Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Kirchner abre mandato xogando forte
Por Lino Pellitero (Canal Mundo, 27/05/2003)
 
 

No kirchnerismo queren que o cambio social sexa visible dende o primeiro día. A defraudada sociedade arxentina precisa ter unha táboa de esperanza onde agarrarse, que os salve do naufraxio colectivo no que se afundiu na ultima década. Saben que a ilusión de formar parte do primeiro mundo foi un fraude. A estreita relación co amigo americano coñeceu a deslealdade nos momentos máis difíciles e o distanciamento cos países veciños foi un erro táctico-estratéxico.

O non electo presidente, que tomou posesión o 25 de maio, anuncio o paso ao retiro de 27 xenerais, 13 almirantes e 12 brigadieres que mantiveron estreitos vínculos coa dictadura e ten manifestado que non vai facilitar o ascenso a ningún militar comprometido coa represión.

Nace, no sur do continente, outra estrela á que a democracia lle da a oportunidade facer un cambio histórico. Na política dos símbolos, estivo acompañado durante a toma de posesión por Luíz Inacio da Silva , polo comandante Fidel Castro, polo presidente Hugo Chávez e moitos outros líderes latinoamericanos. Ningún invitado é incómodo para a transición arxentina.

Kirchner ten diante súa a titánica tarefa de tecer as costuras dunha sociedade desfiada, de facer políticas que recuperen a credibilidade na democracia como instrumento útil para o progreso.

Arxentina é hoxe un país demoido culturalmente, socialmente desartellado e globalmente empobrecido. kirchner representa a esperanza, por iso abre a partida do mandato cambiando de baralla, batendo co puño enriba da mesa, sabendo que ten un cheque en branco, que ninguén lle vai querer cobrar de inmediato. Dos cinco presidente da democracia, recuperada en 1983, catro no terminaron el mandato e o quinto, Carlos Menem, é repudiado maioritariamente pola poboación que o identifica coa corrupción máis desbocada, co poder máis absoluto e con políticas económicas que prometeron a Revolución Productiva, pero que deixaron tetrapléxica a sociedade máis rica do continente. Pasar do neoliberalismo Menemiano ao capitalismo moderno, progresista, racional e con xustiza social. Pretende darlle un maior peso ao Estado para que modere e interveña nos desaxustes provocados por un “mercado descontrolado”. Non se arrasará coa vivente lexislación laboral proveniente da etapa de Menem, para non xerar máis incertudume no tecido empresarial, pero tampouco haberá novas reformas laborais de segunda xeración como propuña López Murphy.

O equipo do ex gobernador da despoboada provincia sureña de Santa Cruz, xa ten preparado o programa básico do agardado cambio no que o Estado pasa a xogar un papel fundamental e, que se vertebra en torno a tres eixes básicos. Un ambicioso plano de obras públicas, unha maior cobertura social con atención preferente á educación, a sanidade e ao combate da pobreza e unha efectiva coordinación en política exterior cos país do entorno xeográfico. Tampouco esquece unha das preocupacións que máis intranquiliza nas urbes arxentinas: o crecente nivel de inseguridade que se viviu tras da creba económica. Para este fin xa ten planeado a remodelación dos máis altos postos no organigrama da Policía Federal.

Entre as obras públicas, xa anunciadas están a construcción de 17.500 vivendas en oito meses, completado no segundo semestre cun plano para construír 60.000 novas unidades habitacionais, un mesto programa de obras municipais, e ambiciosas obras hidráulicas e viarias.

Para apuntalar a incipiente recuperación da economía, tras catro negros anos de recesión, pensar reactivar o consumo reducindo o IVA, actualmente do 21%, especialmente nalgúns productos básicos máis demandados pola poboación.

Tamén considera prioritario o seu equipo económico, atallar un dos males máis entendidos en América Latina, a evasión monetaria. Ten deseñada unha campaña que combina a dotación de maiores efectivos profesionais da fiscalización cun programa informático que cruce os datos dos contribuíntes.

Pero o seu mandato non está exento de grandes retos nos que vai atopar de fronte aos grandes grupos económicos, financeiros e empresas privatizadas. Os grandes beneficiados da era Menem non van quedar quietos e demandan unha actualización das tarifas conxeladas e desvalorizadas tras da perda da paridade peso-dólar.

Quizais a primeira gran proba de fogo que debe superar, para a que non vai dispor da gracia dos 100 días, das que dispón todo novo goberno, é a renegociación da débeda externa. Reprogramar os 6.000 millóns de dólares que vencen neste ano. Enfronte terá aos tres grandes pesos pesados da economía mundial: o Fondo Monetario, o Banco Mundial e o Banco Interamericano de Desenvolvemento.

Para conseguilo está disposto a presentar un plano que conteña o equilibrio orzamentario, a eliminar as seudomoedas provinciais, recobrar a confianza no sistema financeiro e normalizar as relacións coas entidades monetarias internacionais, practicamente rotas dende a caída De la Rúa.

 
 

Lino Pellitero é membro do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/05/2003
Fernando Pol