A irresistible ascensión de López Obrador

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Un novo fenómeno político de base populista e con vocación esquerdista emerxe en América Latina, ás mesmas portas dos EEUU. The Economist, ven de facer oficial o nacemento dunha nova e fulgurante estrela política. Trátase de Andrés Manuel López Obrador, alcalde do Distrito Federal de México.

Só Alvaro Uribe en Colombia e Nestor Kirchner en Arxentina conseguen índices de popularidade, semellantes aos que acada o Alcalde na capital superando, en 15 puntos ao seu mestre Luiz Inacio da Silva que esgrime como referente.

Ten esa imantante capacidade que posúen os líderes natos. Consegue marcar á axenda informativa da maior cidade de América Latina. Ningún medio de comunicaicón se quere perder a diaria e madrugadora convocatoria rolda de prensa das 6,15 da mañá. Alí, diante dunha atenta prensa, enuncia o Plan de traballo para o día e o balance dos programas en marcha. Hiperactivo, adicto ao traballo, poucas veces remata a interminable xornada de alcalde antes das 10 da noite, agotando ata os seus adversarios que non son quen de seguir o seu ritmo.

Deu os seus primeiros pasos políticos no corazón do PRI, para posteriormente rebelarse contra da corrupción e burocracia do partido que dententou o poder durante 71 anos en México, pasando a integrarse no PRD (Patido da Revolución Democrática) recomposto con retais e framentados da esquerda política.

Practica a heterodoxía na política diaria, actuando de forma presidencialista e desoíndo as trabas legais que se atranquen nos seus proxectos. Para conseguir os seus fins non hai aliados imposibeis. Contratou por unha moi respectable suma de dólares ao equipo do Ex-Alcalde de Nova York, Rudolph Giuliani, artífice da tolerancia cero, para deseñar un plan contra da violencia na Capital, un dos temas que máis obsesionan á cidadanía. O seu perfil progresista non reparou nos cuestionables métodos do alcalde que rexía a urbe norteamericana aquel fatal 11 de setembro, que en numerosas ocasións entraban en contradicción cos dereitos humanos e a equidade racial.

Tampouco virou o fociño, senón que procurou a man do empresario máis poderoso de América Latina, Carlos Slim, para que colaborase na reconstrucción ou rehabilitación de edificios na zona histórica da Capital.

Practica desaforadamente, de forma eficiente, aquilo o que o Alcalde de Santiago de Chile, alcumou como "cosismo"(cousas perceptibles pola cidadanía). Cosismo ao que consigue darlle una visibilidade social envidiable para calquera político, cobizoso da permanente da atención dos medios de comunicación. Honesto e austero, presume de ter colaborares discretamente pagados, para os que a súa maior gratificación é servir ao pobo.

En tres anos de goberno ten mudado a descuidada faciana das rúas históricas que rodean o punto neurálxico do zócalo. Tivo a astucia de encher, durante meses, de montañas de materiais de construcción que facían intransitables estas rúas antes perigosas, deterioradas o directamente ruinosas , desprazando cara a outras zonas da cidade ao precario comercio ambulante que tiña tomada a vía pública. Unha vez reparadas as rúas, non permitiu o retorno do comercio informal, habilitando estes espacios recuperándoos para o uso público e humanizando prazas e rúas.

Si hai un programa estrela, para este novo astro do firmamento político, é o social, que remarca o seu perfil de esquerdas. Moitas das persoas que estaban na indixencia maiores de 70 años, reciben agora unha modestísima asignación mensual de 63 dólares para alimentos ou necesidades primarias. Os discapacitados son unha prioridade, as innumerabeis precoces nais solteiras son axudadas na educación dos seus fillos. Tras vinte anos de sequía constructiva, inaugurou 12 escolas e unha nova universidade. Se marcou como obxectivo a construcción dun cinturón de circunvalación. Deseñou programas de control sorpresa para acabar cos taxis piratas nos que abondan os roubos. Ten en marcha unha difícil estratexia de loita contra da endémica corrupción no seo dunha policía con salarios miserentos.

O 7 de decembro constituíse a plataforma cidadá de Amigos de López Obrador, emulando a plataforma de amigos que servira de base a Fox, para apoiar a súa candidatura as presidenciais de 2006.

Tres son os grandes escollos que ten que superar: O primeiro a fráxil estructura e apoio electoral do PRD, fora do DF. O segundo a longo camiño no calendario que falta ata o 2006, no que é observado por todos os poderes e candidatos rivais como o adversario político a vencer. Ata agora, dos afiados ataques recibidos ten saído reforzado en popularidade e coñecemento social.

Quizais o principal arrecife que se interpón no seu navegar cara a Presidencia estea dentro do propio PRD. O ex alcalde Cuauhtémoc Cárdenas, e líder histórico do partido, xa ten anunciado o seu desexo de concorrer novamente. Mais a marea de votos e popularidade que ten López Obrador supera en moito ao caudal do propio partido, e así vai ser difícil de parar.