Blair: Embaixadas móbiles, ricina e propaganda

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O Reino Unido está a prepara-la creación de "embaixadas móbiles de reacción rápida" para instalar en países onde non teña presencia diplomática permanente; máis claro, en zonas de guerra. Segundo a prensa británica, a embaixada móbil, prefabricada e precintada en contedores, podería ser desprazada con pouco tempo de aviso, e estaría moi especialmente pensada para instalar en Iraq, unha vez Saddam sexa apartado do poder por efecto da guerra, golpe ou exilio, como apaño para unha presencia duradera.

A Conferencia cos Embaixadores, reunión sen precedentes organizada por Blair a comezos deste xaneiro, tivo como eixo central a busca dunha resposta máis rápida na "era do terrorismo global", o papel dos diplomáticos na "era da comunicación instantánea", e a integración do traballo diplomático cos outros departamentos de Whitehall, sede central do goberno británico. Mal recibida por algúns embaixadores, debía solventa-la incerteza xurdida das contradictorias mesaxes de Blair e algún dos seus ministros, especialmente Jack Straw, secretario de Exteriores, e Clare Short, secretaria de Desenvolvemento Internacional, acerca da guerra contra Iraq. Unha discusión de matices nun discurso de goberno bastante cohesionado que só agora comeza a facer auga gracias á crecente oposición da opinión pública e os movementos cidadáns.

Porque Blair, guerrero impaciente nos últimos meses, ve que a oposición á guerra "e ó papel desenvolvido por Gran Bretaña- medra ó seu redor ó mesmo tempo que mingua a súa popularidade. Dende o seu Gabinete, nas ringleiras laboristas do Parlamento, a oposición, ou os líderes da Igrexa, alzánse voces contra unha política militarista e seguidista, que toman corpo en periódicas manifestacións que reúnen decenas de miles de persoas non só en Londres, senón en media ducia de cidades medias do país.

Tralo discurso do terror do 1º de xaneiro, Blair atópase cunhas sondaxes nas que gran parte da poboación opina que o motivo da guerra contra Iraq é o control do petróleo e non a ameaza armada que Sadam pode supor. Algo xa admitido hai tempo por Robert Cooper, axudante persoal de Blair para as Relacións Exteriores, ao dicir que "as razóns para combater na Guerra do Golfo non foron que Sadam violase as normas de conducta internacional, senón a necesidade de que Occidente mateña un control estreito sobre os vitais subministros de petróleo".

Nun discurso cualificado de siniestro en gran parte dos titulares, Blair declaraba que non lembraba tempos nos que Gran Bretaña se enfrontase ó mesmo tempo a dificultades semellantes e, nalgúns casos, a problemas tan perigosos, nin tempos en que a política doméstica e a internacional estivesen tan estreitamente vencelladas. Vencelladas e misturadas estiveron no seu discurso. Así, a crise da economía mundial, a ameaza á seguridade proveniente de Sadam, o conflicto en Oriente Medio, os grupos terroristas e o tráfico global de substancias químicas ou biolóxicas, o futuro das pensións, a presión dos solicitantes de asilo e o aumento da criminalidade conformaron 2003 como un ano cheo de riscos e inseguro.

O discurso, que certifica en primeiro lugar a fin dos anos de crecemento rápido da Nova Economía, foi analizado polo miúdo polos medios, que destacaron a sinceridade emanada da linguaxe corporal de Blair ó mesmo tempo que o galimatías do seu discurso en prol da guerra. Para moitos, resulta inaceptable que tras 11 anos de bombardeamentos sobre Iraq, Blair diga agora que os misís de Sadam apuntan ó país e que cómpre pararlle os pés. Lendo os informes que o Foreign Office presenta ó mundo cando a Estados Unidos non lle presta facer uso do seu nome (Iraq: Armas de Destrucción Masiva, 24 de setembro de 2002), os "case seguro", "semella", "probablemente", son un insulto fronte á realidade dos milleiros de mortos provocados polos ataques da alianza angloamericana. En contraprestación, a CIA aseguraba estes días que os detidos na operación relacionada co achado de ricina -un potente veneno letal- en Londres están vencellados con Al-Qaeda. A guerra do terror e da histeria está ben servida polos medios escritos e a televisión que emiten interminables documentais de prospección sobre posibles ataques terroristas na Gran Bretaña, e longuísimas series sobre a heroicidade dos británicos nas guerras (non saen as embaixadas móbiles), como a presentada por Niall Ferguson, benquerido historiador do tatcherismo. Imaxes de futuro, de pasado, e de presente, como a da despedida-celebración que acompañou a saída do maior continxente de reservistas desplegado polo país trala guerra das Malvinas.

Non houbo actos públicos de celebración de Fin de Ano en Londres, que mirou cobizosa as festas de Las Vegas ou Sidney. Pechada Trafalgar Square ós trauseúntes por mor das obras de peonalización (para facer festas máis estupendas outro ano), varias decenas de axentes de seguridade cacheaban ós poucos que camiñaban pola zona. A non-festa e o discurso de Blair foron o tema de conversación dos seguintes días.