Irlanda do Norte: eleccións sen acordo

Ó comezo, o 21 de outubro de 2003 semellou transformarse nun día histórico para Irlanda do Norte. Sen embargo, a "coreografía", é dicir, a planificación previa da secuencia de eventos políticos "un elemento central da política norirlandesa dende hai anos para incrementa-lo efecto desexado" fracasou ese día, a pesar de que todo comezara perfectamente.

Pola mañá, o goberno británico anunciou que se celebrarían as leccións á Asemblea de Irlanda do Norte (canceladas en maio) o vindeiro 26 de novembro, cumprindo así a demanda do brazo político do Exército Republicano Irlandés (IRA), o Sinn Féin. Pouco despois, Gerry Adams, presidente do Sinn Féin, declarou nun discurso que "nós opoñémonos ó uso ou á ameaza da forza para calquera fin política", e engadiu que "o Sinn Féin quere que tódalas armas desaparezan da sociedade irlandesa". Aínda que non dixo literalmente "a guerra rematou", como lle demandaron os Unionistas, as súas verbas convenceron ós Unionistas moderados, en particular, cando o IRA aclarou que estaría de acordo con Gerry Adams e confirmou a entrega dunha gran cantidade de armas.

Sen embargo, o presidente da Comisión Internacional de Desarmamento, o xeneral canadense John de Chastelain, non puido confirmar pola tarde nin o lugar nin a cantidade das armas entregadas, debido a un acordo de discreción co IRA. Polo tanto, o líder dos Unionistas moderados, David Trimble, se anoxou e non cumpriu a súa parte da "coreografía" "aplaudi-los actos dos Republicanos e abri-lo camiño para unha nova executiva norirlandesa co Sinn Féin-. Na súa opinión, era necesario un acto de desarmamento moito máis transparente para convencer á desconfiada comunidade Unionista.

O asunto do desarmamento tense transformado nun asunto simbólico na comunidade Unionista: é principalmente o medio dos Unionistas contra o Acordo do Venres Santo para amosar que os Unionistas son os perdedores do Acordo en xeral, xa que os Republicanos recibiron, e aínda reciben, demasiadas concesións. O asunto inflouse tanto que agora non vale sequera un desarmamento substancial baixo a supervisión dunha comisión verdadeiramente independente, aínda que en moitas outras sociedades de posguerra, como en Sudáfrica ou algúns países centroamericanos, este asunto non tivo importancia ningunha. Os Unionistas contra o Acordo saben que este asunto ten carácter simbólico tamén entre os Republicanos, porque o desarmamento, en particular o desarmamento público, cheira a capitulación. Por iso os Unionistas queren evitar calquera acto que poida simboliza-la súa derrota (por certo, a palabra utilizada en inglés para "desarmamento" non é "disarming" senón "decommissioning", que significa soamente "poñendo fóra de servizo").

O resultado é, outra vez, un empate total entre os partidos do conflicto. Non obstante, Tony Blair reafirmou que non cancelará as eleccións de novembro. Daquela, ¿que se pode agardar destas eleccións?

Posto que tódolos partidos nacionalistas e republicanos están en prol do Acordo do Venres Santo, que o Sinn Féin desprace ó Partido Socialdemócrata e Laborista máis moderado, converténdose no partido máis votado na comunidade Nacionalista/Republicana, ten soamente unha relevancia menor. O máis importante é o resultado na comunidade Unionista; en total, existen tres posibles escenarios diferentes.

En primeiro lugar, que o Partido Unionista do Ulster gañe as eleccións debido a un novo acordo co Sinn Féin antes di 26 de novembro, de xeito que ambos poidan comparti-lo poder na executiva norirlandesa "desgraciadamente, algo moi improbable-. En segundo lugar, que todo quede como está agora. Isto significaría que o proceso dea, máis unha vez, dous pasos adiante e un atrás. En terceiro lugar, que o Partido Democrático Unionista (DUP) e outros Unionistas en contra do Acordo do Venres Santo gañen as eleccións, o que podería ter dous efectos: que o DUP renegocie un novo Acordo que inclúa a toda a oposición Unionista no proceso de paz (despois de todo David Trimble xa foi visto como "home duro" antes do Acordo do Venres Santo); ou que o proceso de paz fracase, abrindo a posibilidade dunha nova onda de violencia.

Por conseguinte, coa chamada ás urnas de novembro, o futuro do proceso de paz estará nas mans dos cidadáns norirlandeses.