África Lusófona: o achegamento de Lula

No mundo global os estados buscan potenciar alianzas que os axuden a non quedar excluídos do devecer histórico. Esta actitude estendese incluso á esquecida África. Na procura desas estratexias que axuden á integración mundial xogan un papel destacado as afinidades culturais, tal é o caso dos países de fala portuguesa no continente africano.

Neste proceso, o termo “cooperación” acada o seu significado máis amplo. Aínda que a comunicación e os esforzos por aumentar e mellorar as relacións cos veciños, e non tan veciños, é a tónica xeral de case tódalas nacións, un dos países lusófonos que máis está impulsando actuacións nesta liña é Angola.

Os angolanos tratan de recuperarse dunha dura guerra que derivou nun difícil e lento proceso de paz que tenta sacar ó país da súa crise. Neste senso son fundamentais os esforzos por establecer e mellorar os lazos cos países do seu entorno.

No intenso traballo desenvolvido no campo das relacións exteriores ocupa un papel destacado o ámbito da cooperación. Neste ano as autoridades estatais teñen prevista unha longa e intensa axenda de viaxes, reunións, etc.

No primeiro semestre, o goberno angolano ten previsto visitar varios países. A última das visitas realizada polo primeiro ministro africano, foi a Feira Internacional de Bulawayo, celebrada no veciño Zimbabwe, aberta co lema “Desenvolvendo novas parcelas nos negocios”. A este evento o acompañou o viceministro de Relacións Exteriores para a Cooperación.

Ademais o embaixador angolano en Nixeria está interesado en reactivar o compromiso entre os dous países de cooperar en sectores como a agricultura, a educación, a saúde, o comercio, a industria, o turismo, a cultura e os recursos (petróleo), ademais da promoción dos lazos comerciais e os investimentos.

Estas iniciativas non se quedan no campo exclusivo do continente africano. Unha das visitas máis esperadas é a do presidente brasileiro, Lula da Silva, prevista para finais do segundo semestre do ano. O ministro de relacións exteriores do Brasil, Celso Amorín confirmou esta circunstancia e iniciou unha visita polo África Austral, que precederá ás viaxes do seu presidente no futuro próximo. Estas mobilizacións responden ó interese de Lula da Silva por establecer unha nova parcela de entendemento e cooperación cos países africanos.

Na súa axenda o ministro brasileiro recolleu temas políticos, económicos, sociais e de cooperación técnica, o que revela a importancia de África na política exterior do Brasil. Nese mesmo ámbito (o político) destaca a disposición de buscar un relatorio con temas sociais, cun diálogo sobre asuntos relacionados coa promoción e o desenvolvemento socioeconómico para combater a pobreza…

Tamén se tocarán temas como o da reforma do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, a cuestión da SIDA, etc. Pero un dos asuntos centrais é, como non podía ser doutro xeito, a creación dunhas bases de cooperación para a reconstrucción do país, que despois dunha guerra civil que deixou a millares de persoas desempregadas e mutiladas, atravesa momentos difíciles.

Deste xeito pode que Angola, membro da Unión Africana, do Movemento dos non-aliñados, do Grupo dos 77, da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, da Organización Mundial do Comercio, da Organización Mundial do Turismo…, desempeñe un papel máis activo na comunidade internacional, como pretenden os seus dirixentes.