¿Primavera xeorxiana?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

A caída do presidente xeorxiano Eduard Shevarnadze, que os medios de comunicación e as forzas de oposición se apresuraron a denominar como a "revolución de veludo", revela un capítulo máis da histórica inestabilidade do Cáucaso e de como na actualidade existe unha loita polo poder entre Moscova e Washington en materia de xeopolítica e petróleo para controla-la estratéxica rexión.

Shevarnadze, ex membro da KGB e do Politburó soviético e ex chanceler na era Gorbachov, considerado un dos principais adaís da Perestroika, que lle fixo gañar simpatía e prestixio en Occidente, gobernaba o país caucásico dende hai 11 anos, cando este se atopaba sumido nunha atroz guerra civil. Durante todo este tempo, a súa habilidade para manexa-la política de intereses, se ben logrou estabiliza-lo país, levouno a afastarse en diversas ocasións de Moscova e achegarse a Washington, demasiado pendente esta das reservas petroleiras e gasíferas do Mar Caspio e de como eses proxectos de extracción, especialmente o oleoducto Bakú-Tbilisi-Ceyhán, podían pasar por Xeorxia. Da mesma maneira como Shevarnadze tivo a habilidade para gañar terreo político das ruínas do Estado soviético e sortear ás mafias establecidas en Xeorxia, puido xogar un dobre xogo con Rusia e os EEUU: mentres pedía a Washington o ingreso de Xeorxia na OTAN, se achegaba a Moscova para ingresar na Comunidade de Estados Independentes e pedir protección ante la onda de descontento popular cara un goberno que fixo da corrupción e o pucherazo electoral un modus vivendi.

O problema é que o sórdido e lento xogo de poder entre Moscova e Washington remataron coa carreira política do outrora denominado "zorro do Cáucaso". A presión popular emanada tralas fraudulentas eleccións lexislativas do pasado 2 de novembro que lle deron a Shevarnadze unha axustada victoria, provocaron o ascenso popular do opositor Mikhail Shaakasvili, un candidato formado en universidades estadounidenses e que posúe o total apoio de Washington. Neste aspecto, a situación de Xeorxia e Shevarnadze é semellante á que ocorreu na Iugoslavia de Slobodan Milosevic hai tres años, con Shaakasvili xogando o papel que en no seu momento ocupou o falecido prooccidental primeiro ministro serbio Zoran Djindic.

Rusia, pola súa banda, vén movendo ás súas pezas en dous niveis: tratando de manter a un Shevarnadze que nos últimos días tivo que ata-la súa supervivencia política ó apoio ruso, daquela, a mediación a última hora do chanceler Igor Ivanov. Por outra banda, o home de Moscova en Xeorxia chámase Aslan Abashidze, líder da separatista rexión de Ajaria, un home que ten manifestado a súa oposición a Shevarnadze e a quen estea gobernando en Tbilisi, capital xeorxiana. Rusia ten tropas no país e foi notorio o apoio militar ruso ós separatistas en Ajaria e Ossetia do Norte.

E é que precisamente o problema que se lles presenta agora a Xeorxia, Rusia e EEUU é a posibilidade de que o país se desintegre territorialmente, complicando a inestabilidade do Cáucaso e os proxectos petroleiros de Moscova e Washington. ó separatismo de Ajaria se lle suma o de Abkhazia e Ossetia do Norte, esta ultima unha rexión rusófila. Do mesmo xeito, a Rusia convenlle manter Xeorxia baixo a súa órbita debido á presencia de guerrilleiros chechenos no vale do Pankisi e porque este país á a porta ó Cáucaso e Medio Oriente. Pola súa banda, se ben Washington obtivo unha notable victoria co ascenso de Shaakasvili, a situación deste tamén é unha incógnita. Aínda que dentro de 45 días terán lugar eleccións presidenciais, as forzas tectónicas que se moven en Xeorxia e o Cáucaso en xeral xiran cara unha perigosa inestabilidade, con posibilidades de expandirse na veciña Azerbaiján, outro país sometido ó imperio do nepotismo, a represión e a corrupción e que é vital para os intereses petroleiros rusos e estadounidenses.