Non repetir a dolorosa experiencia de Niza

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Durante a pasada semana o presidente da "Convención do porvir de Europa", Giscard D’Estaing , tivo máis que comprida batalla cos representantes dos Gobernos reticentes a perder os beneficios adquiridos na Conferencia Intergobernamental de Niza en decembro do 2000, entre dos que destaca o caso español, o máis reticente respecto dos desexos de Giscard D’Estaing.
O venres debíase apurar un compromiso para a reforma das institucións, é dicir a Comisión, o Consello de Ministros e o Parlamento Europeo, que coa ampliación a vintecinco riscan de ineficiencia no cumprimento das funcións encomendadas.

Xa en 1993 no Consello de Copenhague, que fixara a data para a ampliación ós países da AELE (os FANS: Finlandia, Suecia, Noruega e Austria, todos contribuíntes netos) no primeiro de xaneiro de 1995, se propuxera unha modificación aritmética das institucións, pospoñéndoa ata a próxima Conferencia Intergobernamental de 1996, que levaría o axuste institucional definitivo á reforma do Tratado en Amsterdam.

Sen embargo, os medos dos Estados a perder os seus comisarios, comprendidos como unha sorte de representación que non é tal, e máis a demanda de reponderación de votos no Consello de Ministros fixeron que a prevista reforma non fose acadada, co conseguinte novo emprazamento á vindeira Conferencia Intergobernamental, que debería reformar o Tratado de Amsterdam no novo Tratado de Niza.

O Tratado de Niza retomaría as negociacións institucionais, os denominados "left-overs" de Amsterdam -talla da Comisión, ponderación de votos no Consello e extensión da maioría cualificada, ademais das demandas belgas de simplificación do procedemento da cooperación reforzada- tras ser negociado nunhas particulares condicións. Protestas na rúa dos movementos anti-mundialización e forte oposición dos intereses das distintas capitais, que por rivalidades comparativas fixeron que as negociacións -que por ironías do destino comezaron o día dos namorados- rematasen ás catro da maña do dez de decembro 2000. Francia quería a mesma paridade de votos no Consello de Ministros que Alemaña, e Bélxica que Holanda; a delegación española desexaba manter o seu status de "Grande" respecto de Gran Bretaña, Francia, Italia e Alemaña. Os que se sentían pequenos desexaban non ser esquencidos na voráxine de loita polo poder e liderado dos grandes e, polo tanto, non perder o "seu" comisario símbolo "subliminar" da súa soberanía nacional -aínda que no papel non conte como tal- durante as conversas de reforma da Comisión, que se antolla máis reducida.

O caso foi que á saída, na conferencia de prensa dos distintos xefes de Estado, todos se amosaban contentos dos avances, pero no claramente insatisfeitos cos resultados. Por suposto, esas modificacións foron inscritas no "Protocolo sobre a ampliación" do Tratado de Niza. Os novos membros terían un número de votos no Consello e de prazas no Parlamento semellante ós países, xa membros, de tamaño e poboación equivalente. Neste senso Polonia pasa a pesar o mesmo que o Estado español, 27 votos no Consello e 50 eurodeputados, e así sucesivamente.

A extensión da maioría cualificada gañaría 29 das 60 disposicións que requiren a unanimidade, extensión que tocaría materias importantes como a elección dos membros da Comisión. A talla da Comisión quedaría reducida a 15 membros en 2005, perdendo os grandes o seu segundo comisario coa condición de que a composición da Comisión sexa inferior ó número de Estados membros cando estes cheguen a ser 27 (de 1 a 26 !!), para o que se utilizará un sistema de rotación igualitaria.

E así ate hoxe en día, que o "Praesidium" tenta renegociar os equilibrios de poder alcanzados en Niza. Giscard estima indispensable esta reforma para facer avanzar o proxecto de futura Constitución, e as derradeiras xornadas foron un vai e ven de alianzas. O novo texto prevé un cambio das regras para o voto a maioría cualificada logo de 2009, un sistema de dobre maioría (que faría perder a vantaxe española sobre-representada respecto ó seu peso demográfico) de, cando menos, a metade de Estados máis os tres quintos da poboación. O novo texto suxire tamén unha Comisión, que seguiría a ter o poder de iniciativa, de 15 membros titulares a partir de 2009 sobre a base dunha rotación igualitaria entre Estados membros, cun Parlamento Europeo que quedaría nos mesmos deputados previstos en Niza ate que se pase de 27 membros. Todo iso baixo as directrices dun Presidente de Unión Europea, con dedicación plena, que presidiría o Consello de Ministros.

O presidente da Convención viña enfrontándose abertamente ós proxectos da Comisión, en concreto, á proposición presentada polo presidente da Comisión Romano Prodi, bautizada "Penélope". Apoiado orixinalmente polos representantes dos Gobernos, achegouse ós parlamentarios e á Comisión, que lle censuraban as inclinacións estatalistas dende hai tempo. O presidente da Convención necesitaba dalgún apoio logo da negativa dalgunhas capitais a ir máis aló do alcanzado en Niza, e os parlamentarios prepararon unha serie de puntos a abordar co Presidente, nunha especie de reconciliación de fillo pródigo de volta á casa.

Máis tarde, o presidente tiña programada outra reunión cos representantes dos gobernos que non foi -en contraste coa reunión precedente- máis ca un diálogo de xordos. Cada quen limitouse a expoñer os seus intereses, sen máis. Estaba claro que non había nin diálogo nin acordo. O representante belga, tratando de saír do impase, declarou que non había unha maioría contra a reforma do reparto de poder fixado en Niza, o que tivo a súa resposta na demanda do enviado de Irlanda en prol dunha votación respecto do tema.

O resultado foi un mal presaxio para o futuro da Unión. Só os seis Estados fundadores apoiaban unha reforma. O antigo primeiro ministro irlandés John Burton cualificaba o asunto como "o problema dos españois", que querían conservar un número relativamente alto de votos no Consello de Ministros. Qué pasa cos outros? Tal vez é o receo da perda de liberdade recentemente adquirida polos pequenos Estados do Leste logo da caída do imperio soviético. Ou o rexurdir dos vellos nacionalismos Estatais Europeos (sobre todo Español- Italiano), que impide un avance transgobernamental. Ou seica, un oportunismo máis que interesado nos mercados, representado polo bando das illas. Quen sabe?!

Giscard facía as súas apostas. O español Alfonso Dastis, leva todo o protagonismo das súas quinielas ó acusalo de sela orixe das intrigas e coalicións pro "status quo" que se forxaron antes das votacións. Dastis non entra ó trapo, simplemente constata realidades: "a maioría non quere cambio". O eurodeputado Alain Lamassoure non se limita a facer cortesías ós conservadores: "os malfeitores reuníronse para defender o seu crime!" afirma con vehemencia, aseverando un complot para facer caer o resultado dun ano de negociacións na Convención; continúa, "hai unha nova situación e Giscard é un aliado".

Por último, Prodi invita a non repetir "a dolorosa experiencia de Niza", que sería unha triste ironía da historia, para un proxecto que se pretende de futuro…