP) de David Trimble e ós Republicanos do Sinn Féin, cara chegar a un acordo sobre a continuación do autogoberno, cousa que melloraría as perspectivas electorais destes (e outros) partidos en prol do Acordo do Venres Santo.

Desgraciadamente, os partidos non atoparon unha solución ata o de agora. En realidade, a actual situación política de Irlanda do Norte semella estar a se estancar. Ademais das causas estructurais como as aínda fondas divisións entre os Unionistas/ Lealistas (ou sexa, Unionistas que utilizan a violencia extra-legal) por unha banda, e Nacionalistas e Republicanos (ou sexa, Nacionalistas máis radicais en prol da violencia) por outra, a causa principal da crise actual é a mutua desconfianza no sensible ámbito da seguridade: Os Unionistas non queren comparti-lo poder no autogoberno co Sinn Féin se o IRA non termina definitivamente coas súas actividades paramilitares e non entrega as súas armas. Ó mesmo tempo, o IRA non quere entrega-las súas armas se non pode confiar nun estado que non funciona "na súa opinión- porque os Unionistas non queren comparti-lo poder co seu brazo político e reformar completamente o antigo aparato de opresión do rexime Unionista " a policía norirlandesa. É un verdadeiro círculo vicioso.

Xa que a situación actual é tan complexa, a estratexia do goberno británico foi, no curto prazo, realmente a mellor opción, porque a democracia non tería gañado se se producise un novo estoupido da violencia despois dunha victoria electoral dos partidos que estaban en contra do Acordo: a paz " definida aquí como "paz negativa", isto é, ausencia de violencia física " é a base da democracia. Poren, no longo prazo, o cancelamento das eleccións pode danar demasiado á democracia.

Se os partidos non van chegar a un acordo e o cancelamento non vai ser soamente temporal, a xente " Unionista/Lealista e Nacionalista/Republicana " vai perde-la súa confianza no funcionamento da democracia e, consecuentemente, a paciencia posta no diálogo entre os partidos en prol do Acordo. No longo prazo, a xente debe participar no proceso democrático e, así, no proceso de paz. Se os políticos non solucionaron o empate entre ámbolos dous campos ata o de agora "cousa que era probable tralo remate sen éxito dunha conferencia en Downing Street que reuniu a tódolos partidos do conflicto", a xente ten que decidir si da o seu voto ós candidatos do diálogo ou ós da confrontación. Ó fin e o cabo, a democracia é a base da "paz positiva", é dicir, a ausencia de tódalas formas de violencia e a resolución dos conflictos soamente con medios pacíficos. Daquela, a democracia non debe converterse nunha víctima da "paz negativa".

A chamada ás urnas entre o 13 de novembro e o 4 de decembro semella arestora cada día máis probable mesmo sen un acordo, aínda que Irlanda do Norte sempre está disposta a dar unha sorpresa no último segundo.