Amizades perigosas: as relacións turco-americanas ante Iraq

Nas vésperas do ataque de EEUU a Iraq, o goberno norteamericano apresurouse a asinar un convenio militar co novo goberno turco. Este acordo supón a condonación da deuda de Ankara con Washington para poder utiliza-lo espacio aéreo e asegurar o apoio loxístico turco contra Bagdag. Para os que tiñan confianza nun cambio de intencións na política exterior turca tralas recentes consultas lexislativas que deron a victoria ó AKP, partido islamista de corte conservador, este acordo entre os dous tradicionais aliados, supón o reforzamento dese impulso pro-occidental que o goberno de Ecevit comezara no seu intento de entrar na UE, un traxecto cara Europa de máis de vinte anos da "eterna aspirante".

Este primeiro paso para soluciona-los gravísimos problemas económicos que axexaban a Turquía dende facía ano e medio non debe facer esquecer os aínda pendentes pagos ó FMI -é o seu maior deudor- e ó Banco Mundial. Os axustes económicos postos en práctica por Kemal Darvis, ex presidente do BM, deixaron a Turquía en vésperas das eleccións nunha situación mellorada dende os peores tempos da crise. O novo presidente turco, Abdalá Gül, antigo executivo da Gran Banca Árabe en Europa, ten na súa man o completar a posta en práctica das receitas de melloría económica do FMI, adoptadas por Darvis. Estas medidas non foron de todo beneficiosas nunha sociedade onde a corrupción e o desemprego medraron de xeito espectacular. As intencións de investimento, nun país onde o estamento militar segue sendo predominante e con malas perspectivas económicas, baixaron do mesmo xeito. Sen embargo, moitos saben que esta especie de "neno mimado" do FMI (bendicido cun acordo de 31.000 millóns de euros) non será abandoado polos seus aliados occidentais, en tanto en canto rechíen os tambores de guerra na súa fronteira sur. Deste xeito, non foron casualidade as chamadas dende a Casa Branca ós mandatarios europeos nos días intensos do Cumio de Copenhague pedindo unha maior flexibilidade nas negociacións da UE coa aliada de EEUU en Oriente Medio. O partido de Erdogan pasou a duras penas a proba da Unión, que celebrou as medidas tomadas polo goberno turco aínda que aplazou as negociacións de entrada ó 2005. Ankara recibiu unha axuda de 7.500 millóns de euros.

Segundo Joaquín Estefanía, a xeopolítica é moito mais decisiva para a economía que outras constantes económicas, por moi debilitadas que estén, especialmente cando se trata de convence-los mandatarios europeos (e americanos). Este acordo supón perdoa-la débeda de máis de 6.000 millóns de dólares en concepto de compra de armamento, a cambio de despregar unha forza de 100.000 militares norteamericanos, ós que se lles sumarían, en caso de conflicto armado, 35.000 do exército turco. Este compromiso, firmado entre Paul Woflowitz -un dos falcóns máis influintes do gabinete do actual presidente Bush- e o novo presidente turco, inclúe o uso do espacio aéreo, permiti-lo establecemento nalgúns dos seus portos e aeroportos á armada de EEUU e unha máis que posible cooperación en misións de combate. Este significativo apoio por parte de Turquía supón o espaldarazo do único membro da OTAN que provén do mundo musulmán, e a confirmación, de que, alo menos e para alivio do Occidente máis escéptico, a política de Turquía segue sen morder a man que lle da de comer, aínda a pesares da victoria electoral dos islamistas nas últimas eleccións. Recentes informacións mostraban xa os efectos destes acordos, ó verse o contixente do exército turco na fronteira con Iraq, xustamente nunha das zonas estratéxicas máis importantes, no aeródromo de Barmani, que pode server de cabeza de ponte no ataque e apenas a 20 quilómetros na liña recta da fronteira. Esta zona estivo fóra do control de Bagdag dende a Guerra do Golfo de 1991. Dende entón se incrementaron as persecucións dos curdos turcos dende Ankara.

Precisamente o tema das loitas secesionistas curdas é un dos escollos do goberno turco á hora de da-lo seu total apoio a EEUU neste conflicto. Medra o temor a unha probable desestabilización da zona provocada pola guerra, unha guerra na que os curdos iraquís terían un papel fundamental á hora de impulsa-la loita desta perseguida poboación no propio chan turco.

Os turcos non ignoran o tempo que se leva asegurando que o obxecto da guerra contra Iraq sería, ademais de sentarse sobre as bases do petróleo, refacer o mapa para facilitar a emigración a Iraq de árabes que hoxe están a tiro de Israel, unha vez sexan asoladas as súas terras. Segundo fontes palestinas estaría en mente do presidente norteamericano a idea dunha federación xordano-iraquiana, unha demarcación que abriría as portas á dinastía hachemí, rexeitada por Sadam.

"Turquía podería solicita-la nosa axuda se percibira que a crise ten efectos colaterais", con estas palabras, resumía un alto mando militar da OTAN, o papel que xogaría Turquía no caso de que Iraq lle resultara "incómoda" ós seus aliados de Oriente Medio. Mentras pode, Erdogan se mantén cauto neste tema, e declara que o principal problema que debe solucina-lo novo gabinete é o da corrupción interna fermentada nestes anos. O novo xefe de goberno turco, Gül, nunha entrevista con Mubarak en Exipto trataba de conseguir un consenso entre os países da zona para evita-la guerra. Antes visitara para tal propósito Siria e logo faría o propio en Xordania, Irán e Arabia Saudita.

Evita-la formación do estado curdo é vital para Turquía e, por iso, en decembro supeditou o seu apoio a EEUU a que o 27 de xaneiro os inspectores da ONU entregasen o seu primeiro informe dos indicios de acumulación de armas de destrucción masiva en Iraq ó Consello de Seguridade. A diplomacia norteamericana apresurouse a mandar a Ankara ó seu número tres, Grossman, e a Taylor, subsecretario do Tesouro. Turquía bótalle en cara a EEUU o eventual abandono que sufriu durante o anterior ataque, e xa se apresuraron a cuantificar as necesidades de Turquía en caso de guerra nuns 28.000 millóns de euros. Tampouco tardaron en en sinalar que o embargo ó que se viu sometido Bagdag supuso unhas perdas duns 40.000 millóns de euros para o seu comercio.
Tamén contribúe a aumenta-la dúbida do apoio total de Ankara, o feito de que gran parte da poboación turca está en contra desta guerra que lles faría poñerse en fronte do mundo musulmán, unha cuestión de vital importancia, máis agora que o goberno está encabezado por un partido de corte islamista. Segundo unha enquisa efectuada en 44 países a 38.000 persoas por unha axencia americana (What the world thinks in 2002, Pew Research Center) na que se valoraba a percepción de EEUU fóra das súas fronteiras, o 78% da poboación turca era desfavorable á política exterior da Casa Branca. O 83% (¡83%!) da poboación entrevistada en Turquía rexeitaba a posibilidade de que EEUU utilizara as bases turcas para atacar Iraq.

Sen embargo, neste punto da historia, non parece que Turquía vaia a abandoa-los seus amigos americanos, por máis que esta amizade sexa vista coma perigosa polos cidadáns turcos. Os soldados norteamericanos están xa preparados para o combate dende a fronteira sur da patria de Atartük.