Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
O xusticialismo biface
Por Lino Pellitero (A Nosa Terra, 15/05/2003)
 
 

Non lle foi fácil a dixestión das eleccións arxentinas ao índice Merval. Máis de oito pontos baixou, ao día seguinte, o termómetro que mide a saúde da bolsa. Os resultados quebraran as expectativas dos grandes grupos de poder que devecían por unha segunda volta entre Menem e López Murphy. Ambos os dous, neoliberais, ambos, seguidores do Consenso de Washington, ambos directamente ligados aos intereses das grandes corporacións. Calquera dos dous, era óptimo, ningún cuestionaba o modelo. Mais si o agraciado presidente resultaba ser López Murphy, mellor que mellor. Ningún dos dous renega do Consenso de Washington como manual rigoroso de política económica, a pesar de ter sumido ao país na maior crise da súa historia. Consenso baseado nas 10 receitas básicas de economía liberal que expuxera Williansón, no seu célebre artigo publicado en 1990.

Un deles, Carlos Menem, representaría o rostro que traería da memoria o éxito da burbulla económica dos felices 90, na que navegada á depauperada sociedade arxentina. O outro, López Murphy, simbolizaría o cambio, o político que se desligou das ataduras dos partidos desprestixiados, o candidato non tocado pola corrupción.

Pero si Menem sería quen de camuflarse baixo calquera roupaxe ideolóxica que lle permitise controlar e manexar o poder, tal como confesou na entrevista concedida no ano 93 á revista gente sobre as astucias de manual que debe seguir todo candidato a presidente “ As tres regras de ouro son: estar mellor informado que ninguén, gardar o secreto desa información e actuar por sorpresa”.

Pola contra, López Murphy representaba ao académico fiel á ortodoxia neoliberal, que lonxe de asumir a histórica frase do Presidente do Banco Mundial, pronunciada en Río de Janeiro o 20 de novembro de 2002 “ O Consenso de Washington morreu”, levaba no seu programa liñas de actuación, coñecidas como reformas neoliberais de segunda xeración. Prescribía, como terapia, máis liberalismo para corrixir as doenzas causadas polo propio liberalismo.

Pero o candidato preferido do establishment sucumbiu na primeira rolda. Non se pode desprezar os fíos do poder que manexa Duhalde, actual inquilino da Casa Rosada. Néstor Kirchner era o candidato oficialista apoiado polo actual goberno e tiña moitas posibilidades de dar o salto dende a despoboada provincia de Santa Cruz ata a capital para dirixir o país. O seu populismo, con devalos centroesquerdistas, pode ser asumido perfectamente polo peronismo, sempre e cando lles permita manter o poder, obxectivo último de calquera peronista que se prece.

Certo ambos contrincantes na Ballottage do día 18 de maio, Kirchner e Menem, son xusticialistas, mais Carlos non representa o mesmo que Néstor, como Bush tampouco é Clinton, por máis que participen da mesma concepción sobre o papel do liderado mundial que deben exercer os EEUU e traballen polo dominio económico universal da superpotencia.

Menem coñece as pésimas espectativas que lle prognostican as sondaxes. Para tentar captar os votos os indecisos, xa anunciou ao menos liberal dos seus ministros para a carteira de Economía, un pragmático heterodoxo descreido da convertibilidade, Carlos Melconian. Quizais procure contrarrestar o marcado cariz liberal e pro norteamericano de seu candidato á Chancelería, Jorge Castro.

Pero fracasada a operación de conseguir os apoios de Rodríguez de Saa, a cambio da carteira de interior, o perfil do resto do equipo ministerial é liberal-conservador. Está formado por empresarios, rectores de universidades católicas, colaboradores do dictador Massera, letrados defensores de Menem no proceso por tráfico de armas ...

Kirchner, pola contra, pretende un goberno de consenso formado mesmo por persoas independentes, cun programa no que as obras públicas que sexan a trabe para crear emprego e reactivar a economía.

Tamén é certo que ninguén se atreve a por a man no lume por Kirchner. Xa se sabe o dicía Borges “Os peronistas non son nin bos nin malos, son sinxelamente incorrixíbeis”.

 
 

Lino Pellitero é investigador do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/05/2003