Lula Presidente: brillante comezo

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

A agardada investidura de Lula, presidente do Brasil, e as inmediatas primeiras medidas corresponden a un momento brillante, política e estratexicamente, do novo goberno, tendo en conta ademais, que seguiron fielmente os compromisos petistas de sempre: a mellora dos estándares de vida dos brasileiros. Moi principalmente, da "famélica lexión" dos máis desfavorecidos: 54 millóns de persoas que viven baixo a liña da pobreza.

As primeiras medidas, -posta en marcha do plan "Fame Cero", co aprazamento da milllonaria merca de cazabombardeiros para destina-lo custo a esta prioridade; participación das Forzas Armadas nas novas accións sociais; o plan de outorgamento de títulos de propiedade ós habitantes das favelas, ou o plan-rescate para mozos marxinalizados no narcotráfico-, son brillantes en canto INAPELABLES. O mesmo mercado financeiro que vetara a Lula durante a campaña coa perda dun 40% do real respecto ó dólar, premiao agora coa súa revalorización. A loita contra a fame é asumida polos organismos internacionais, como o Banco Mundial ou a FAO, que aportarán 5 billóns de dólares nos vindeiros catro anos, ou o Banco Interamericano de Desarrollo (6.000 millóns no mesmo período).

Insístese moito no feito de que o goberno Lula contará para levar adiante os seus ambiciosos proxectos co orzamento máis restrinxido da historia do Brasil, cargado coa débeda pública acumulada por Cardoso, que abrangue preto do 60% do PIB -máis intereses-. Pero non será a "Fame Cero" o que endebede o Estado. Segundo Luíz Fernando Furlán, novo ministro de Desenvolvemento, Industria e Comercio, e ex vicepresidente da patronal de Sâo Paulo e do xigante alimentario Sadia, o plan pode custar un 1% do PIB. Dado que o goberno recada o 34% del, a promesa equivale ó 3% do orzamento; "o que non é moito", declara dende a fracción técnica do equipo de goberno.

No equilibrio e "seriedade" da elección deste equipo de goberno – a razón na fronte económica, o corazón no social- ten atopado Lula a tranquilidade do empresariado local, dos mercados e dos organismos financeiros internacionais, xa que logo, Washington.

Ademais do industrial Alencar na vicepresidencia e o propio Furlán, o área técnico-liberal, a económica, conta cun home forte en José Palocci, en Facenda, e Enrique Meirelles, ex presidente da BankBoston, á fronte do Banco Central. Como se agardaba, Lula reservoulles a área social ós compañeiros do PT (Cristobam Buarque, Educación; José Graciano, "Fame Cero", ou Humberto Costa, Saúde), coidándose de gardar carteiras para os grupos que lle botaran unha man no Congreso (o Partido Democrático dos Traballadores, o Partido Socialista Brasileiro, ou o Partido Popular Brasileiro). Pola súa banda, tres ministerios moi visibles, Exteriores, Xustiza, e Defensa, sonlles encargados a profesionais de recoñecido creto no nivel internacional; Celso Amorín, Marcio Thomaz Bastos, e José Viegas, respectivamente. Ministerios redimensionados serán o da Presidencia, a cargo de José Dirceu, presidente do PT, e o de Agricultura, co técnico Roberto Rodrigues, para cando Lula principie a máis importante e complicada das reformas prometidas: a agraria.

A esperanza no cambio espertada polo lulismo terá a súa proba de lume no problema da distribución da terra. Polo momento, a gran forza non ministerial dos Sem Terra -MST- amósase disposta a concederlle unha tregua ó novo goberno e mantén en suspenso as ocupacións. Lula deberá contar co seu consenso e experiencia, e coa forza popular dos millóns de desposuídos unha vez chegue o cambio ó campo.

A esperanza xa tomou corpo nunha festa popular sen precedentes na investidura presidencial, apoiada pola expectación positiva do 76% da poboación no tocante ó desempeño do novo goberno. O cambio, entendido como misión refundacional fronte ás continuidades históricas polo mesmo PT, non é senón a propia socialdemocracia, tralos anos de evolución no seo do Partido dos Traballadores, que viría rachar coa continuidade do clientelismo oligárquico desenvolvido nos 90 cunha serie de reformas orientadas ó mercado financeiro a través dun Estado mínimo. Fronte a esa socialdemocracia neoliberal dos oito anos Cardoso, o PT chega ó poder cun programa socialdemócrata, no vello senso moderno da palabra. Cun new deal: política social de carácter redistributivo da renda alicerceada sobre políticas compensatorias; acción de planeamento estratéxico que privilexia o capital productivo en troques do financeiro; procedementos decisorios baseados en arranxos concertacionais semi-públicos que enlazan capital productivo, traballo e Estado, é dicir, intermediación de intereses neocorporativista.

A evolución cara á socialdemocracia do PT segue liñas trazadas xa hai moito tempo en Europa, pero inexploradas no Brasil. Partido nacido a partir do 9º Congreso dos Traballadores Metalúrxicos, Mecánicos e do Material Eléctrico do Estado de Sâo Paulo, en 1979 propuganaba a tese inicial da construcción do "seu partido, o Partido dos Traballadores", que debería "excluí-la colaboración coa burguesía", debería ser "de tódolos traballadores da cidade e do campo, sen máis patróns".

Tralo rexime dos militares, coa súa legalización e participación en procesos electorais, o PT abandonou a tradición guerrilleira ó tempo que estreitaba vencellos cos movementos de masas e o "novo sindicalismo". Nos seus primeiros anos as imprecisións programáticas do PT serviron para unir forzas políticas e sociais ata entón dispersas, mais co crecemento electoral da esquerda a partir de 1985, o PT tornou imperativa unha formulación estratéxica, pragmática e, polo tanto, aliancista. "Unha plataforma de goberno seria", propugnaba a finais dos 80.

Agora, en 2003, tras catro tentativas, o PT comeza a andaina gobernativa con esa plataforma seria e aliancista. Un equipo que rebenta coa imaxe de revolucionario sen zapatos de Lula, na que tanto se ten teimado, como mérito ou demérito único, nos últimos meses. Unha insistencia por parte dun mercado que mantén ó Brasil, e a todo o subcontinente, na condición de semiperiferia subdesenvolvida e dependente, e quizais pretendan que sigan así as cousas.