O triunfo do europeísmo formalista

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Non é certo. Non é certo que o futuro da Unión Europea (UE) se dilucide só e exclusivamente na Convención Europea, esa sorte de asemblea de notables que dirixe o ex presidente francés Valery Giscard d’Estaing. A configuración institucional da UE, así como a máis que previsible posta en marcha de dúas comunidades que avanzarán co paso cambiado, se están decidindo, ante todo, nos despachos gobernamentais de Berlín, París, Londres, Roma, Madrid… e incluso na Casa Branca.

O fracaso do cumio de Niza, onde se debía haber consensuado a estructura básica que permitiría dar o salto da UE de 15 socios á UE dos 25, non foi un revés puntual, nin tampouco foi unha solución de urxencia para evitar males maiores. Niza foi un éxito nun aspecto pouco valorado. A reunión de Niza (incluídas as sempre sabrosas conversas de pasillo) serviu para deixar constancia de que o proxecto europeísta se quedou no que se queou. ¡Basta de dar voltas ás palabras! A UE, tal como a entenden hoxe por hoxe a maioría de gobernos dos Vintecinco (os actuais e os futuros socios) é un proxecto que soamente persigue harmonizar mercados, compatibilizar diferentes estructuras económicas e productivas e, sobre todo, abrir e reforzar resortes financeiros. Pouco máis. Os aspectos sociais, e incluso os do apartado de Xustiza e Interior, que uns e outros aceptan uniformar moi levemente, soamente se tocan cando é necesario facelo por causas que sempre son de orixe económica ou xeopolítica. A carne e o sangue da UE (é dicir, a poboación e as forzas productivas) a penas contan. A veces, nin sequera contan.

Salvo nalgúns ámbitos e sectores de Alemaña, Francia, Holanda, Bélxica e Luxemburgo, no resto de países a construcción dunha auténtica Unión Europea soamente é apoiada por minorías e, en todo caso, por aqueles que se benefician das políticas de cohesión; as cales, para colmo, están a punto de ser laminadas a causa da racanería presupostaria dos chamados grandes.

Máis que medo a perder comisarios ou representatividade no Consello de Ministros da Unión, os actuais países socios temen perder competencias e o control efectivo de importantes parcelas de poder en aspectos económicos, xeopolíticos e, de rebote (¡soamente de rebote!), sociais.

Na trastenda das institucións, os consorcios trasnacionais (dende as industrias petroleiras ata as constructoras de coches, pasando polas químicas, farmacéuticas, metalúrxicas ou as de alimentación e os transportes) son decididamente partidarias dunha Unión politicamente débil e fragmentada. A maiores, nesa ofensiva antieuropeísta participa activamente Estados Unidos, non soamente coas constantes trabas coas que dificulta e distorsiona acordos trasnacionais, tanto na Organización Mundial de Comercio (OMC) como nas relacións trasatlánticas, senón que tamén actúa contra a UE en aspectos de seguridade (léase, na OTAN) e en Nacións Unidas e nos foros que dependen desta organización (OMI, TPI, UNESCO, etcétera).

¡Basta de compartimentar os escenarios! A configuración futura da UE, ao igual que outros aspectos da política internacional, non se deciden en foros abertos. A Convención Europea, a que pilota o intelixente e mediático Giscard d’Estaing, destapa desencontros e muñe consensos, aínda que istes sexan estéticos e formalistas. Pero pouco máis. A Convención Europea tamén sirve, por desgracia, para distraer atencións e ocultar (anque sexa involuntariamente por parte de moitos dos seus membros) as cegueiras políticas e os egoísmos económicos (case todos de orixe privada) que impiden sacar a UE do burato en que caeu durante os debates previos ó cumio de Ámsterdam (1996-97). Os acendrados nacionalismos económicos e "mentais" de gobernos coma o británico (Thatcher deixou unha pegada imborrable) e o español (a esencia do "aznarismo" é basicamente a autarquía), aos que se suma a renovada ofensiva imperialista estadounidense, mediatizaron todos os debates. Por ende, persoeiros como Silvio Berlusconi contribúen a que a Convención Europea, e con ela a maioría dos creadores de opinión dos países socios, reduzan o problema ao simple cómputo de comisarios e de votos ponderados no Consello de Ministros da UE.

Non é certo. Non é certo que as dificultades para desenvolver o proxecto europeísta radiquen na proporcionalidade dos votos. As dificultades son moito máis graves e imposibles de superar na Convención Europea. A postre, tempo ao tempo, a Convención e os gobernos dos Vintecinco pactarán unha estructura institucional e un sistema para a toma de decisións. Pero, lamentablemente, seguirán vixentes o economicismo e o sacrificio constante das políticas sociais, relegadas para non entorpecer o salvaxe e desestabilizador incremento das plusvalías.

En ocasións, un exemplo resume a esencia dos problemas. Vexamos un que, a pouco que escarbemos, destapa contradiccións que máis pronto que tarde aflorarán. O producto interior bruto (PIB) español sigue crecendo por riba da media da UE; ou iso din as cifras oficiais. Se outorgamos fiabilidade indiscutible aos sistemas que aplican os economistas institucionais para medir ese e outros parámetros, hai que concluír que, en efecto, o PIB español crece con vigor e, por tanto, nada habería que temer no económico a corto e medio prazo. Sen embargo, máis do 80% dese crecemento do PIB é fillo das plusvalías financeiras, de operacións especulativas e, por dicilo de modo simple, gracias a un concepto da Economía que antepón a caixa rexistradora á producción de bens reais.

Dito doutro modo, España produce cada vez máis, certo, pero a un ritmo moito máis lento do que reflicten os datos da Economía, ciencia que algúns están convertendo nun saber cada vez menos fiable e menos obxectivo.

O que máis engorda ese crecemento do PIB son o aumento das plusvalías financeiras, o aumento da masa monetaria (diñeiro en movemento) e, por poñer un exemplo máis pedestre, o aumento irracional e incontrolado do diñeiro que se move en sectores coma o da construcción ou o das chamadas empresas tecnolóxicas. Amén de fenómenos "empresariais" e bursátiles coma o de Inditex e o de Telefónica.

¿Qué teñen en común a perversión da ciencia económica e a construcción dunha Europa máis estable? Sinxelo. Do mesmo modo que numerosos ideólogos e creadores de opinión utilizan a ciencia da Economía como ferramenta do sistema, iniciativas como a Convención Europea xa son, en puridade, ferramentas coas que os "inimigos" do europeísmo real enredan a madeixa das ideas e ocultan os problemas reais da Unión. E o problema número un é ben simple: a radical ausencia de vontade política para que a UE sexa o que hai 50 anos proxectaron Robert Schuman e compañía.

A Europa económica, política e social se quedou nunha Europa financeira e comercial que, para colmo, nin sequera respecta as súas decisións. Proba disto é a actual negativa das institucións comunitarias a impoñer o libre acceso (anque regulado) da flota galega a todos os caladoiros da Unión, incluído o box irlandés, tal como se decidiu en 1985.

Non é certo. Non é certo que a Convención Europea afronte os problemas reais da construcción da UE. Os notables que dirixe Giscrad D’Estaing soamente traballan con ladrillos para levantar simples tabiques auxiliares. A estructura do edificio a deseñan os gobernos. Haberá dúas UE (a do eixe Berlín-París) e a dos nacionalismos economicistas, soberanistas e decimonónicos que defenden os Blair, Aznar, Berlusconi e a maioría dos dirixentes dos países do Leste.

O debate dos números e das representatividades é un debate tan aritmético como politicamente absurdo. A esencia é outra.