Compañías Militares Privadas, non no seu nome

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

Un goberno que perdeu o control das liortas internas tentando recuperar un territorio estratéxico perdido; unha forza internacional de pacificación que require axuda no seu despregamento; un cartel da droga que busca facerse con alta tecnoloxía militar; unha ONG humanitaria que precisa protección nunha zona en conflicto; unha multinacional da enerxía que se prové de seguridade nas inmediacións das súas instalacións e mais a única potencia do mundo tentando limitar os custos e riscos dunha intervención militar. ¿Que pode definir mellor ó contratado que o contratante?


As Compañías Militares Privadas (CMP), como gustan definirse os actuais grupos corporativos da actividade mercenaria, son organizacións con ánimo de lucro que venden servizos profesionais intrinsecamente relacionados coa guerra, termo que rara vez aparece na listaxe dos seus servizos, onde vén substituído por "transición á democracia". Non proporcionan un servizo calquera, pois cumpren un obxectivo político onde a interrelación social non ten como obxectivo o intercambio de beneficios senón o poder. A súa tipoloxía oficial depende basicamente da súa posición no campo de batalla, isto é, de que sexan contratados para matar ou para servi-lo rancho ás tropas estatais convencionais. Un primeiro banzo ocuparíano, daquela, as chamadas firmas de "servizos militares" (Tipo 1), con tarefas de implantación e combate. Están encargadas das operacións hard-core e son as más semellantes á figura do mercenario como pistola de alugueiro (Sandline ou Executive Outcomes, por exemplo). Nun segundo banzo estarían as "consultoras militares" (Tipo 2), que venden asesoría e adestramento militar, estratexia e análise. MRPI, a firma con "máis xenerais de catro estrelas có Pentágono", sería unha delas. Por último, o "apoio militar" (Tipo 3) prové intelixencia "hackeo- dos sistemas informáticos (AirScan), soporte técnico e servizos complementarios sen especificar. A diversificación dos seus servizos e a súa árbore empresarial aseméllana ás multinacionais comercias tradicionais; así a estadounidense Brown, Root&Kellog é, orixinalmente, unha constructora especializada en grandes obras públicas que atopou que a enxeñería militar é un sector tanto o máis proveitoso que aquel (seu é o campo de confinamento de Guantánamo pero tamén a reconstrucción dos pozos de petróleo iraquís).

Sostida na lexitimación da vantaxe comparativa, a expansión da industria compórtase aciclicamente (serve tanto para os republicanos coma para os demócratas). Froito da actual estructura económica do mercado e contrariamente ás asuncións do neoliberalismo, no que a carreira do capitalismo e maila globalización son consideradas un principio que diminúe os incentivos para o estoupido de conflictos violentos "xa que presenta ós actores económicos non estatais como esencialmente orientados á paz-, as CMP proporcionan o camiño máis curto para transformar diñeiro en ameaza militar. A maior demanda "guerra-, maior oferta, na que entra tamén un enorme stock de armas (de fogo, tanques, avións) posta no libre mercado. Sector industrial non intensivo en capital e beneficiado polas economías de escala, as barreiras para entrar no negocio son relativamente baixas. A consolidación industrial vén dada tamén polas fusións, e, integradas en conglomerados económicos que cotizan na bolsa (Dyn Corp, p.ex., adquirida pola Computer Sciences Corporation), as CMP gozan da consideración de entidades legais e compiten no mercado global por clientes múltiples, a diferencia do mercenario individual ou grupúsculo (tipo imaxinario, o Equipo A).

Os obxectivos comerciais das CMP son, segundo a británica Sandline, "os gobernos democráticos, preferentemente, as Organizacións Internacionais, e os movementos de liberación xenuínos". O argumento é que as CMP non fan negocios con consumidores non reputados porque iso podería ter efectos negativos nos futuros contratos. A estructura da guerra e do mercado argumenta na súa contra. Nos mercados non regulamentados, as empresas deciden para quen traballan. Non embargante, o primeiro contratante mundial é o Pentágono (con 3.061 contratos dende 1994). Que sexan mercados non regulamentados non quere dicir que non teñan dono. A clasificación das CMP polos seus servizos (Tipos 1,2&3) é, daquela, irrelevante, se non temos en conta quen paga, porque "nin quito nin poño rei, pero sirvo ó meu señor".

CMP Tipo 1

Unha recente investigación do Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ) identifica 90 CMP presentes actualmente en 110 países. A maior concentración de sedes centrais está nos EEUU, Reino Unido e Sudáfrica (se ben as CMP sudafricanas forman parte do sector británico e, baixo unha esencial especialización, este cotiza na órbita estadounidense), pero as súas operacións teñen lugar en áreas en conflicto de África, América Latina e Asia, principalmente. Segundo as estimacións do ICIJ, nun curto espacio de tempo, as ganancias das CMP incrementaranse un 85% nos países industrializados "sedes- e un 30% nos países en desenvolvemento "clientes-.

Na clasificación de P.W Singer (Corporate Warriors: The Rise and Ramification of the Privatized Military Industry, 2003), o cliente habitual das CMP Tipo 1 son países cunha capacidade militar relativamente baixa que afrontan unha ameaza interior de gran intensidade. É dicir, países pobres inmersos nun conflicto convencionalmente definido como de "baixa intensidade", xeralmente intrafronteira, que non é considerado como unha ameza polos estados centrais (representados politicamente no Consello de Seguridade da ONU). O país en cuestión non abandoa a condición de Estado "cliente" do Estado "patrón ou central" xa que ó reclama-la intervención estranxeira privada afonda un pouco máis na cesión da súa soberanía e na monta da súa débeda.

O estudio do caso de Serra Leoa amosa como as compañías "Executive Outcomes e Sandline-, con funcións de combate contra o grupo armado opositor da Fronte Revolucionaria Unida, acentuou a explotación e a marxinalización do país, de poboación empobrecida, pero rico en recursos minerais. O cambio de contrata de EO (a "empresa africana decidida a traballar pola viabilidade e o desenvolvemento de África) pola Sandline a finais dos 90 cambiou pouco as cousas, xa que ambas eran parte dun mesmo conglomerado que incluía a seguridade privada, o transporte aéreo, o desactivamento de minas e, especialmente, a extracción de minerais (Diamond Works, Heritage Oil&Gas, Brach Energy). Ambas, EO e Sandline, foron pagadas polo goberno de Serra Leoa con concesións millonarias de explotación extractiva.

Para Guy Arnold (The new mercenary corporations, 1999), a extensión no uso das forzas militares privadas representa unha "nova forma do imperialismo na que os países febles do Sur son controlados por corporacións militares presuntamente independentes que, en termos reais, son instrumento dos estados centrais". Arnold describe a triple relación CMP-compañías mineiras e petroleiras occidentais-gobernos occidentais, da que a listaxe de clientes da británico-estadounidense DSL (Defence Systems Limited), amplamente representada en África, é altamente reveladora: De Berrs, Shell, Mobil, Amoco, British Petroleum e Chevron, pero tamén dúas grandes ONG (Care e Goal) e varias axencias da ONU (UNICEF, UNDP, UNHCR, UNAVEM e ONUMOZ) En realidade, rara vez unha compañía transnacional traballa en contra dos intereses do seu goberno, como tampouco o fixeron, en tempos lonxanos, a English East India Co. ou as expedicións xeográficas.

Comercialmente, e como asociación con ánimo de lucro, o interese principal dunha CMP é que o seu contrato sexa prolongado. Isto significa, ás veces, armar ós dous bandos (Etiopía e Eritrea) e facer interminábeis conflictos que sofren dunha perda progresiva de motivación ideolóxica para se converter nunha simple loita polos recursos locais (Congo, Angola, Liberia).

Un informe da Comisión de Dereitos Humanos da ONU (1998) sobre a utilización de mercenarios como medio para viola-los dereitos humanos, afirma que "tales empresas son hoxe o maior e máis refinado perigo para a paz, a soberanía e a libre determinación dos pobos de moitos países". A International Peace Operations Association "cluster que engloba varias CMP- estima que podería "resolve-los conflictos de África por só 750 millóns de dólares" e, de feito, a ONU contemplou en 1994 e 1996 a posibilidade de contratar á Executive Outcomes para pacificar Ruanda e o Zaire, respectivamente. A nova estratexia, pulada pola ONU, o Banco Mundial e o Consello de Seguridade é a formación de grupos policiais rexionais africanos "como xa o é ECOMOG, por exemplo- que eviten a intervención directa de Occidente, mediada a través dos labores de dirección militar das súas CMP.

CMP Tipos 1 e 2

O cliente obxectivo das CMP Tipo 2 está, xeralmente, inmerso no proceso de reestructuración das súas Forzas Armadas e busca gañar máis potencialidades. O contrato acostuma ser, polo tanto, máis lucrativo có das CMP Tipo 1. Considérase daquela que a ameaza dun conflicto armado interestatal non é inminente.

O contrato da estadounidense MPRI (Military Professional Resources Incorporated) con Croacia en 1994, aínda en vigor, foi un dos primeiros deste tipo-. A sede de MPRI en Virxinia, lar do Pentágono e galaxia do complexo militar global, decorada con profusión de barras e estrelas, denota de que presume a compañía. A súa misión, di na súa web, semellante ás gobernamentais, é "fornecer dunha ampla gama de servizos ó goberno dos EEUU e, baixo a súa licencia, a gobernos estranxeiros", nunha afirmación non especialmente polémica. En 1994, o afortalamento do exército croata era esencial para o obxectivo estadounidense de reduci-lo liderado serbio na Iugoslavia. MPRI declara que o obxectivo do seu contrato era, simplemente, o "ensino dos principios militares da democracia occidental ás forzas crotas". Un ano despois, en agosto de 1995, o exército croata lanzou a ofensiva que resultou no desaloxamento de 150.000 serbios da Krajina, deixando unha Croacia etnicamente limpa, algo que nos catro anos anteriores, malia ás tentativas, non acadara.

Dende entón, o contrato de MPRI, e a proliferación de pequenas repúblicas pelexadas e escasamente soberanas, abriu a veda para unha entrada masiva de CMP que serviron e serven a todas, e están altamente vencelladas co tráfico de armas e a entrada de terceiros actores (Irán, Arabia Saudita) nos conflictos posteriores de Bosnia e Cosova. Con todo, tanto o caso de Croacia como o de Serra Leoa son considerados exemplos de eficacia e MPRI apréndelles valores democráticos occidentais "pre-OTAN- ós exércitos de Croacia, Bosnia, Bulgaria e varias repúblicas exsoviéticas da nova Europa. En realidade, e respecto á OTAN, moitas das capacidades que os seus membros delegan nos EEUU para o despregamento de forzas (loxística, análises, intelixencia) poden ser agora proporcionadas polas CMP Tipo 3, que xa o fan para o goberno dos EEUU. Como resultado, e ó igual que ocorre no Consello de Seguridade, o veto perde o seu poder restrictivo. Isto non significa que o poder do Estado desaparecese; non o de tódolos estados, polo menos.

Nun banzo superior están as CMP Tipo 3. Os seus clientes son tamén superiores: aqueles que planean unha invasión inminente, mais unha ocupación a longo termo. Nin que dicir ten que o mellor exemplo é a actual ocupación de Iraq, onde as compañías militares privadas estadounidenses e británicas gozan do mesmo monopolio que a Autoridade ocupante lles outorgou ás multinacionais tradicionais. A máis do xigante Brown, Root& Kellog-Halliburton, as CMP están a adquirir un papel cada vez máis visible na "reconstrucción do Iraq", algo non casual xa que se pretende que a contratación privada axude a internacionaliza-las forzas ocupantes facendo máis atraente o envío de tropas. A gamma de servizos é ampla e esvae totalmente os límites teóricos entre as categorías de CMP Tipo 1,2&3, clasificación que está moi ben para o sector comercial, pero que agocha a esencial identidade dos servizos ofertados.

Global Risk, unha consultora británica que ofrece asesoramento sobre "os riscos do mercado financeiro mundial" proporcionalle protección armada á Autoridade Provisional da Coalición; a tamén británica Erinys garda os campos petroleiros; a estadounidense DynCorp adestra á policía iraquí e os grupos armados da Custer Batlles custodian o aeroporto de Bagdad. Estímase que, se na I Guerra do Golfo, 1 de cada 100 soldados traballaba na rexión para compañías privadas, hoxe a proporción é de 1 entre 10. Non se trata dunha excepción, xa que en Bosnia, segundo varios analistas militares, a ratio mudou do 1/10 dos primeiros momentos ó 1/1 actual.

CMP-Estado, falso debate

A ocupación de Iraq volveu abri-lo debate sobre o uso das CMP como "forzas de pacificación" ou "forzas de mantemento da paz" nun momento no que quedou agochado que, de feito, estas xa existen (dos milleiros de soldados aportados polos EEUU á forza internacional en Liberia, só 200 pertencen ó Exército).

Arestora só dous países, os EEUU e Sudáfrica, regulamentan por lei, minimamente, certos aspectos da relación contractual goberno-CMP. Ó respecto é coñecido o Libro Verde das CMP presentado polo goberno de Tony Blair no Parlamento en 2002, que abría a posibilidade de lexitimar e regulamenta-la súa actividade, contemplando tamén a súa posible aportación ás forzas internacionais da ONU. O Parlamento demandou a creación de lexislación para prohibi-la existencia de compañías de mercenarios e, "se isto non fose posible, a imposición dos máis estrictos límites ás súas competencias e un escrutinio absoluto da súa conducta". Aínda que non se tomou decisión sobre o asunto o último ano ten visto un incremento da corrente migratoria das CMP británicas cara os EEUU, como é o caso da Task International que mudou de Londres a Miami e que, malia non ser unha das grandes, adestra as brutais policías de Xamaica, Nixeria, Malaisia e Emiratos Árabes.

Que a oferta tenda a concentrarse nos EEUU é lóxico, xa que é o único país do mundo onde as CMP controlan o 28% do sistema total do armamento, porcentaxe que inclúe ámbitos tan sensibles como o control dos sistemas informáticos e de comunicación do NORAD en Cheyenne, base onde se coordena a resposta nuclear estadounidense. Como noutras privatizacións, o aforro ten provocado unha alza dos accidentes laborais, e algúns analistas relacionan xa o incremento de accidentes dos avións militares (tipo Yakolev) coas subcontratas de mantemento técnico outorgadas ás CMP. Malia iso, os altos funcionarios do Exército non teñen reparos en confesar que o "exército do futuro" "que no caso dos EEUU quere dicir o presente- non será quen de operar sen un alto soporte técnico e loxístico das CMP. Na Memoria Anual do Estado Militar 2002, o secretario de Defensa Rumsfeld facía fincapé no aforro (até 6 billóns de dólares anuais, dicíase) e pedía disposicións adicionais para subcontratar e privatizar.O maior aforro non é, con todo, orzamentario.

As CMP son contratadas polos gobernos para levárense a cabo operacións que terían desaprobamento legal ou electoral de levarse a cabo ó nivel do Estado. Utilizadas para que un goberno non viole a lei ó asistir militarmente a un terceiro no terreo bélico, acostuma ocultar unha "guerra por delegación". En América Latina, por exemplo, a intervención non aparece enfeitada pola motivación humanitaria senón pola "loita contra o narcotráfico". Mediante o Plan Colombia, os EEUU teñen despregado na rexión un xigantesco equipo de asesores oficiais e privados, axuda militar e tecnolóxica, que posibilita a creación de bases propias que poidan servir ás Forzas Armadas de Honduras, Ecuador, Puerto Rico, as Antillas Holandesas e El Salvador no caso dunha intervención directa. O Congreso estadounidense e a opinión pública limitaron o número de soldados estadounidenses que podían partir cara Colombia e os traballos que podían facer (por exemplo combater ó lado dos paramilitares da extrema-dereita, célebres polas súas torturas e asasinatos políticos). Non hai, nembargantes, restriccións para as CMP: MPRI fornece asesores para o Estado Maior do Exército colombiano, DinCorp está encargada da loita contra-guerrilleira, aspecto que implica o bombardemento de varias vilas, e AirScan é a responsable da coordenación destes bombardeamentos.

Colombia é un exemplo claro, tanto coma os outros. Pola subcontratación do terrorismo de Estado os Executivos gañan autonomía e substraen os poderes dos Parlamentos, facéndose non responsables ante posibles causas penais -nacionais ou internacionais-. Polo tanto, o regulamento das relacións Estado-CMP é un falso debate, pois a súa creación ou desenvolvemento poría en evidencia que non se trata máis ca diso, terrorismo de Estado e a súa extensión por canles pseudo-privadas, o que anularía a principal vantaxe política das CMP. Facer algo no lugar dos estados, pero non no seu nome.