Podemos quedar ás escuras

Estase repetindo mais cada vez ese fenómeno, que parece de atraso, dos tempos da guerra ou da fame, que é o de quedar ás escuras, pero agora o fenómeno está xa globalizado e en vez de afectar a un lugar mais ou menos pequeno, pode afectar a varios países, como sucedeu cando quedaron ás escuras boa parte dos Estados Unidos e do Canadá. Logo vimos como quedaban ás escuras en Italia e en Londres tamén. E compre esperar que iso siga sucedendo e vire cousa normal coa que vai haber que contar, pois é o resultado dunha maneira de pensar que levou a entregar os bens públicos, é dicer, o que afecta a todos, aos que xogan có diñeiro dos demais para encher o peto propio.

Estamos empezando a ver con claridade os resultados dunha ideoloxía que levou a impor privatizacións disparatadas en nome da liberdade, da productividade e da criación de riqueza, e que chamou globalización a unha liberalidade forzada e enganosa que protexe aos ricos e desprotexe aos demais.

A privatización e globalización do abastecemento de enerxía eléctrica quixo dicer, na práctica, que se repartiron o negocio algunhas empresas despersonalizadas que tiñan como único obxetivo facer cartos, os máis posíbeis e o máis rápido posíbel para os directores e principais accionistas. Se o abastecemento de electricidade se considerase un ben e un deber público, o obxetivo da operación tería que ser abastecer de electricidade o mellor posíbel, tendo en conta a inversión de fondos, esforzo e traballo que ese abastecemento supón. Mas cando se "liberalizan" os bens públicos ten que chegar un momento, e chega moi axiña, en que o público deixa de receber o que se espera que reciba, porque o diñeiro que se fai non se invirte en manter e mellorar o sistema, e éste termina por non funcionar. As cidades e os países quedaron ás escuras porque se foi deixando cada vez menos marxen e menos reserva de electricidade. As marxes folgadas, que son as que permiten que os sistemas continúen funcionando cando hai algún fallo nalgures, desaparecen nese tipo de actuación, que aforra sempre no esencial e gasta nas apariencias.

Manter marxes folgadas e xenerosas é necesario para que as cousas funcionen a longo prazo e haxa continuidade. Mas coa ideoloxía destes derradeiros anos quedou todo precario e minguado, pendurado dun fío que xa cuase non resiste. Esa ideoloxía fomentou a irresponsabilidade, e por iso, de moitas maneiras, vainos deixar ás escuras.