Centros comerciais, pobres e guerra: Israel

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

Os afeccionados do Celta de Vigo cicais lembren certa rabexa dun antigo xogador do club, que, víndose acosado ante preguntas non estrictamente deportivas e perante a "ignorancia" dos informadores e lectores, resumiu canto de normal tiña o seu país nunha frase: "en Israel tamén hai centros comerciais".

Estivo ben a aclaración, porque senón, ben podería pensar a xente que as rúas de Israel son as que se ven pola tele dende hai ducias de anos, con casas a medio construír ou a case destruír e moitos nenos vestidos de doazón no medio da estrada, moi posiblemente, facendo novillos, para lle plantar cara a un exércitio profesional.

Iso non é Israel, non son os israelitas, viña a dicir o dianteiro-centro, probablemente abrumado perante a pobreza indigna que "teiman" en mostrar as televisións europeas. Xerusalén, Bnei Brak, Ashdod, Beer Sheeva e Natania son as cidades máis pobres de Israel. Un informe oficial, feito público a principios de novembro, di que un de cada cinco israelitas é pobre. A publicación do devandito informe coincidiu co anuncio, por parte da Confederación de Traballadores (Histadrut), a maior central sindical do país, da convocatoria da "folga de tódalas folgas xerais", isto é, a nai de tódalas folgas, que o goberno conseguiu evitar até o momento. A Histadrut asegura que "proximamente será inevitable, xa que se trata dunha folga para a defensa de Israel".

Pero, ¿qué é a defensa de Israel? O primeiro ministro israelita, Ariel Sharon, vén de advertir que as Forzas Armadas do seu país "golpearán ós seus inimigos en tódolos lugares e con tódolos medios", declaracións que, convencionalmente, só se consideran "normais" se proveñen dos EEUU. Feliz ou infelizmente, xa que en calquera caso semellan asumidas, as declaracións son posteriores ó Eurobarómetro da Comisión Europea, que revela que o 59% dos europeos opina que Israel é o país que máis ameaza a paz mundial. A circunstancia ten propiciado a solicitude do centro Simon Wiesenthal de Los Ángeles para que Europa sexa excluída do proceso de paz, as desculpas persoais do presidente de quenda da UE a Sharon para transmitirlle a súa "indignación" co resultado da enquisa e, a fin de contas, as declaracións de parte do Consello Europeo en canto "non se deben facer certas preguntas ós europeos", ignorantes para o xogador coma para as altas autoridades comunitarias.

Segundo o informe publicado pola Seguridade Social en Israel, 1.321.000 israelitas "dun total de 6,7 millóns de habitantes" son pobres. Hai 200.000 pobres máis que en 2001, ano no que a economía israelí experimentou a súa caída máis fonda dende 1953. En resumidas contas, preto de 340.000 familias, o 18%, viven por baixo do umbral da pobreza. Segundo o líder da Histadrut, Amir Peretz (que vén de uni-los 3 deputados do seu partido, Un Só Pobo, ós dos laboristas) a mediados dos anos 90, en pleno proceso de paz, Israel chegou a te-lo maior crecemento económico do mundo, máis dun 6% anual, polo que, posiblemente estes serían os anos do boom dos centros comerciais.

Pero, en maio de 2003, a cifra de desempregados chegou ás 186.000 persoas, e, en setembro, a 226.. Paralizado o crecemento das superficies comerciais, érguense agora os ladrillos do muro, cualificado eufemisticamente como "da vergoña" e medran os asentamentos israelís en Palestina a golpe de cretos (máis 533 millóns de dólares ó ano). Se, como intúen Perezt e a maioría dos analistas, o colapso económico israelí é o resultado directo do enorme gasto militar da economía de guerra, resulta que os descontentos "comeza a falarse dunha "revolución dos pobres"" son a principal ameaza para o goberno de Ariel Sharon. Nin el, nin os dogmas configuradores do seu estado, admitirán endexamais, nunca, que a ameaza poida vir de dentro.