Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
A xeopolítica de Lula
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 07/10/2003)
 
 

Os pasos estratéxicos en materia xeopolítica dados recentemente polo presidente brasileiro Lula da Silva apuntan directamente a un maior rol de Brasil como potencia emerxente na América Latina. Os casos máis significativos son Colombia e Cuba. O Cumio Internacional do Café realizado en Cartagena de Indias hai dúas semanas permitiu un achegamento entre Lula e o seu homólogo colombiano Álvaro Uribe Vélez en materia de seguridade e pacificación do conflicto colombiano. E a visita de Lula a La Habana rompeu o illamento do rexime cubano.

Na xuntanza Lula-Uribe, o que se discutiu con vehemencia foi o sorprendente anuncio das FARC de negociar coa ONU unha eventual pacificación. A oferta da guerrilla foi aproveitada por Lula para lle comunicar a Uribe a intención de Brasil de se-la sede de ditas conversacións. Este ofrecemento foi formalizado por Lula ante o secretario xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan, durante o Cumio anual da ONU, entre o 22 e o 25 de setembro en Nova York.

Neste apartado semella existir un acordo tácito entre Bogotá, Brasilia e a ONU. Os tres queren que o encontro FARC-ONU se realice baixo a maior discreción. Pola contra, a guerrilla quere a presencia dos medios de comunicación e a asistencia dun grupo de países amigos, así como da Igrexa Católica. Este punto está en negociación, así como o lugar da sede.

A xuntanza Lula-Uribe pulou tamén as negociacións de Colombia para concretar un acordo de libre comercio co MERCOSUR, elemento chave para afortala-lo organismo rexional á espera da posta en marcha do ALCA promulgado por Washington para o 2005.

Declaracións de intencións aparte, o que Lula realmente teme é o Plan Colombia. Un breve repaso á aplicación do mesmo amosa que os temores de Lula son xustificados. Washington introduciu mais de 2 millardos de dólares en axuda militar a Colombia nos últimos tres anos. En xaneiro pasado, os EEUU enviaron 70 conselleiros das Forzas Especiais ó departamento colombiano do Arauca -rico en xacementos petroleiros pero igualmente minado de elementos das FARC-, para traballar na contrainsurxencia. Un mes despois, 49 soldados norteamericanos chegaron a Colombia para iniciar labores de procura e rescate de tres norteamericanos capturados pola guerrilla.

O problema para Lula e Brasil é que un maior apoio ao Plano Colombia evidenciaría o expansionismo militar norteamericano na rexión, radicalizaría o conflicto coas FARC, provocaría unha expansión do conflicto cara os países veciños e poría en perigo a soberanía brasileira na rexión noroeste do Amazonas. Outro punto de fricción é que a raia colombo-brasileira se está a converter nun punto quente de entrada de guerrilleiros e traficantes de droga e armas, o que podería levar a combates fronteirizos entre as Forzas Armadas brasileiras, a insurxencia e os carteles da droga.

O outro escenario onde a diplomacia de Lula enfoca con especial atención é Cuba. A visita do mandatario brasileiro a Fidel Castro non so rompe co illamento do rexime cubano tras as recentes sancións da Unión Europea, senón que é unha válvula de escape para Brasilia en dúas frontes: ALCA e Colombia. Entrar no mercado cubano posicionaría ben a Brasil en materia comercial, ademais de que garantiría o apoio de Castro contra o ALCA. Do mesmo modo, Fidel Castro podería contribuír ás tentativas de mediación de Lula no conflicto colombiano convencendo ás FARC para que senten á mesa de negociación coa ONU.

Outro aspecto importante foi o apoio de Brasil ó chamado Grupo dos 22, que se opuxo ás demandas dos países industrializados no recente Cumio da OMC en Cancún, México. o labor deste bloque, que abrangue Brasil, Arxentina, India e varios países latinoamericanos, asiáticos e africanos, supuxo un duro golpe á globalización comercial.

Contemplada desde o punto de vista hemisférico, a estratexia do mandatario brasileiro busca afortala-los intereses estratéxicos de Brasil en América do Sur, a través do MERCOSUR e dunha maior presencia diplomática para contrarrestar os intereses dos EEUU plasmados a través do ALCA e o Plan Colombia.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é investigador do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/10/2003
Fernando Pol