A Guerra do Gas, estoupoulle a Lozada

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Os 32 días da guerra do Gas que deron fin ao mandato doutro exitosos "chicago boys" dos anos 90, non foron máis que un breve epílogo doutras guerras do século XXI: a guerra da Auga de Cochabamba, ou a guerra da coca do Chaparé, a guerra contra do imposto salarial, a guerra da educación… Todas elas saldáronse con mortos causados pola violenta represión do exército. En todas elas percibíase o substrato da desigualdade no país máis pobre da América Latina ancorado no posto 112 do ranking do Índice de Desenvolvemento Humano (IDH). EEUU deixou caer a Lozada, a quen nas eleccións do ano pasado apoiara ata ameazar con desastres económicos, no caso dun hipotético triunfo do opositor Evo Morales do MAS (Movemento ao Socialismo).

EEUU é o culpábel da defenestración do goberno democrático en Bolivia, laiábase onte nunha entrevista ao xornal "The Miami Herald", "O Goni", así coñecido popularmente Sánchez de Lozada, co seu acento norteamericano que nunca perdeu a pesar de levar 40 anos no país, logo dunha infancia e mocidade nas rúas de Chicago.

Case de xeonllos suplicaba, na última visita ao Presidente Bush, 150 millóns de dólares para balancear un orzamento desequilibrado, no que se acumulaba un déficit do 9% do PIB. Nos últimos 15 meses só chegaron 10 millóns de dólares, do amigo americano, destinados a erradicar a cultivo da coca; obxectivo que exaspera aos indíxenas que viven do seu sagrado cultivo.

Tanto ten se, neste río de sangue, morreron 65 ou 100 persoas. O punto da crispación social era tal que cada acto represivo, en vez de atemorizar aos sublevados, provocaba maior ira, contestación social e sumaba adhesións contra do goberno.

Dende Washington, chegouse a convicción de que cumpría pasar a opción B, antes de que o país caese nas mans do Opositor Morales e do Líder campesiño Felipe Quispe. Carlos Mesa, o vicepresidente, soltou amarras co seu mentor -compañeiro de fórmula electoral- e converteuse na única opción posíbel.

O novo presidente, sen pasado político ata hai ano e medio, con inquedanzas intelectuais, analista político, autor de dez libros de xornalismo e cine e copropietario de medios de comunicación, ten unha oportunidade, para coarse na historia do país como o home que propiciou o cambio.

O pais cheira a unha nova etapa histórica que siga a estela de Brasil, Ecuador, Venezuela, Arxentina…, a referendo sobre o gas, a negociación cos líderes opositores Morales e Quispe, a volatilización de vellos partidos, a reformulación constitucional.

Pese a contar co aval político estadounidense, Mesa, terá que renegar do Consenso de Washington ao que se aferraron os seus predecesores. Onte mesmo declaraba "Apostar pola ortodoxia é unha loucura. O modelo ortodoxo xa non ten substentabilidade".

Sen partido, sen voluntarios para integrar un goberno precario, sen orzamento, cun sector opositor liderado por Felipe Quispe -para quen Carlos Mesa só é un Clon de Lozada-, en pé de guerra e obstinados en non levantar as barricadas ata que se lle dea solución aos 72 puntos reivindicativos que alzaron contra Lozada…, non agarda precisamente un camiño de rosas, nin semella posíbel que conclúa o seu mandato no 2007, tal como está previsto na Lei.

Ten unha táboa de salvación que procurará con desesperación: o contacto directo con Lula e Kirchner, que xogaron un papel crucial no desenlace do conflicto.

Cando Lozada, conseguiu ler na súa propia man que a liña de vida do seu goberno se esfumara, chamou nun último xesto de desesperación a Hugo Chávez, pedindo a súa interlocución diante do tándem opositor Morales-Quispe, cos que posúe liña de comunicación privilexiada, para que detivesen a forza imparable das protestas.

Daquela, xa C. Mesa tiña levantado voo, e os Chanceleres de Brasil e Arxentina, Eduardo Sguiglia y Marco Aurelio García, conseguiran atar un acordo incruento, que pasaba necesariamente porque Lozada se sumise da escena política, definitivamente. Tamén se contemplaba a chegada ao poder de Mesa, un referendo constitucional, un maior peso nas decisións do país para o Congreso, o recoñecemento político das diversas etnias, un necesario diálogo entre un goberno transitorio e a oposición, o acurtamento do mandato do novo presidente Mesa, a convocatoria anticipada de eleccións e un plano económico que atendese as situacións de emerxencia social.

Gobernar cun novo estilo en consonancia cos aires de cambio que sopran no continente, que nin queren aventuras utópicas, nin queren seguir as mesmas directrices Político-Económicas das grandes áreas económicas, que só teñen producido máis pobreza e máis desigualdade na última década.

Esta é a fenda pola que o novo presidente Carlos Mesa pode entrar para mudar o destino dun país no que o 20% da poboación a penas posúe o 4% da riqueza, mentres outro 20% ten no seu poder máis da metade dos bens do país. Un país no que 6 de cada 10 bolivianos vive na indixencia con menos de dous dólares diarios.