A Iniciativa de Xenebra: unha nova vía para a paz

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

Novamente, e ante a sorpresa internacional, o 1 de decembro presentábase en Xenebra, unha nova iniciativa para afondar na vía pacífica en Oriente Próximo. Sen participación oficial, este documento resultado de conversas secretas durante tres anos entre representantes da sociedade israelita e palestina, conta co respaldo de personaxes relevantes do espectro progresista mundial, ante a posibilidade de avanzar na solución do conflicto palestino- israelí. A Iniciativa de Xenebra é, sen dúbida algunha, un novo impulso á necesidade do restablecemento das vías de achegamento entre as partes, ante os últimos acontecementos de extrema gravidade acontecidos no territorio: a radicalización da violencia, o levantamento do muro por parte do goberno de Sharon e a falta de implicación dos Estados Unidos no seguimento do cumprimento da fases establecidas na Folla de Ruta.

Resistencia e adaptación aos cambios. Ben puideran ser os adxectivos da loita palestina. 30 anos de invasión israelí nos territorios ocupados de Gaza, Cisxordania, Sinaí ou os Altos do Golán. Adaptación que tivo a súa máxima expresión na redefinición case constante das estratexias e da axenda política entre os principais partidos palestinos: da OLP á Autoridade Nacional Palestina, da esixencia da Resolución 242 das Nacións Unidas ao compromiso da Folla de Ruta. Resistencia que se traduciu nas dúas intifadas, na toma das rúas como expresión da vontade popular, na supervivencia nos territorios ocupados, no constante desprazamento das fronteiras e na defensa dos dereitos dos pobos nun escenario internacional liderado por unha única superpotencia que impón o seu modelo globalizador.

Se analizamos as reaccións dos principais actores afectados, obteremos uns bos indicadores da tensión, do compromiso e da aceptación de solucións pacíficas que están presentes en Oriente Próximo. A resposta do goberno israelí de Ariel Sharon foi inmediata, tildando de traidores aos participantes nas conversas, atacando deste xeito, directamente, á principal forza da oposición en Israel, o partido laborista. Sen embargo, a Autoridade Palestina caracterizouse pola prudencia, silencio ao principio e apoio posterior, como tamén comunicou a ONU. Pese as diferencias políticas entre Fatah, o Frente Popular para a Liberación de Palestina e o Partido do Pobo Palestino, a pertinencia da negociación para a conquista dun estado palestino antes do 2005, como se recolle na Folla de Ruta, foi xa un avance cualitativo. O recoñecemento da Iniciativa de Xenebra por parte da ONU e da ANP, outórgalle unha posición relevante, un respaldo se cabe maior a un documento, non legal, que se ergue como complementario á Folla de Ruta, elaborada polo Cuarteto de Madrid.

Eis, os antecedentes da Iniciativa de Xenebra non foron poucos, dende as conversas de Camp David, aos Pactos de Oslo de 1993. En total, 11 proxectos que sufriron importante crises no seu seguimento e execución, no que cabe salientar o fracaso do último, a Folla de Ruta elaborada polo Cuarteto de Madrid, na que estiveron implicados no seu deseño: a Federación Rusa, a Unión Europea, Estados Unidos e Nacións Unidas. Na Folla de Ruta, a consecución do Estado Palestino defínese como a consecución de tres fases: en primeiro lugar o final do terrorismo e o cese da violencia; seguidamente da aprobación dunha Constitución palestina e no final a solución definitiva aos asuntos dos asentamentos, de Xerusalén, coa celebración dunha segunda Conferencia Internacional.

Claro está, que un dos motivos que ten acelerado á presentación da Iniciativa de Xenebra, como achegamento e traballo conxunto da sociedade civil palestina e israelí para facer posible o restablecemento da confianza que tanto se menciona na Folla de Ruta, e por conseguinte, contribuír á normalización da vida en ambos os dous bandos, foi o levantamento dun muro que aspira a separar máis de 650 km de territorio . 150 km son xa unha realidade, máis que un elemento simbólico ou unha construcción futura do imaxinario palestino como diría un posmoderno, a verdade é que o muro, máis que un experimento epistemolóxico, é unha nova división territorial tanxible do territorio cisxordano, un experimento unilateral do cese da violencia. En palabras de Sharon, o muro é unha valla de seguridade, de protección, ante os ataques suicidas palestinos tras o comezo da segunda intifada no ano 2000. Porén, a cuestión: como é posible afondar no equilibro social e na consecución dun clima favorable ao entendemento, con actitudes provocadoras que teñen como resultado inmediato, segundo a organización de dereitos humanos israelí Btselem a incomunicación de 263.000 palestinos e o dano dos intereses directamente de 875.000 palestinos?. Das experiencias das sociedades modernas en torno ás barreiras e das súas consecuencias que mellor que un poeta alemán, Durs Grünbein e a súa obra, Zona gris á mañá.

Nembargantes, é preciso detérmonos no papel que xoga os Estados Unidos no proceso, impulsora da negociación baixo o goberno Clinton e con Bush instigadora da Folla de Ruta, quen fixo unha petición do cese da construcción do muro, mais recoñecendo o dereito de defenderse por parte dos israelitas. Agora ben, outro dato fundamental é o que fai referencia ao apoio social co que conta Sharon en Israel, cun respaldo electoral potente, que lle permite o manexo de decisión unilaterais fora das propostas democráticas habermasinas ou de feministas teóricas da democracia como Okin.

Como conclusión unha última cuestión. Se coa caída do muro de Berlín xurdiu unha nova orde internacional e a confirmación dos Estados Unidos como única superpotencia, o levantamento do muro de Cisxordania provocou un rexurdir de vellos fantasmas nas sociedades democráticas, polariza as estratexias e os posicionamentos cada vez máis tensos ante o acontecer na actual solución dos conflictos internacionais entre diferentes pobos. A Iniciativa de Xenebra é a expresión dun dos bloques de pensamento menos polarizado que hai 10 anos, que quere estar presentes na area política internacional. A tensión entre a política intelixente e a política emocional está a definirse estes días. Da dúbida á afirmación.