Luces e sombras na política de cooperación

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Malia o argumento consistentemente estendido por parte do estamento militar, que asegura que "o futuro das Forzas Armadas españolas pasa pola axuda humanitaria", o certo é que a participación de forzas militares neste tipo de actividades introduce numerosas interrogantes na mesma concepción da axuda humanitaria e de emerxencia.

A irrupción dos militares no escenario humanitario tras diversas resolucións do Consello de Seguridade da ONU alterou e confundiu de xeito importante o concepto de acción humanitaria. O abuso deste cualificativo para dar maior lexitimidade a operacións basicamente militares e de coerción difumina a división que existe e debe manterse entre tres campos de acción ben diferenciados: político, militar e humanitario. As operacións militares poden dete-la matanza, controla-la violencia, asegurar corredores, e mesmo garantir e protexer espacios de seguridade. Obviamente, a acción humanitaria non. Pero con todo, esta última, aínda con recursos limitados, pode chegar a lugares máis accesibles e durante o conflicto.

Por definición, a axuda humanitaria vai orientada a tódalas víctimas; non estaría, xa que logo, sometida a ningún tipo de discriminación e, polo tanto, tampouco subordinada a consideracións políticas. É posible afirmar, neste sentido, que o intento de apropiación e utilización exclusiva da axuda humanitaria por parte dos gobernos e, por conseguinte, dos seus exércitos nalgunhas crises que requirían de solucións doutro tipo "obviamente políticas- teñen ocasionado unha notable disxuntiva. E é que, en máis ocasións das que cabería desexar, a axuda humanitaria é vista como parte integrante do problema e nunca como parte da solución á mesma crise. Só en contextos tan kafkianos coma este é posible que os mesmos que castigan a determinada poboación, poñamos por caso os kosovares, sexan os mesmos que repartan, a posteriori, a axuda humanitaria. Resulta evidente, tal e como amosan os erros cometidos e para evitar susceptibilidades no receptor da axuda, que as axencias humanitarias deben manter firmemente os seus principios constitutivos, isto é, imparcialidade, neutralidade e independencia.

Así se desprende dun estudio realizado polo Comité de Axuda ó Desenvolvemento (CAD) da OCDE acerca das vantaxes e custos de levar a cabo a acción humanitaria a través de medios civís ou militares. O CAD conclúe, neste sentido, que os Estados donantes deben realiza-las tarefas de axuda humanitaria a través de organizacións da sociedade civil xa que gozan dunha serie de características que as fan máis eficaces, tales como a experiencia ou a fiabilidade. Determina, así mesmo, que a intromisión militar só estará xustificada cando as capacidades das organizacións civís se vexan colapsadas, ou ben naqueles casos onde o estamento militar se amose máis eficiente "o CAD inclúe tamén razóns de seguridade para argumenta-la presencia de forzas militares-.

Neste intricado e complexo panorama internacional desenvolve España a súa Directiva de Defensa Nacional 1/2000, no marco máis amplo da Revisión Estratéxica de Defensa, proceso no que aínda nos atopamos inmersos e que pretende debuxa-las liñas básicas da política de Defensa na actual lexislatura. Entre os seus trazados fundamentais, deixa entreve-la axuda humanitaria como unha das funcións inherentes ó exército español no novo contexto internacional, especialmente aquel que xurde inmediatamente despois dos acontecementos do 11-S.

Regulamentada pola Lei de Cooperación de 1998, a política de cooperación española promove o respecto ó dereito humanitario e apoia, neste eido, tódalas medidas necesarias para a prevención e resolución de conflictos, incluíndo as operacións de mantemento e consolidación da paz, modalidade non aceptada polo CAD e que nos momentos previos á promulgación da lei suscitou numerosas críticas entre as axencias humanitarias. A lei non só converte ó exército español nun dos actores clave da acción humanitaria "dota ó Ministerio de Defensa dunha partida orzamentaria de 12 mil millóns de pesetas ó ano no marco máis amplo da Axuda Oficial ó Desenvolvemento (AOD) para o período 2001/2004-, senón que vencella a política de cooperación á política exterior do Estado. Deste xeito se manifestaba Miguel Ángel Cortés, Secretario de Estado para a Cooperación Internacional e Iberoamérica,, ante a Comisión de Cooperación e Desenvolvemento do Parlamento Europeo o 22 de xaneiro de 2002 en referencia ós acontecementos do 11-S: "[…] nos ofrecen una oportunidad histórica para que la politica exterior de la UE y, por consiguiente, la política comunitaria de cooperación, que debe ser una parte esencial de aquélla, contribuya con decisión a la proyección y consolidación de nuestros valores en el nuevo sistema internacional […]"¿É isto coherente cos principios de neutralidade, independencia e imparcialidade que deben artellar calquera acción humanitaria?

Non cabe dúbida de que a cooperación e a axuda humanitaria permitiron a España avanzar en termos de política exterior, e facilitaron o desenvolvemento dun espacio económico e social. Pero o certo é que se a cooperación en xeral é un fenómeno tardío en territorio español, aínda o é máis a acción humanitaria, que en termos xerais representa un 5 por cento do total da AOD no conxunto dos países do CAD, chegando ó 15 por cento en Austria ou Suecia. A pesar de que en 1998 os gastos destinados a axuda humanitaria no noso país representaban preto do 2 por cento da AOD, resulta evidente a pouca importancia que aquí se lle concede ó compoñente humanitario. Só tendo en conta esta bagaxe é posible comprende-lo camiño emprendido polo goberno español que, desta forma, asume o que denominan "responsabilidades crecentes" tanto no marco da OTAN como no da Política Europea Común de Seguridade e Defensa, ó tempo que dan unha saída alternativa a unhas Forzas Armadas sinaladas pola seu vencellamento á dictadura franquista.

Por estas e outras razóns, as organizacións civís deberan ser primadas na distribución da axuda humanitaria en detrimento do sector militar. Estudios realizados a este respecto demostran que as tarefas desenvolvidas por estas organizacións supoñen un custo menor que as levadas a cabo polo exército "que son computadas, por outra banda, como AOD, un acto irresponsable que supón unha mingúa nos fondos asignados a aquelas organizacións que verdadeiramente desenvolven traballos de asistencia humanitaria e cooperación ó desenvolvemento-, ofrecen maior confianza á poboación beneficiaria e contribúen, ademais, ó desenvolvemento a medio e longo prazo. O exemplo máis revelador sería, neste caso, a actuación das forzas militares españolas durante as inundacións de Mozambique do ano 2000: as tropas non só chegaron tarde, senón que ademais a súa intervención foi absolutamente ineficaz e extremadamente custosa "superou os 740 millóns de pesetas, cantidade que constitúe o 75 por cento do orzamento anual deste país africano. Unha vez que os militares abandonaron a rexión tras tres semanas de traballo, a asistencia correu a cargo da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), que destinou ó proxecto uns 36 millóns de pesetas. Dificilmente se pode falar de continuidade".

En definitiva, cooperemos máis para ter que intervir menos.