Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Heloísa Helena, uma espinha no coraçao da esperança
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 16/12/2003)
 
 

Cando hai escasamente un ano, Lula chegaba á presidencia do Brasil, A esperanza venceu ao medo, tal como rezaban os lemas Petistas. Ninguén agardaba un camiño de rosas, pero a política económica restrictiva do goberno e as reformas fiscais ou do sistema de pensións, téñense convertido en afiadas púas que desangran a base social que levou ao metalúrxico ata o palacio do Planalto. Sobre a cabeza da histórica senadora Heloísa Helena está presta a caer a guillotina expulsadora dos seus compañeiros do PT por non ter acatado as directrices do partido. A espiña máis dolorosa no corazón do PT, sangra. Intelectuais de todo o mundo, láianse, o partido estremecese, mais a economía respira por unha reforma sempre necesaria, sempre aprazada.
Cando levaba catro meses como Presidente, Lula en persoa presentaba, no mes de abril un proxecto de reforma da previdencia (pensións), no que o PT xa levaba traballando 10 anos, diante dun parlamento no que a bancada oficial estaba en franca minoría.

A medida que engordaban os partidarios da reforma, con insospeitados aliados, chegados, as veces das antípodas ideolóxicas, enfraquecía a cohesión interna de grupo Petista.O resultado da votación do Venres pasado na que o senado aprobou por 51 votos a favor, só dous máis que os requiridos constitucionalmente, por 24 en contra, quebrou os cimentos de todos os partidos nos que houbo transvases bidireccionais.

A reforma eleva en sete anos o límite de idade para acadar a xubilación, sendo agora de 60 años para os homes e 55 para as mulleres. Tamén se aplicará un imposto de ata un 11% ás pensións dos funcionarios públicos que reciban máis de 409 dólares mensuais, empregados da Uniao compoñen un dos segmentos nutridos da base electoral do PT.

O insostíbel sistema do Regime Geral de Previdência do Brasil é duplo, con arcas separadas para atender aos que tiveron emprego público e aos que tiveron emprego privado. A arca dos 21.100.000 pensionistas que traballaron no sector privado, precisou no 2002 do tesouro do Estado 17 mil millos de Reais, mentres a arca dos 952.000 ex-servidores da União precisou de 23 mil millóns de reais.

De non ter sido aprobada a reforma, este sistema do que están excluídos o 57% dos traballadores que non teñen cobertura algunha, iría directo para o colapso. Dentro de 20 anos o tesouro precisaría de 304 mil millóns cada ano para equilibrar o sistema.

A reformas necesarias da fiscalidade e da previdencia, abriu fondas feridas nas entrañas do PT e dos partidos aliados. Multitudinarias protestas, unha folga xeral no sector público, o distanciamento de moitos intelectuais que asinaron un manifesto no xornal Socialist Resistance ao que se uniron ilustres nomes da esquerda mundial. O Partido Democrático Trabalhista (PDT), de Leonel Brizola, que posúe un ministro no gabinete de Lula, sen pasarse á oposición anuncio un distanciamento que se materializará nun chamamento aos seus cargos de confianza no goberno a renunciar e nunha posición de independencia do PT.

Tampouco están felices os irmáns sindicalistas da Central Única de Traballadores fundada por Lula. O presidente da CUT augurou un 2004 con maior conflictividade social, dirixida a un goberno que considera conservador no terreo económico e progresista no campo social. Os traballadores terían perdido un 17% do seu poder adquisitivo durante o ano de mandato do PT.

Pero si hai un sapo difícil de tragar e o da expulsión dos catro lexisladores petistas que se opuxeron a reforma fiscal e previdencial. Para o exguerrilleiro e Presidente do PT, Xosé Genoino, constitúe a crise máis grave pola que atravesa o partido dende que chegou ao poder con Lula, en xaneiro deste año.

As horas no PT, semellan contadas para os deputados Luciana Genro (filla do mítico alcalde de Porto Alegre ministro de Desenvolvimento Econômico e Social, Tarso Genro), Babá e Joao Fontes ou a senadora Heloísa Helena, para quen piden clemencia cualificadas voces do dentro e fora do partido. A Comisión de Ética pedirá esta semana á Dirección Nacional a expulsión dos catro lexisladores, como sacrificio inmolatorio para preservar a unidade.

Política económica restrictiva para equilibrar un tesouro do estado que en 2002, acumulaba unha débeda externa que significaba o 395% das exportación, e un 57% en relación ao PIB só superada pola maltreita Arxentina. Drástico axuste económico aplicado polo equipo gobernamental para conter a inflación, para saír da recesión que produciu paro, diminuíu a renda e minguou o consumo interno neste primeiro ano de mandato. Serva o dato de que no 3º trimestre o PIB contraeuse nun 1,6%.

Un sacrifico para o que Lula pediu compresión, ao confesar que a política do seu goberno non é la "ideal", só é a “posible".

Os indicadores do Instituto Brasileiro de Xeografía e Estatística (IBGE) e da Confederación Nacional de Industria, parecen darlle a razón: Inflación, consumo, taxas de interese, producción industrial... presentan síntomas de mellora.

A popularidade presidencial está intacta dende que accedeu ao poder, pero o seu goberno se arrastra con dificultade diante da confianza dos cidadáns. ¿Será certo, como asegura o Presidente, que acabou o tempo das vacas fracas?

Aínda queda moi esperanza intacta nos brasileiros, pero xa demandan resultados que poidan percibir.

 
 

Lino Pellitero é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003
Fernando Pol