Tras da Pax Americana

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

A diferencia da operación Tormenta do Deserto, na que a Coalición Internacional, convocaba as rodas de prensa cun mapa de Iraq como telón de fondo, na actualidade o que figura as costas dos voceiros norteamericanos é un mapa mundi. O detalle non é casual.

Tres son as confesables razóns para unha guerra: A intención de eliminar Armas de Destrucción Masiva (ADM), minguar a ameaza do terrorismo internacional e promover a democracia no Iraq e no seu contorno.

A caída de Saddam Hussein só é o aperitivo para un estómago voraz e insaciable. Entre as inconfesables razóns está a intención de conseguir a metamorfose total do Medio Oriente. Nas eufemísticas palabras do ideólogo, Fouad Ajami, académico de orixe libanés, trataríase de procurar a modernización do mundo árabe, seguindo o modelo de protectorado xaponés da post-guerra mundial, controlar Iraq, vixiar con cercanía intimidatoria a Teherán, incrustarse nunha zona xeoestratéxica vital para o control enerxético, debilitar a influencia rusa na área, e premer á monarquía saudita.

Nos laboratorios de pensamento neoconservador teñen protagonismo: Paul Wolfowitz, Subsecretario de Defensa; Richard Perle, xefe da oficina de asesores do Pentágono; Lewis Libby, xefe do gabinete do Vicepresidente Dick Cheney; e Bernard Lewis experto en Oriente Medio e catedrático en Princetown.

Parten da premisa de que o final da Guerra Fría trouxo un mundo menos previsible, no que os perigos aumentan. EEUU estaría chamado a ostentar un papel de liderado para combater a droga, as armas, o terrorismo…

Queda un último desexo inconfesable: Rediseñar o mundo para construír un novo proxecto imperial. Velaí a explicación do mapamundi, ao fondo nas roldas de prensa sobre a guerra. EEUU quere preservarse, o rol de superpotencia na nova orde mundial, controlar o mercado do petróleo e consolidar o segundo século de liderado. Trabe teórica plasmada no Documento sobre Estratexia de Seguridade Nacional asinado por George Bush (ESN).

Petróleodependentes

Norteamérica consume 20 dos 77 millóns de barrís que a diario se producen, mais só produce 10. Precisa importar o 55% do petróleo que consume. No 2020 importará o 65%.

O golfo dispón do 65% das reservas mundiais, por tanto, é previsible unha crecente dependencia estratéxico-enerxética desta área xeográfica. Iraq ten un dos petróleos con maior calidade e máis baratos de extraer. Posúe o 11% das reservas mundiais, uns 112 mil millóns de barrís, só por detrás dos 260.000 millóns que se lle atribúen á Arabia Saudita e posiblemente agache outros 200 ou 300 mil potenciais.

Un cambio de réxime permitiría a privatización en beneficio das petroleiras norteamericanas, desbancando as privilexiadas polo réxime iraquí, principalmente francesas (TotalFinaElf), Rusas (Zarubezheneft, Lukoil)) e Chinesas.

A oposición xa ten manifestado que non vai respectar os acordos asinados con Saddam. Francia, Rusia ou China perfílanse como as grandes perdedoras do novo reparto.

A privatización da Iraqi National Oil Company, será difícil de vender a unha sociedade que, en cuestións de petróleo, eleva ata o infinito o seu nacionalismo defensivo.

A saída de Saddam Hussein suporá unha viraxe no sector petroleiro. Aumentar a producción desestabilizará a política de rigor de prezos que menten a OPEP, minguará a dependencia da Arabia saudita, sobre a que se abriron as desconfianzas ao terlle atopado lazos financeiros con Al Qaeda ou comprobar que 15 dos 21 terroristas detidos tras do 11-S, eran de orixe saudita.

A intervención do petróleo iraquí non ten como finalidade única facer caixa-rápida para pagar a reconstrucción, abaratalo, diminuír a dependencia da Arabia Saudita,ou abrir camiño a novas distribuidoras anglonoteamericanas, senón que agacha o deseño dunha arquitectura productiva- enerxética, baseada neste combustible.

Reforzaría a dependencia economía mundial dun petróleo barato e relentizaría o desenvolvemento das tecnoloxías alternativas como a europea baseada no hidróxeno ou a brasileira do alcohol.

O post-Saddam

A coalición atacante planea a detención de, alomenos, dous mil dirixentes comprometidos co réxime dictatorial de Saddam Hussein. O principal problema co que se vai atopar é decidir o tipo de xurisdicción na que se vai procesar aos detidos. Preferirían unha áxil Comisión da Verdade, que centrase as culpas sobre os dirixentes e dictase amnistía sobre o resto do persoal cualificado, para reutilizalo en tarefas administrativas. Non contempla acudir ao Tribunal Penal Internacional, no que EEUU non acredita nel.

Desexaría un rápido tribunal de guerra bipartito, que evite a depuración masiva e incontrolada. Especialmente a que poden exercer Chiitas, Kurdos, exiliados e opositores, que acumulan suficientes torturas e persecucións como para demandar vinganza. Sen embargo, a maioría dos Iraquís opta porque sexan xulgados por compatriotas.

Caducadas xa, hipóteses varias, como a autoexclusión voluntaria de Saddam; a do golpe de estado militar, a da revolta interna con posterior baleiro de poder… ábrense paso novos escenarios como a entrega do poder a un goberno de transición. A Alternativa democrática nucleada ao redor do Congreso Nacional Iraquí (CNI), ten estado máis ocupada en atender pelexas internas que en crear un proxecto común alternativo do goberno. O seu líder máis carismático, posuidor dun delicado perfil culto, Admed Chalabí, é sinalado por moitos exiliados como Mesías salvador. Pero para boa parte dos iraquís, está máis preto do pensamento do Instituto Empresarial Americano ou do Instituto Xudeu para Asuntos de Seguridade Nacional que da vontade dos compatriotas. Argumentan que posúe máis simpatías ao norte do Río Grande que nas beiras do Tigris ou do Eufrates.

Este, moi hipotético, goberno civil tería que enfrontar a tarefa de integrar un estamento militar vencido e humillado, con ansias de desquite. Os intentos dos EEUU por apoiarse na oposición, de patrocinar congresos no exilio para definir o futuro sen Saddam, non deron resultados optimistas. A administración norteamericana se prepara para unha estancia prolongada no país.

Un réxime democrático, compatible coa a actual administración norteamericana, debería aumentar a producción de petróleo, facilitar a entrada das compañías multinacionais angloamericanas, establecer relacións amigables con Israel e afastarse da dinámica do mundo árabe. Pesadas condicións para poder aventurarlle perdurabilidade. Mesmo un réxime democrático, podería levar ao poder pola forza dos votos a partidos islamistas antiamericanos, tanto no Iraq como no resto do Oriente Medio.

A estreita tutela do réxime tras da caída de Saddam será previsiblemente exercida polo xeneral na reserva Jay Garner, quen xa fora o responsable da Operación Provida e Confort, desenvolvida no Curdistam en 1991. Encomendaríaselle dirixir a Oficina de Reconstrucción e Asistencia Humanitaria (ORHA). Baixo as súas ordes situaríanse o actual comandante en xefe da tropas americanas en Kuwait, David McKernan, e o xeneral John P. Abizaid, un californiano de orixe libanés, diplomado en estudios sobre Oriente Medio.

Baixo esta trepia de mando, se cadrarán as tropas que por seguridade estarían concentradas nas cidades de Bagdad, Kirkou, Mosoul, Tikrit e Basora. As previsións actuais cifran entre 20.000 e 50.000 o número de soldados que deberán permanecer durante, alomenos, dous anos.

O papel asignado aos políticos iraquís sería, inicialmente, de escaso poder executivo. Participarían nun Consello Consultivo, que asista á administración militar americana e que terían como encomenda elaborar unha nova Constitución. En Hungría están a recibir formación tutelada por EEUU, cadros do exilio, para os que se teñen reservadas notables áreas de poder.

A permanencia prolongada dos EEUU podería facilitar unha rápida reconstrucción cunha certa orde social que dese paso a unha administración civil mentres se reducen os efectivos militares no país, pero sería interpretada como ocupación neocolonial. Dar aparencia de soberanía, mellorando rapidamente as condicións de vida será o seu difícil obxectivo.

O Iraq federal

Unha experiencia administrativa descentralizada perseguiría debilitar Iraq ao repartilo en tres áreas de influencia dominadas polas respectivas maiorías: árabes Chiitas, árabes Sunnitas e árabes Curdos.

Mais os chiitas iraquís non son fanáticos relixiosos, se consideran árabes, non queren verse no espello dunha República Islámica como a do Irán.

A represión do sunnita Saddam non foi étnica. Moitas das súas súas víctimas pertencían aos sunnitas. Os Chiitas, a maioría da poboación, centran as esixencias máis na demanda dun goberno equilibrado, que nunha petición de independencia.

Os curdos do norte, teñen en funcionamento un sistema político cun alto nivel de autogoberno, pero son sabedores que unha declaración de independencia unilateral, podería ser o final da súa experiencia autónoma. Serían invadidos por Turquía que teme á propia minoría turco-curda que mantén baixo a súa bota autoritaria. Mais tampouco van estar dispostos a rebaixar o actual nivel de competencias do que gozan dende a anterior guerra do Golfo.

Mundo inestable

A Aventura Imperial que emana da ESN é a porta de entrada a un mundo máis inestable e inmoral. Para o Profesor de Historia de Oriente Medio en Harvard, Roger Owen. "Con esta guerra EEUU desexa de ser un imperio e deberá pagar un prezo e aprender a lección, tal como aconteceu na historia con outras nacións imperiais".

Entre os novos obxectivos da Estratexia de Seguridade Nacional xa se apunta cara a Corea, Siria, Iran, libia, a Triple Fronteira (Brasil, Paraguai e Arxentina), Colombia, (FARC), Venezuela.

A vella Europa, ten a posibilidade de artellar un modelo máis multipolar contraposto ao arrogante unilateralismo norteamericano, que evite un choque de civilizacións nos arrabaldes das súas cidades, nas que habitan a maior parte dos 15 millóns de musulmáns que moran en Europa.