Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Venezuela: Nadal, ¡Si!, Referendo, ¡Depende!
Por Lino Pellitero (A Nosa Terra, 18/12/2003)
 
 

Hai pouco máis dun mes, no museo de arte comtemporánea de Vigo, o Viceministro de Cultura Venezolano, poeta e arquitecto galego-venezolano, Francisco de Asís Sesto Novas que acompañaba a Cesar Portela na exposición sobre a súa obra, trataba de xustificar a controvertida imaxe dun Presidente recollendo ao neno Xesús no colo, durante o nadal de 2002.

Daquela, o país caribeño estaba sumido nunha folga patronal-sindical e a oposición decretaba unilateralmente que non habería nadal. Chávez trataba de simbolizar, co Neno-Deus nos brazos, que o Presidente garantía o nadal, nunha Caracas na que puiden comprobar como as gasolineiras administraban a insuficientes contagotas o carburante, os grandes Shoppings permanecían coas portas pechadas, as máis importantes fábricas estaban en paro, que nos andeis dos supermercados non había nin cervexa, nin ovos, nin polo, nin fariña-pan, nin cocacola, nin queixo, nin pasta...

Un ano máis tarde, o goberno presume de que no 4º trimestre a economía do país xa non está en caída libre, terá un crecemento cero, que presaxia un forte crecemento do 6% do PIB, tal como prevén solventes firmas financeiras internacionais.

Se o calor do espírito do nadal semella garantido no 2003, a temperatura política está incandescente ata o punto de pór en perigo o termómetro electoral.

Cando o proceso de recollida de sinaturas para revogar a 38 deputados da oposición e 34 do goberno, amais do propio presidente Hugo Chávez, semellaba encanado cara unha saída política, cando o Consello Nacional Electoral (CNE) tiña recoñecida a súa autoridade arbitral... a crispación acende a luz vermella.

Para activar o proceso revogatorio contra do Presidente, tal como reza na Constitución Bolivariana, eran precisas 2.452.179 sinaturas, o 20% dos 12.260.895 de votantes inscritos no Rexistro Electoral. Mais rematada a recollida, Chavismo e oposición polemizan sobre o éxito, o fracaso, o fraude, o árbitro...

Dende o goberno se asegura que das 2.900.000 sinaturas recollidas pola Coordenadora Democrática, alomenos o 30% son fraudulentas, demandando o inmediato recoñecemento do fracaso opositor no refirmazo. Denuncian que teñen probas de asinantes xa mortos, de menores de idade, de non inscritos, de pegadas dactilares feitas con distintos dedos, rexistros duplos ou triples, etc. O Presidente ten ameazado mesmo con non recoñecer unha posible convocatoria, se non se castiga xudicialmente aos infractores e invalida o proceso.

Durante a fin de semana, Venezolana de Televisión, canal público, difundiu unha gravación feita ao Ex-fiscal xeral da República, Ramón Escobar, na que lle confesaba ao seu fillo que non se acadara o obxectivo.

Mentres, a oposición atrasa inexplicablemente a entrega das sinaturas recollidas e ameaza con non entregalas no CNE, senón na OEA, alegando o seu temor a que sexan invalidadas parte delas en base a novas normativas que non estaban en vigor, antes do refirmazo. Se a demora continua ata agosto sen eleccións, o vicepresidente sería nomeado automaticamente como máxima autoridade, no caso de ser revocado Chávez, pero non habería presidenciais ata o 2006.

Todos ollan cara ao prestixioso xurista Francisco Carrasqueño, que preside o CNE. Todos, presidente da República incluído, aseguran ter confianza absoluta no árbitro, pedíndolle ao país a mesma fe. Pero, ao tempo, dubidan da súa imparcialidade, preparando as respectivas bancadas diante dun eventual fracaso, e deixando a incerteza sobre do acatamento dun eventual veredicto adverso. Escenario indesexable que nos retrotraería as afiadas tensións vividas no nadal do 2002, nun ambiente político abafante.

Preocupante, o recente titular do The Washington Post, sinalando a Chávez como o principal obstáculo para unha solución pacífica, chamando á administración norteamericana,a non permanecer impasible diante da destrucción dos últimos vestixios da democracia.

O revogatorio é o ultimo obstáculo a salvar, ninguén quere tropezar neste xogo da ruleta rusa da supervivencia.

Reforzar internacionalmente a autoridade arbitral, premer para o acatamento do seu veredicto, sexa cal que sexa, é a mellor contribución a un país historicamente pacífico.

A oposición xa autoanunciou que no 2003, tampouco terá nin 24 nin 31 de decembro, todas as forzas lle son necesarias.

Chávez non terá que facer ningún xesto simbólico, porque, neste ano, si que ten nacido a esperanza dunha Venezuela normalizada institucionalmente. ¡Bo Nadal, venezolanos!

 
 

Lino Pellitero é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003