A operación militar da UE no Congo: ¿unha pinga no medio do océano?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Na mitoloxía grega "Artemisa" era a deusa da caza e dos animais salvaxes. Recente, os responsables da Política Exterior e de Seguridade Común (PESC) da UE escolleron o mesmo nome como código para a súa operación militar na República Democrática do Congo (RDC). Non foi precisamente un bo presaxio. Porén, "Artemisa" foi tamén a deusa do nacemento e posto que esta operación foi a primeira misión militar europea fóra do continente e sen axuda da OTAN, o código "ARTEMISA" semella máis axeitado. Pero, ¿foi este un mellor presaxio?

Dado que esta operación rematou o 1º de setembro, podese facer agora o balance dos resultados. En xeral, a prensa europea xulgouna positivamente. Por exemplo, nunha reportaxe da BBC un habitante da cidade de Bunia no nordés do Congo comentaba: "antes a nosa situación era moi mala, vivíamos como coellos. Agora temos paz. Podemos estar na casa: descansando, cociñando e paseando pola rúa. Estamos moi ben". Certamente, a operación militar foi un éxito, se non esquecemos os limites das súas tarefas e o contexto xeral.

Dende 1998 a RDC sofre un conflicto moi violento, no que morreron aproximadamente 3 millóns de persoas. Foi un conflicto moi complexo entre varias, e ás veces cambiantes, coalicións de rebeldes e o rexime de Laurent Kabila e, despois da súa morte en 2001, as do seu fillo Joseph. Ademais, cando menos seis estados veciños interviron no conflicto – primeiro Uganda, Ruanda e Burundi apoiando aos rebeldes e despois Angola, Zimbawe e Namibia ao lado do rexime en Kinshasa. Con razón se coñece a esta guerra como a "primeira guerra mundial de África".

Xa en 1999 os pelexados partidos do conflicto encamiñaron un proceso de paz que – despois duns contratempos – rematou na retirada da maioría das forzas estranxeiras e no acordo de Pretoria (Sudáfrica) en decembro 2002 entre os partidos máis importantes do conflicto. Pero a retirada das forzas estranxeiras deixou un vacío político nalgunhas zonas, en particular na provincia de Ituri, no nordeste do país. Alí, os conflictos entre os grupúsculos dos rebeldes fixeron temer que o xenocidio de Ruanda de 1994 se repetiría rematando co proceso de paz, segundo informes do Overseas Developement Institute en Londres, do International Crisis Group e de outras ONGs-. Ademais, estes conflictos vironse aumentados por enemistades étnicas e conflictos sobre as amplas riquezas naturais e polas intervencións estranxeiras.

Consecuentemente o Consello de Seguridade da ONU autorizou en maio de 2003 unha forza multinacional para garantir a estabilidade desta provincia, xa que as pequenas forzas da MONUC (Misión da Organización da Nacións Unidades no Congo) ali presentes se terían visto, de outro modo, desbordadas ata setembro, momento no que chegaron os seus reforzos. A UE ofreceu unha forza de preto de 1400 soldados liderada por Francia que finalmente chegou a Bunia, capital de Ituri, en xuño.

Daquela, tres razóns nos levan a pensar que esta misión militar foi máis cá unha pinga en medio do océano. Primeiro, as forzas europeas estabilizaron como mínimo a capital, aínda que os asasinatos recíprocos continúan no resto de Ituri. Porén, para unha pacificación completa da provincia, que ten o tamaño de España, a UE precisaría 100000 soldados, segundo o Centro de Misións Internacionais de Paz en Berlín – algo inimaxinable na situación política contemporánea de Europa. Segundo; o proceso de paz da RDC está aínda en camiño. En xullo, os líderes dos grupos rebeldes máis importantes omaron xuramento como vicepresidentes conforme á nova Constitución. Terceiro; o UE e a súa aínda nova PESC amosaron que asumen e que son capaces de asumir -parcialmente- a súa responsabilidade humanitaria fóra de Europa, aínda que non debemos esquecer que o goberno francés ten de novo os seus propios intereses xeopolíticos e financeiros en África.

A pesar destes éxitos limitados, a operación militar da UE no Congo amosa tamén unhas deficiencias fundamentais da súa PESC. En particular, os europeos non trataron seriamente as causas profundas do conflicto no Congo que son, ademais, as causas profundas da maioría dos conflictos no subsahara africano. ¿Cales son esas causasa profundas?

Primeiro, as inxustas relacións comerciais entre África e o mundo occidental, en particular coa UE, son corresponsables da decadencia da situación económica e social despois da Guerra Fría no subsahara africano, que, por outra parte, é o foco dos conflictos étnicos. Segundo, as empresas multinacionais poden explotar as riquezas naturais do Congo (oro, diamantes, coltán, etc) e de outras partes de África sen límites por parte dos gobernos europeos. Ademais, estas empresas multinacionais do Congo son as que subministran diñeiro e armas aos grupos rebeldes en troques de poder acceder ás súas riquezas minerais e, desta meneira, financian o conflicto. Terceiro, a UE non puxo suficiente presión sobre os gobernos estranxeiros que tiveron forzas propias no Congo e que, aínda, están a tirar proveito do conflicto.

Aínda que de tódolos éxitos a actual misión militar foi, en por si, un éxito limitado, o feito de que nun futuro os europeos non traten estas causas profundas, non evitará a aparición de novos conflictos e, deste modo, se acadarán éxitos semellantes que serán soamente pingas en medio do océano. Cando menos, Javier Solana, Alto Representante da UE, recoñeceu no informe "Europa segura nun Mundo mellor", do 20 de xuño de 2003, que "en contraste coa ameaza visible e masiva da Guerra Fría, ningunha das novas ameazas é puramente militar." Aínda esperamos os feitos.