A ONU, ¿víctima colateral da guerra?

Un pouco antes da invasión do Iraq, chegaba aos cinemas a adaptación cinematográfica da novela de Graham Greene "O americano impasible", na que están esquematizadas algunhas das cuestións que a invasión suscita. Por exemplo, a suposta contradicción entre o colonialismo da "vella Europa", xa daquela personificada en Francia, e a misión que os Estados Unidos se impoñen de liberar ao pobo vietnamita, tanto da colonización francesa como deo perigo que representaba o comunismo do Vietcong. Naturalmente, a presunta inocencia do personaxe norteamericano, Pyle, que ao primeiro desorienta ao veterán xornalista inglés Fowler, enmascara un cinico programa dos Estados Unidos para se faceren donos da situación e impediren a realización da entón famosa "teoría do dominó", que levaría consigo a caida de todo Asia suroriental baixo o comunismo. Para levaren a cabo o programa oculto, non dubidan en recurriren a masacres de inocentes, que logo imputan ao Vietcong.

A expedición bélica de norteamericanos e británicos " axudados por outros membros da chamada "coalición de voluntarios", na que tamén participa o Goberno español e cuxas dimensións non están moi craras " tén o presunto obxectivo de liberar ao pobo iraquí do réxime dictatorial de Sadam Hussein. Mais tamén neste caso hai un programa oculto con moitas ramificacións de trascendencia fundamental no soamente para a rexión do Próximo Oriente, senon tamén para o mundo enteiro. Nestas liñas queremos salientar unha desas ramificacións en particular, a que se refire ao futuro das Nacións Unidas, porque é moito o que se está a falar do fracaso definitivo da ONU, e mesmo da sua desaparición.

Dende que foi creada no 1945, seguindo unha pauta establecidea principalmente por Estados Unidos, a ONU estivo sometida a unha forte tensión entre as forzas, febles, que propugnaban a sua evolución cara unha especie de goberno mundial e as poderosas forzas que teimaban por se aproveitaren dea organización para os seus intereses. Ás veces, a tensión era consecuencia da conxuntura política internacional, en particular a relativa á descolonización e, principalmente, a relativa ao enfrontamento entre o bloque occidental e o bloque soviético. Outra manifestación da tension era " e continua a ser " a de aproveitar as iniciativas internacionais cara o desenvolvemento económico dos países pouco adiantados, ou as campañas de axuda en casos de catástrofes naturais ou provocadas, para privilexiar ás grandes empresas dos países industrializados no reparto dos contratos multimillonarios para o fornecemento de materiais ou para obras de exeñería civil.

Nas suas orixes, as Nacións Unidas, en virtude do Capítulo IX da Carta, relativo á cooperación internacional económica e social, marcáranse o propósito de crearen as condicións de estabilidade e benestar necesarias para as relacións pacíficas e de amizade entre as nacións, baseadas no respecto ao principio da igualdade de dereitos e ao da libre determinación dos pobos. A expresión dese Capítulo foi a creación dos chamados organismos especializados (tipo, UNESCO, OMS ou FAO), que son os que, en teoría alleos ás loitas políticas, están encargados de cumpriren o mandato, enunciado na Carta, de "promover níveis de vida máis elevados, traballo permanente para todos e condicións de progreso e desenvolvemento económico e social".

Esta realidade obrigou, e obriga, aos Secretarios Xerais da Organización a procuraren conxugar as ideas consagradas na Carta e os intereses dos Estados Membros máis poderosos e os dos aliados destes. O presente Secretario Xeral, Kofi Annan, ao deseñar un futuro para as Nacións Unidas, admitía a participación do sector privado e chegaba a dicir que "as empresas que operan no plano mundial teñen un rol decisivo que xogar".

Non é cousa nova que as grandes potencias impoñan a participación das suas empresas privadas no reparto dos contratos. Con todo, trátase dunha tendencia que se foi incrementando a medida que a "filosofía" do desenvolvemento económico potenciado polos Estados e polas organizacións internacionais especializadas deixaba paso a unha concepción "liberal" da economía. Exemplos son a decadencia da UNCTAD (a Conferencia das Nacións Unidas sobre do Comercio e o Desenvolvemento) e de todolos convenios de materias primas (café " o máis importante -, sucre, trigo, etc).

Tampouco é nova a estratexia " no caso presente, a estratexia do "trío das Azores " de actuar fora da cobertura das Nacións Unidas cando a Organización non se presta ás esixencias da potencia dominante. Dende a catástrofe do 11 de setembro de 2001, o Presidente Bush ven falando de "Estados delincuentes" e dun "eixo do mal", que as democracias deben combater. Xa cando a guerra do Vietnam, e ulteriormente, falouse de "Estados depredadores", e mesmo da conveniencia de crear unha nova organización internacional de nacións democráticas, en substitución dunhas Nacións Unidas cuxa Asemblea Xeral estaba en máns dos "depredadores" " que daquela eran os países de réxime comunista " e dos "non aliñados", que presuntamente seguían as tendencias dos depredadores. A idea fora expresada e desenvolvida, entre outros, por Brian Crozier, xornalista británico (e biógrafo do Xeral Franco), que nos anos 60 e 70 dirixía en Londres un Instituto de Estudo dos Conflictos.

Unha década máis tarde, nos anos 80, a Administración Reagan enlixárase no lameiro de Nicaragua e no areal de Libya. Falábase entón " James Reston, nun artigo de marzo de 1986 " de que Reagan trataba de se desembarazar de dous "maleantes": o Coronel Gaddafi, en Trípoli, e o Presidente Ortega, en Managua, e tamén, ao mesmo tempo, dos simpatizantes que estes poideran ter noutros lugares. Esta cita ven dun libro moi revelador de Noam Chomsky, "A cultura do terrorismo"(1), que retrata o terrorismo de Estado da Administración Reagan, e de gobernos anteriores.

A Corte Internacional de Xustiza é o "órgano xudicial principal das Nacións Unidas", de cuxo Estatuto son ipso facto partes todolos Membros das Nacións Unidas, cada ún dos cuais "comprométese a cumprir a decisión da Corte… en todo litixio no que sexa parte". En xunio do 1986, a Corte determinou que as accións dos Estados Unidos en Nicaragua constituían "un uso ilegal da forza" e violacións dos tratados vixentes, violacións que non se podían xustificar como antodefensa colectiva (tal como alegaban os Estados Unidos)… nin en virtude de dereito algún a adoptaren medidas que comportaran o uso da forza en caso de intervención de Nicaragua en El Salvador, porque non se comptemplan dereitos de tal natureza no dereito internacional aplicable. A decisión da Corte non foi tomada en consideración e, nun editorial do New York Times de 1º de xullo de 1987, dicíase que a Corte era "un foro hostil" aos Estados Unidos, e que tradicionalmente tiña "un sesgo antioccidental". Un xurista internacional, Thomas Frank, afirmóu entón que os Estados Unidos debían "manter a libertade de protexer a libertade". Máis adiante, os Estados Unidos exerceran o seu dereito de veto contra unha resolución do Consello de Seguridade na que se exhortaba a todolos Estados a observaren as normas do dereito internacional, e por riba votaron, en unión de dous "satélites" (El Salvador e Israel) en contra dunha Resolución da Asemblea Xeral que pedía o cumprimento da decisión da Corte Internacional.

No caso da incursión aérea contra Libya, que causou unhas 100 víctimas, cando as Nacións Unidas condenaron "as medidas de represalia occidentais e a incursión contra Libya", un comentarista Premio Pulitzer, Charles Krauthammer, considerou que esa condena demostraba que as Nacións Unidas tiñan o obxectivo de "socavar a lexitimidade das ideas, institucións e intereses occidentais", de xeito que o mellor sería eliminar esa institución, afirmaba, "agora sen valor, porque xa non obedece as ordes dos Estados Unidos". O seu comentario titulábase "Que se afunda(2)".

Hai, xa que logo, moitos antecedentes dos problemas que hoxe teñen as Nacións Unidas por causa da aventura bélica da "coalición de voluntarios". Mais a situación actual tén aspectos novos que agravan a situación da Organización e do mundo. Por unha banda, a descarada privatización, non soamente dos plans de "reconstrucción" do Iraq unha vez derrocado Sadam Hussein, senon da propia acción militar, a privatización da guerra, como xa se está denunciando, e que deixarían fora do control das institucións internacionais aos grandes conglomerados empresariais que terían nas suas máns as armas e os efectivos humáns.

O Primeiro Ministro británico, e tamén o español, nun intento de "lexitimaren" a acción bélica, falan do "rol" que as Nacións Unidas terían na reconstrucción do país. Un primeiro paso é a reanudación do programa de alimentos por petróleo, que ficaría baixo o control directo do Secretario Xeral Kofi Annan, pero sempre coa participación de empresas privadas. Trátase dunha estratexia que representa, para as Nacións Unidas, o perigo de, ao fin de contas, dar cobertura legal a unha acción ilexítima.

Por outra banda, cousa ainda máis importante, o programa oculto desta acción contra o réxime iraquí tén características moito máis trascendentais que os de casos anteriores, como Vietnam ou Centroamérica. No caso do Vietnam, a intervención era consecuencia dunha estratexia contra a expansión "creían os Estados Unidos " do comunismo, e por tanto da influencia da Unión Soviética, en Asia. Estratexia que " como tamén vaise demostrar no Iraq " non tiña en conta a forza do nacionalismo vietnamita, que nada tiña que ver coa Unión Soviética. Centroamérica era, e sigue sendo, o "patio traseiro", dos Estados Unidos, que non permiten inxerencias alleas. No caso do Iraq, o programa oculto tén componentes moito máis preocupantes. En primeiro lugar, o de se faceren os Estados Unidos co control da riqueza petrolífera iraquí, que fortalecería a sua posición dominante no mundo e permitiríalles presionar á Arabia Saudita. En segundo lugar " e trátase de algo que constatamos nunha visita ao Irán aos poucos días de iniciada a guerra ", o de iren absorbendo na sua órbita aos países que teñen fronteira con Irán. "Veñen a por nós " dicíanos en Isfahan un enxeñeiro iraní, educado na Gran Bretaña " en canto teñan sometido ao Iraq, porque xa mandan no Afganistán, no Pakistán e nas antigas repúblicas soviéticas de Asia Central".

¿Serán as Nacións Unidas unha víctima colateral da guerra? Malia os fracasos, malia o trato despectivo que están recebendo do Goberno estadounidense e dos seus aliados, e malia os perigos de se veren envoltas nunha operación de lexitimación ex post facto da invasión do Iraq, as Nacións Unidas seguirán sendo absolutamente necesarias para, polo menos, obstaculizar a implantación dunha nova orde internacional axeitada aos intereses dunha potencia, por grande que sexa.


Notas:

(1) CHOMSKY, Noam. The Culture of Terrorism, South End Press, Boston, 1988, páx. 262.

(2) KRAUTHAMMER, Charles, "Let it sink", in The New Republic, 24 de agosto do 1987.