Pahlevi e outros personaxes de Hola!

A virtude dos personaxes da revista Hola! é que se lles supoñen características inocuas. Son importantes sen importancia.

Simeón e familia, acollidos en España polo vello réxime, son noticia nas praias de Baleares. Non o son as conversas do primeiro ministro de Bulgaria coa Halliburton de Dick Cheney e o Pentágono para converte-lo seu país no centro neurálxico das operacións menos limpas dos EEUU en chan balcánico.

A visita da repeiteada raíña Noor a un centro de refuxiados palestinos é noticia. É nembargantes cando máis interesante é a Noor, norteamericana de nacemento, que presiona a substitución do príncipe herdeiro Hassan en prol de Abdullah, fillo da esposa británica do rei Hussein, xefe das Forzas Especiais, e moito máis receptivo ás inquedanzas israelitas e estadounidenses. Dos contactos CIA-Noor-Palacio falaba o The Guardian (02/17/1999); non son cousas de papel couché.

O mozo Pahlevi, a súa fermosa prole, a bela Farah Divah e mesmo a finada Soraya, marbellí princesa dos ollos tristes, son personaxes de Hola! dende ille tempore. Reza Pahlevi, carne das carnes do Rei de Reis, o Sha de Persia, licenciado en Columbia e piloto de guerra dos cursiños da U.S Air Force, desenvolve unha froitífera carreira como pronunciador de discursos en universidades, compañías petrolíferas e Congreso. Pahlevi, presentado como "a Súa Maxestade Imperial", pide ó Congreso, como os neoconservadores, un boicot político e económico ó réxime iraní, usando o modelo das sancións a Iraq, e chama á Unión Europea a non "botar un cabo a un barco que se afunde", querendo ignorar quizais que dende a elección como presidente de Jatamí no 97, as relacións entre a República Islámica e os países do Golfo teñen experimentado unha notable melloría.

País que nos últimos 200 anos non participou en ningunha agresión exterior pero que ten sido invadido varias veces, a "madre patria" é, para Pahlevi, unha grave ameaza para a Paz mundial, e concorda con Bush na súa inclusión no Eixo do Mal xa que xa que "da soporte a Al-Qaeda". Pese a estar, segundo di, en permanente contacto con estudiantes, militares e clero iaranís, Pahlevi semella ignorar que Irán posicionouse contra o réxime talibán moito antes que Estados Unidos, que so se volveu na súa contra en tempos moi recentes.

Pahlevi dilles tamén ós congresistas que Irán non necesita enerxía nuclear, e que o seu desenvolvemento só poderá ser detido cando "se democratice". ¿É posible que ignore tamén que foi o seu pai quen, en 1967, instalou o primeiro reactor, norteamericano, en chan iraní e quen desenvolveu a tecnoloxía nuclear que o levou a crear, 7 anos máis tarde, a Organización da Enerxía Atómica Iraní? Quizais o que se nos escapa é que o mozo Pahlevi está, no fondo, criticando a política armamentista do Sha, que colocou Irán, en so dous anos, entre os dez maiores arsenais militares do mundo co propósito de estender ó Índico a súa "periferia de defensa". Só ós EEUU mercou neses anos armas por valor de dez millóns de dólares. Pero non, non debe ser iso o que quere dicir Pahlevi, que disfruta de excelentes relacións co vicepresidente Cheney e a industria pesada norteamericana.

O cidadán Palhevi, que se autopostula na súa web (www.rezapahalavi.org) como próximo rei de Irán, conseguiu xa fondos e apoio político para compañías irano-estadounidenses con sede nos EEUU, e tamén a creación da Fundación para Democracia en Irán (abril de 2003) a través dos 50 millóns de dólares aportados polo senador republicano Brownback.

Coa súa Iraq Liberation Act baixo o brazo, Pahlevi acada a paz espiritual no seu exilio namentres chama a unha rebelión civil contra Jatamí. Por suposto, promete, cadaquen "os iranís- é "libre de aceptalo, e se alguén me rexeita, nunca resolverei o meu reinado nunha guerra". Claro que non, a guerra dos seus esponsors resolverá o seu reinado.

"Eu nunca tomarei posesión ou removerei as propiedades da terra e outras pola forza ou sen compensación"; que cousas…

Unha longa listaxe de postulantes, reis de Grecia, Italia, Serbia… agardan a súa oportunidade nas páxinas do Hola!