A OTAN en Afganistán: trasfondo político e implicacións

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O 11 de agosto de 2003 foi un día de dimensións históricas. Por primeira vez nos seus 54 anos de existencia, a OTAN iniciou unha misión fora do seu ámbito tradicional, a zona euro-atlántica. A Alianza asumiu o liderato da Forza Internacional de Apoio á Seguridade (ISAF) en Afganistán que ten o cometido "baixo mandato do Consello de Seguridade da ONU (Resolucións 1386, 1413 e 1444)" de asegurar un entorno estable en Kabul e os seus arredores e de axudar á Autoridade Afgana de Transición.

Nun principio, a ISAF foi creada en virtude dos Acordos de Bonn, en decembro de 2001, como forza multinacional liderada cada seis meses por un estado diferente, primeiro por Reino Unido, despois por Turquía e, finalmente, Alemaña e Países Baixos. Sen embargo, tanto Alemaña e os Países Baixos como Canadá, o próximo país responsable, percibiron que os relevos impedían a efectividade da misión, porque cada seis meses había que cambiar o cuartel xeral e o centro de mando, cunhas plantillas que debían asumir sempre de novo unha responsabilidade complexa. Polo tanto, estes países solicitaron ao Consello do Atlántico Norte que a OTAN se encargara da ISAF.

De todas formas, estas razóns non explican de todo por qué a OTAN asumiu a súa primeira misión fora de Europa. ¿Por qué non pediron á ONU que transformara a ISAF nunha misión de cascos azuis? En realidade, a ISAF xa ten un mandato robusto do Consello de Seguridade. Ademais, a ONU é unha organización máis completa, é dicir, xa conta cos medios para solucionar os amplos problemas de Afganistán, tanto económicos e sociais como de seguridade, mentres que a OTAN é principalmente unha organización militar. Unha misión da ONU tería aberto, tamén, a porta ás nacións de fora do mundo occidental, en particular aos países islámicos.

Parte da explicación da preferencia pola OTAN reside no discurso do 11 de agosto de Minuto Rizzo, o vicesecretario xeral da OTAN, quen dixo que "esta nova misión é unha manifestación da continua transformación da OTAN, que opta por facer fronte aos retos do século XXI." Pero, ¿qué significa esta "continua transformación"?

O fin da Guerra Fría privou á OTAN da xustificación principal da súa existencia, a ameaza soviética. Sen embargo, tanto os EEUU como Europa creron que aínda necesitarían a OTAN, xa que foi, e aínda é, a organización transatlántica máis importante. Por iso, empezaron a transformar a Alianza para adaptala ao mundo da pos-Guerra Fría. Como implica a cita de Minuto Rizzo, unha das transformacións centrais da OTAN é a adopción de "misións de paz" como nova xustificación da súa existencia. Estas misións empezaron " máis ben con resultados modestos " no "patio de Europa", nos Balcáns, para logo ir máis lonxe. Así, a asunción do comando da ISAF pola OTAN é unha consecuencia lóxica e, en palabras de Jack Deverell, Xeneral das Forzas Aliadas do Norte, un "hito" na transformación da OTAN.

Pero ao mesmo tempo, non se debe sobrevalorar este acontecemento. A un nivel máis profundo, se evidencia que a OTAN está perdendo poder e influencia. De feito, os EEUU non utilizaron practicamente a axuda militar da OTAN durante a guerra en Afganistán senón despois dela, a pesar de que a OTAN invocou, por primeira vez na súa historia, o articulo V de defensa colectiva da Alianza. Os líderes norteamericanos preferiron, no seu lugar, ir á guerra cunha "coalición dos dispostos", modelo que foi repetido en Iraq.

Ademais da ideoloxía unilateralista do Pentágono, tres razóns explican estas preferencias do goberno americano. Primeiro, os EEUU non necesitan militarmente aos europeos, cunhas forzas armadas que non poden medirse coas súas. Segundo, o fracaso militar da "guerra por comités" da OTAN, en Cosova, en 1999, foi un aviso para a opinión dos círculos poderosos en Washington. Terceiro, a emancipación europea en cuestións de defensa e seguridade despois da Guerra Fría " algúns membros da UE empezaron en 1999 a construír seriamente unha, aínda que embrionaria e discutida, política de seguridade común " provocou desavenencias e desacordos entre os membros da Alianza. A recente ampliación da OTAN aumentou esta problemática, xa que os sete novos membros do antigo pacto de Varsovia tamén teñen os seus propios e a veces controvertidos intereses. Ademais, a ampliación vai continuar e podería incluír no futuro a Rusia.

A conclusión debe ser que a OTAN xa non é unha Alianza para a defensa colectiva, senón unha crecente organización de seguridade, cuns membros que poden poñerse de acordo en misións militares ocasionalmente, cando os intereses dos membros da OTAN coincidan, como en Afganistán. Neste caso, os europeos poden demostrar sen oposición masiva dos seus países a súa lealdade cos EEUU. Ao mesmo tempo esta misión da OTAN garante o liderato indirecto das forzas armadas estadounidenses, xa que os cuarteis xerais da misión son o Cuartel Xeral Supremo das Potencias Aliadas en Europa (SHAPE) e o Cuartel Xeral das Forzas Aliadas en Europa Septentrional (AFNORTH), ambos dirixidos por xenerais norteamericanos. Ademais, noutras palabras, é unha misión de baixa intensidade (soamente en Kabul), e por iso de baixos custes. Sen embargo, a misión evidencia tamén que a OTAN, pese ás misións ocasionais que terá, perdeu poder.