Cabo Verde: a pola Capital

O principal partido da oposición de Cabo Verde está a tomar moi en serio a preparación das eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro ano. Para o Movemento para a Democracia (MpD) , gañar en Praia será posible gracias ó traballo que dende esta agrupación se está levando a cabo a nivel de cidadanía.

O responsable do Consello do MpD na capital, Ulisses Correia Silva, acusa o actual presidente de ser un mero tapador de buracos e afirma que eles teñen en marcha un plan estratéxico de desenvolvemento para a illa de Santiago, a medio e longo prazo, que permitirá que esta illa se desenvolva de xeito sostible.

Para cumprir os seus obxectivos, dende o partido fixéronse traballos de avaliación no terreo, analizáronse as condicións da zona, calidade de vida da poboación, expectativas laborais, sociais, etc… Neste senso o maior problema e tamén a maior preocupación da poboación é o desemprego.

Ademais desta importantísima cuestión e conscientes de que este país necesita un cambio completo dende a base, e unha modernización da súa estructura, Correia postula como vital a independencia e bo funcionamento das principais institucións: O Banco de Cabo Verde, a Policía, o poder xudicial…, para facer deles uns piares fortes e útiles para favorecer o desenvolvemento.

Co fin de comunicar a poboación as súas iniciativas o MpD despregou un total de 84 persoas, entre coordinadores e vicecoordinadores que espallados polas distintas comunidades establecen un contacto directo coa poboación. Nesta completa estratexia, os responsables nas distintas zonas fomentan a agrupación dos distintos sectores sociais; pescadores, agricultores, vendedores, asociacións xuvenís… e establecen foros nos que os implicados trasladan as súas inquedanzas, peticións e propostas a estes encargados de zona. Este complexo sistema permite non só acadar información de primeira man senón tamén aportala, dando a coñecer á cidadanía cales son as directrices que o partido ten previsto seguir.

O Movemento para a Democracia ten claro que o seu proxecto de desenvolvemento para Cabo Verde é un proxecto integral que afecta a todas e cada unha das cámaras municipais; sen embargo afirma ter claro tamén que os seus mellores equipos estarán traballando nas principais cámaras, Santa Catarina e Praia; estas dúas municipalidades son estratéxicas á hora de tentar levar a cabo calquera actuación integral sobre todo porque son as que posúen as potencialidades suficientes para desenvolverse e servir logo de exemplo a tódalas demais.

A pesares de tódalas estratexias, iniciativas e demais actuacións o Movemento para a Democracia aínda non ten as súas candidaturas deseñadas se ben o nome de Ulises Correia e Silva soa tanto para candidato ás municipais de Praia como para candidato a primeiro ministro nas próximas lexislativas. Será o tempo o que nos desvele se as candidaturas e a estratexia deste partido colleitan resultados.