O que diga a ONU

Ata os anos 60, o Sáhara Occidental non era máis que un deserto cunhas reducidas explotacións pesqueiras na costa. En 1968, cando España se retirou da provincia marroquí de Sidi Ifni, o Sáhara Occidental se conservou por un interese case persoal de Carrero Blanco, incrementado co descubrimento na mesma década dos xacementos de fosfatos. Neses mesmos anos, Hassan II sufre un golpe de Estado que intenta superar enarbolando a bandeira nacionalista contra unha colonia española que nunca dependera de Marrocos.

Uns anos despois, en 1975, no momento da Marcha Verde e en plena agonía de Franco, o Goberno español se lavou as mans para centrarse nos problemas internos e optou por firmar a Declaración Tripartita de Madrid pola que Madrid deixaba de ser a metrópoli e se fixaba un mandato provisional entre marroquís, mauritanos e saharauís. Ese acordo é a orixe da situación actual ao haber “puenteado” a resolución 1514 da Asemblea Xeral da ONU, adoptada en 1960, que determina a responsabilidade das metrópolis, neste caso España, ata o momento en que a colonia sexa quen de rexer os seus propios destinos de forma independente.

A postura posterior de todos os gobernos españois, incluído o actual, foi a de remitirse “ao que decida a ONU”. O problema é que, en orixe, España incumpriu en 1975 o que la ONU viña declarando en todas as súas reunións sobre a descolonización no mundo dende unha década antes.

A pesar do intento de lavarse as mans en 1975, España sigue sendo a única “potencia administradora” mentres que Marrocos non é máis que un país ocupante que debera retirarse e pagar indemnizacións. Iso é, cando menos, o que di ese Dereito Internacional Público tan poucas veces aplicado nos casos de soberanía a favor das políticas de feitos consumados.

Pero a ONU parece non dicir o mesmo que hai 25 anos. Xa ninguén se lembra dos poucos territorios que quedan por descolonizar. Ese “o que diga a ONU” que ven aplicando España dende hai dúas décadas convén cada vez menos aos intereses dos saharauís e cada vez máis aos das grandes potencias (estatais e empresariais). Porque a ONU di o que os seus estados membros queren que diga, nin máis nin menos. E hoxe, Marrocos quere os fosfatos; España, o peixe; Francia e Estados Unidos, o petróleo. Mentres, os saharauís seguen querendo o que sempre quixeron: a súa terra.