A tregua misteriosa

Por enésima vez, unha oportunidade para a paz en Medio Oriente. Despois dun mes particularmente sanguento, precedido por un histórico acordo de paz entre israelís e palestinos en Aqaba (Exipto), co apoio de EEUU, a ONU, a Unión Europea e Rusia, garantes da chamada "folla de ruta", o anuncio o pasado domingo 29 de xuño por parte dos grupos radicais palestinos Hamás, Yihad Islámica e Brigada de Mártires de Al Aqsa, (brazo armado do partido Fatah ao que pertence Yasser Arafat) de cesar calquera tipo de ataque contra o "inimigo sionista", Israel, durante tres meses, trae ao escenario unha tregua que é observada con lupa e desconcerto a nivel mundial.

Esta especie de bocanada de aire fresco para un conflicto que se había descarrilado do alcance dos seus principais actores e da comunidade internacional chega nun momento en que as partes en cuestión, israelís e palestinos, perciben certos signos de debilidade, síntoma que tamén afecta indirectamente ao principal garante do acordo de paz de Aqaba, EEUU. O goberno de George W. Bush se atopa inmerso nunha complicada encrucillada en Medio Oriente, atenazado pola inesperada ofensiva guerrilleira en Iraq, unidas ás dificultades da nova administración para poñer orde no país trala caída de Saddam Hussein. Ao mesmo tempo, as presións de Washington cara as pretensións do réxime teocrático de Irán de adiantar o seu programa nuclear ocupan a atención da Casa Branca e ameazan con desatar outro conflicto na rexión. A posibilidade de que Irán desenvolva armas nucleares e de destrucción masiva é contemplado en Israel e EEUU cun claro signo de ameaza; por iso, un acordo de paz entre palestinos e israelís e un, anque sexa temporal, cese da violencia, se fixeron inevitables.

A xira do secretario de Estado Colin Powell e da asesora de Seguridade Nacional Condoleeza Rice a Medio Oriente, para reunirse con líderes israelís, árabes e palestinos, acelerou os mecanismos para a tregua. Sharon decidiu retirarse do norte da franxa de Gaza e de Cisxordania, mentres desmantelaba con gran dificultade as colonias xudeas alí establecidas. Pero foi a decisión dos grupos extremistas palestinos o que posibilitou o cese temporal da violencia, unha decisión misteriosa que podería ter a clave na evidente debilidade destes grupos ante o actual escenario rexional e a batalla interna que se libra no bando palestino.

¿Unha silenciosa guerra palestina?

O final da guerra en Iraq, e polo tanto do apoio de Saddam Hussein á causa palestina; o acoso estadounidense a Irán e Siria, dous dos principais patrocinadores dos grupos extremistas palestinos, e o estado de semi-caos interno na Autoridade Palestina, parecen estar detrás da tregua anunciada por Hamás Yihad Islámica e Mártires de Al-Aqsa.

O primeiro ministro palestino, Mahmoud Abbas, tratou de persuadir a Hamás, o principal grupo extremista cunha adhesión que aumenta entre os palestinos, para constituirse nunha especie de partido político que apoie o proceso de paz. Pola súa banda, o presidente Bush instou a Abbas a desmantelar a organización. Hamás, así como os outros grupos, pediron constantemente a renuncia de Abbas pola súa política de acercamento cara EEUU e Israel. Pero factores loxísticos e de apoio militar parecen estar detrás da decisión de ir a unha tregua: os patrocinadores de Hamás en Siria, Irán, Iraq e Líbano están baixo o radar de Washington e a súa marxe de acción se ve cada vez máis reducida. E se contamos a Al Qaeda como organización de financiamento e apoio, parece que esta tampouco ten moito espacio para actuar, aínda que siga sendo un elemento de importancia.

De igual xeito, o feito de que o partido Fatah e a súa ala radical Mártires de Al Aqsa, aceptaran a tregua, ameazaba con deixar a Hamás temporalmente fora de acción dentro da política palestina. A Brigada dos Mártires de Al Aqsa se creou tralo estoupido da segunda Intifada en setembro de 2000, despois de que Sharon (quen nese momento estaba na oposición política israelí) visitara a explanada das Mezquitas en Al Aqsa, Xerusalén. A visita foi considerada unha provocación polos grupos palestinos e os Mártires xurdiron como un ala islámica dentro dun partido tradicionalmente laico como Fatah, se ben os seus membros non teñen nin a disciplina nin a orientación estratéxica de Hamás. A debilidade política do líder de Fatah, Yasser Arafat, propiciou igualmente o avance dos Mártires.

Ante a perspectiva de perder apoio entre un gran sector da sociedade palestina cada vez máis acorde coa visión radical islamista e coa finalidade de gañar algún tipo de apoio da opinión pública mundial, Hamás pasou á acción: anunciou unha tregua coa finalidade de "pasarlle a pelota" a Sharon e atenazar os movementos de Yihad Islámica e Mártires de Al Aqsa. Ao final, Arafat e Abbas a penas foron uns "convidados de pedra" nesta acción, incapaces aínda de dixerir o verdadeiro poder destes grupos e a voráxine interna que vive a política palestina.

A encrucillada de Sharon

Do lado israelí, as cousas tampouco se ven moi claras. Unha tregua evitaría a sangría de ataques terroristas e é por iso que a acción de Hamás e os outros grupos é contemplada con desconfianza, se ben con certo nivel de esperanza de que a "folla de ruta" poida implementarse. Pero o primeiro ministro Ariel Sharon deberá agora dedicarse a un labor no que non é moi destro: construír a paz nunha rexión devastada pola guerra.

O principal problema para Sharon son os milleiros de colonos que están sendo desaloxados de Gaza e Cisxordania, colonos que el mesmo alentou a establecerse alí dende hai máis de dous anos coa finalidade de amortiguar o avance demográfico palestino. Estes colonos votan maioritariamente aos partidos ultrarrelixiosos e de extrema dereita en Israel, que son a principal "dor de cabeza" para Sharon, a pesar de que o seu goberno é abertamente dereitista. As escenas de desaloxos violentos nestas colonias por parte de efectivos do Exército israelí fixeron mella na opinión pública dese país.

Sharon se atopa actualmente negociando coa Autoridade Palestina a retirada de tropas israelís de cidades emblemáticas como Hebrón, Jenín e Belén, pero o problema principal o ten na propia casa. As rexións palestinas en Gaza foron devastadas polos continuos avances do Exército israelí, polo que os palestinos terán un gran problema de reconstrucción. Igualmente, un descontento maior polas excesivas concesións aos palestinos planea sobre a cabeza do líder israelí e puideran complicar o seu futuro político e ata a súa integridade física, xa que a pantasma do asasinato de Yitzhak Rabin por un extremista xeudeu se palpa no ambiente. Mentres, Sharon se aferra a Washington e ao volátil poder de Abbas dentro da política palestina para poder manter a "folla de ruta" subscrita o pasado 4 de xuño. A reunión de emerxencia do martes 1 de xullo entre Abbas e Sharon se inclina por ese camiño.

A estratéxica e ben planeada decisión tomada por Hamás, Yihad Islámica e Brigada de Mártires de Al Aqsa non garante completamente que a tregua sexa duradeira. Os seus militantes demostraron posuír un fanatismo a proba de bomba e serán vixiantes das accións que tomen Sharon e Bush con respecto á situación dos palestinos. Pola súa banda, Abbas e un cada vez máis fora de combate Arafat tratan de facer malabarismos para evitar unha radicalización da política palestina. Por agora, a paz parece xogar forte pero a violencia pode agardar pacientemente a posibilidade de entrar novamente en escena.