A bomba de reloxería apelídase Saud

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

¿Imaxina vostede que a denominación oficial de España fose España dos Borbones? Pois Arabia Saudita é o único país do mundo co topónimo oficial acompañado do nome da familia reinante. A saga dos Saud foi institucionalizada hai 240 anos polo xeque Muhamad Ibn Saud, que converteu en lei fundamental do seu entón incipiente reinado o catecismo dos wahabitas, unha secta fundamentalista sunnita creada por Muhamad Ibn al-Wahab, coetáneo de Ibn Saud. O actual monarca saudita, Fahd Saud, é, polo tanto, o gardián do wahabismo; amén de dirixir unha familia reinante composta por unhas 3.000 persoas, entre as que figuran centos de xeques e decenas de príncipes.

Os Saud controlan todos e cada un dos resortes do poder do país, dende as institucións lexislativa, xudicial e executiva do Estado até os consellos de administración das máis importantes empresas árabes (petroleiras e constructoras, servizos e sanidade, transportes e alimentación). Ó mesmo tempo, os Saud ostentan a comandancia suprema das forzas armadas e dirixen a policía e a temida Mutawan, o corpo de funcionarios encargado de executa-las sentencias do Comité para o Fomento da Virtude e a Prevención do Vicio.

O wahabismo naceu no século XVIII como resposta do clero musulmán á progresiva secularización da Administración colonial otomana, que até ben entrado o século XX gobernou Arabia. Durante a época máis negra do imperio otomán, que abusou da violencia até extremos inusitados, as reivindicacións relixiosas de Ibn al-Wahab mesturáronse con reclamacións civís e políticas. Pouco a pouco e gracias á súa influencia en fogares e colectivos sociais, os cadros wahabitas teceron unha vasta rede de complicidades.

A doutrina wahabita penetrou, sobre todo, nos clans arábigos de hábitos nómadas e adicados na súa maioría ó pastoreo. O credo da secta fixo seus os postulados da escola xurídica hanbalí, cuxas esencias teóricas foron enunciadas por Ahmed Ibn Hanbal, que foi o máis puritano, tradicionalista e panárabe dos xuristas formados ó abeiro do califato abasí (século XI).

Os wahabitas, ó igual que Ibn Hanbal, defenden que a sharia (preceptos relixiosos musulmáns) teña rango de lei civil e que as constitucións dos países árabes fagan seus eses principios. A sharia dos wahabitas, por ende, é singularmente involucionista porque, ó contrario que a sharia de xeral aplicación entre os sunnitas, prescribe que as únicas leis válidas son as extraídas do Corán e os seis libros de hadices (a sunna), que expoñen as sentencias e opinións atribuídas a Mahoma e ós seus discípulos. É dicir, toda norma ou lei dictada con posterioridade carece de lexitimidade. Ese criterio "que os dirixentes e mandos intermedios actuais do wahabismo saudita fan seu- imposibilitou toda modernización ou adecuación lexislativa á realidade. En resumo, o wahabismo reproduce valores e ofrece solucións bosquexados hai catorce séculos.

Os Saud, na súa calidade de "bispos" do wahabismo, rexeitan sistematicamente todo tipo de innovación ou reforma relixiosa de corte racionalista. De feito, o rigorista credo wahabita é o piar ideolóxico sobre o que descansa a monarquía dos Saud, e con ela a pervivencia dun código penal que aínda contempla, entre outras aberracións, a amputación das mans ós ladróns, a flaxelación dos que consumen viño e a lapidación das adúlteras. A Administración civil saudita conculca a diario os dereitos humanos que ampara Nacións Unidas.

En Arabia, por ende, os dogmas do wahabismo aplícanse "mais non sempre rigorosamente nin para todos- nunha sociedade cada vez máis influenciada polos efectos económicos, sociais e culturais que xera a descomunal riqueza petrolífera. O país dos Saud é chocante, pois conviven a máis avanzada tecnoloxía, un río de petrodólares e regras de xogo inequivocamente medievais.

O actual monarca, Fahd Saud iniciou a súa carreira política en 1962, cando foi nomeado ministro do Interior. El foi o mentor do primeiro e até o de agora único programa de desenvolvemento planificado e executado en Arabia, durante o sexenio 1975-1980. Gracias ás reformas e ás obras deseñadas polo equipo de tecnócratas que dirixía Fahd, Arabia posúe notables infraestructuras (autoestradas, portos, aeroportos, hospitais) e a poboación en xeral "pese á previa selección e constante fiscalización personalizada- goza de xenerosos servizos asistenciais, aínda que de marcado sesgo paternalista e coactivo. En paralelo, Fahd "occidentalizou" o sistema financeiro do país.

O afán modernizador do rei, que no seu día e antes de acceder ó trono concitou esperanza nos sectores liberais da minúscula e débil clase media árabe, obedecía á súa formación e á súa dilatada experiencia diplomática. Das súas viaxes e prolongadas estancias en Occidente, Fahd aprendeu que para perpetua-lo poder dos Saud cumpría propiciar certo grado de estabilidade social e, sobre todo, calar bocas e contentar petos. En consecuencia, a dictatorial Arabia dos wahabitas é unha sociedade silenciada polo medo, comprada co reparto selectivo de riquezas sen conto e adormecida con prestacións convenientemente condicionadas.

A pesar dos escaparates institucionais e da complicidade da maioría de medios de comunicación de Occidente, en Arabia a falla de respecto ós dereitos humanos é tal palmaria como a que sufriron os afgáns cando Kabul era a capital dos talibáns, que, paradoxal e significativamente, eran e son declarados admiradores da secta sunnita fundada por Ibn al-Wahab.

Ninguén ignora, tampouco en Washington nin en Madrid, que membros da familia Saud apoiaron economicamente ós talibáns para derroca-lo Goberno afgán prosoviético e instaurar en Kabul un rexime islamista.

Nos últimos anos, o comportamento dos Saud "da súa xenerosidade saben tamén os fundamentalistas que operan en Alxelia, en Exipto, no Líbano ou na provincia china de Sinkiang" ten amosado que o primeiro productor mundial de petróleo nin sequera precisa ter unha política estable de alianzas. O Goberno dos Saud coquetea dende hai décadas con Washington e, pese a iso, se permite o luxo de financiar impunemente as correntes relixiosas máis ortodoxas, dende Marrocos até Indonesia. É máis, os Saud gaban a política da Unión Europea en Oriente Próximo e, sen pestanexar, coa outra man emponzoñan as relacións islam-cristianismo nos Balcáns e no Cáucaso (extremistas musulmáns de Chechenia, Cosova e Bosnia nutríronse con dólares wahabitas).

Os Saud, xenerosos tamén na costa malagueña, gozan dun poderoso salvoconducto xeopolítico: as reservas de hidrocarburos máis cuantiosas da Terra.

Dando por certo que os últimos atentados perpetrados no territorio saudita son obra de Al Qaeda, na península arábiga danse condicións obxectivas inmellorables para a desestabilización, pero non por causa das accións terroristas da organización que ó parecer lidera Ben Laden, senón polo carácter do rexime saudita, pola ausencia de clases medias (non hai ningún colchón social entre a xeralidade da poboación e as familias que gobernan e se enriquecen por estar emparentadas cos Saud) e porque o sistema socio-económico carece de estructuras racionais. Só o eficaz labor das policías civil e relixiosa, en coordenación cun exército adecuadamente gratificado, impiden que estoupe o polvorín.

É incerto que Al Qaeda sexa o motor da desestabilización na leira saudita. Canto ocorre e canto poida ocorrer en Arabia nos próximos anos é e será responsabilidade dos Saud, agás para os reproductores de espellismos.

O que carece de explicación lóxica, mesmo dende un punto de vista occidentalista, é que os gobernos dos Estados Unidos e da Unión Europea teimen en apoiar, lexitimar e defender un rexime podrecido cuxa previsible caída xerará unha crise enerxética de alcance mundial e imprevisibles consecuencias.

Os Saud, que se teñen negado sistematicamente a racionaliza-los seus criterios de gobernación, constitúen un perigo máis real que Al Qaeda. Máis desestabilizador que o terrorismo branquista é a medieval mesquindade dunha macrofamilia que aplaude o apedreamento das esposas que deciden romper cos seus maridos. Só é un detalle, pero revelador. ¿Quen alimenta con maior eficacia o nihilismo e o caos, os desesperados ou iluminados que se inmolan cunha bomba xuntada ó corpo ou os gobernantes que amparan a iniquidade e a corrupción xeralizadas?

Neste escenario, os criterios xeopolíticos dos Estados Unidos resúmense cunha palabra: petróleo. Os hidrocarburos están detrás de tódalas decisións que adopta Washington con relación a Oriente Medio e ó país dos Saud, máxime despois do relevo de Bill Clinton na Casa Branca. Arabia sería unha bomba de reloxería aínda que Al Qaeda non existise.