Servizo de limpeza privatizado (Mercenarios)

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

A fuxida da ONU de Iraq vén confirmar en certo modo a tese estadounidense "cando o xogo se fai duro, os duros comezan a xogar" sen, por outra banda, ser precedente de nada (retirada do persoal da ONU de Timor Leste en 1999). A febleza da ONU, mesmo coma ONG humanitaria, e o feito de que as forzas ocupantes permanezan en Iraq á marxe da legalidade, afortalaría a posición dos que defenden a superioridade práctica das compañías privadas como alternativa ás forzas de "pacificación" tradicionais. Na privatización da violencia estatal, as forzas asalariadas non gobernamentais presentan certas vantaxes sobre os exércitos regulares; a máis importante é recoñecida sen pudor: non están vencelladas aos estrictos códigos de conducta militar no que atinxe aos Dereitos Humanos e actúan con impunidade total no estranxeiro, libres dos controis parlamentarios dos países contratantes. Unha convención internacional de 1989 prohibe o recrutamento, uso, adestramento e financiamento de mercenarios, pero estes, din, non o son, son PMC’s (compañías militares privadas).

As firmas de asesoramento militar "mercenarios corporativos" son presentadas polos seus defensores, nomeadamente neoconservadores estadounidenses, como a solución para intervir en países onde os estados do Consello de Seguridade non queren implicarse de xeito público e onde a situación humanitaria é definida coma "fráxil": África, Asia, Balcáns e América Latina nos que, de feito, actúan dende hai máis dunha década sen maior noticia entre a opinión pública. Entre bastidores, as novas multinacionais pseudo-militares axudaron a envorcar rebelións en África e a permitir que gobernos como os de Arabia Saudita, Sudán ou Etiopía retivesen o poder, pero tamén, como é o caso da UCK en Cosova, a mudar a situación.

Máis alá da función tradicional como pistolas de alugueiro, pódende contabilizar un cento de consultoras militares na elite dos 100 billóns de dólares ao ano. Delas, 30 traballan actualmente para o Pentágono e, delas, as máis selectas proporcionaron os plans de apoio á invasión de Iraq baixo contrato co Departamento de Estado dos EEUU, anticipando a sinatura dos contratos de reconstrucción (os exemplos máis coñecidos a Kellog, Brown&Root e a DynCorps). Se durante a Guerra do Golfo, 1 de cada 100 soldados traballaba na rexión para as milicias privadas, en 2003, no Iraq, 1 de cada 10 pertence ao sector. A ninguén escapa que estas compañías actúan tamén como gardiás de seguridade do persoal da ONU.

A semellanza das súas matrices históricas -as empresas transnacionais-, as compañías militares privadas perpetúan a violación dos Dereitos Humanos: na India, as empresas da seda mercan familias e utilizan centos de milleiros de menores en condicións de semi-escravitude; en Indonesia, as papeleiras confiscan as terras dos indíxenas coa axuda das Forzas Armadas locais; Sandline International vendeu armas en Sierra Leona violando o embargamento da ONU co pleno coñecemento do Ministerio de Exteriores británico; nos Balcáns, a consultora DynCorps tivo como segunda liña de negocio a prostitución infantil. Tamén, durante a guerra de Cosova, sóubose que soldados de varios países pertencentes ás forzas da ONU e persoal de ONGs, enleáronse no comercio "sexo por alimentos" abusando da súa posición como protectores dos refuxiados dos campamentos da ONU. Para iso, e mais coa protección dos acordos bilaterais de inmunidade estadounidenses, non fan falla os mercenarios.

Os novos mercenarios non fan nada que antes non teñan feito os exércitos regulares; ambos actúan baixo os mesmos mandos. Aínda máis, respecto á función lexitimizante da violencia son moito máis eficaces os exércitos tradicionais. Atópanse ben nos mostradores dos quioscos, ben nas campañas publicitarias do Ministerio de Defensa para calquera consumidor, mozo xeralmente, que queira fantasear sen riscos (no primeiro caso).