O gran Daddy

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Nestes días asistimos, no seo da Alianza Atlántica, a repetición da historia de David contra Goliat, cun final menos célebre. Despois das fortes presións da semana pasada dun "fiel servidor", o señor George Robertson, Secretario Xeral da Alianza Atlántica, dirixidas nunha carta que se sae dos límites da diplomacia, a Francia, Bélxica e Alemaña, co fin de obter o seu visto e prace para un despregue de forzas da OTAN en Turquía para "protexela" dun eventual ataque iraquí, un pequeno Estado europeo se resistiu a aceptar o uniformismo da administración americana ate que ó fin se chegou a un acordo que poida que salve minimamente a imaxe de cadaquen. Alemaña deu signos de febleza na tarde-noite do domingo 16 de febreiro, Francia non forma parte da organización da OTAN dende os sesenta, aínda que si da Alianza. Finalmente Bélxica, a pobre Bélxica restou soa nas últimas horas na defensa de que a OTAN non pode terxiversar a defensa de Turquía para atacar Iraq invertendo a óptica defensiva do pacto da Alianza. Imaxínense. Un pequeno pais! Do tamaño de Galicia intercambiando as súas diferencias con EEUU, Gran Bretaña, o Canadá…Digno de loubanza!

Por se fose pouco, chove sobre mollado. As relacións belgo-israelitas non pasan polo mellor momento despois de que Israel retirase o seu embaixador de Bruxelas a semana pasada, a causa da persecución de Ariel Sharon por crimes contra humanidade e xenocidio nas masacres dos campos de Sabra e Chatila no Líbano en 1982. Pola contra o presidente Guy Verhofstadt fixo unha visita ós EEUU nun intento de calmar os ánimos e "atraer os inversionistas" americanos coa esperanza de relanzar unha economía con claros síntomas de recesión. Non é sinxelo ter a cabeza fría nun momento así difícil. Acaso podemos falar dun país independente?

Eu diría que si. Pero nun contexto de eleccións, cun goberno con gañas de agradar á súa opinión pública. Nos posicionamos na antítese do que ocorre en España, Gran Bretaña, Italia, Australia…Que tres millóns de persoas se manifestan en Madrid?! Ou en Roma!, ou Londres…! Se Rousseau se levantase da súa tumba non daría creto ó que acontece.

Probablemente Bélxica non ten un punto de vista tan independente como supoñemos (todos teñen os seus segrediños de estado), mais eu creo que cando menos, a súa postura ven en menor medida motivada por un mal reparto do pastel en que se converte Iraq, a diferencia de Francia ou Alemaña.

O tratado da OTAN foi creado para defender os países occidentais en caso de guerra contra a ameaza soviética. Turquía, ata o momento, non é agredida por ninguén, sen embargo presta o seu territorio para un eventual acto de agresión.Unha certa incongruencia chama a atención na postura turca. Antes da chegada das tropas ó seu territorio fai falla unha segunda resolución. Penso, que se de verdade existise unha ameaza non ían demandar unha segunda resolución. Sairían correndo en busca do "gran Daddy americano".

Non hai ningunha razón que xustifique unha guerra coma esta, e é a función dos gobernos explicárllelo ó pobo, sabiamente. En certos casos, como é o noso, parece que é ó revés.Triste, porque se suma a unha cadea de erros de xestión que nunca son totalmente esquecidos polo electorado. Nin sequera con campañas de magnomárketing gobernamental.

En definitiva, Iraq está a cooperar máis do que EEUU ou Gran Bretaña no ámbito das Nacións Unidas. Estes dous países dinamitan toda solución pacífica e non só iso, chantaxean. Pois senón que expliquen o cambio de actitude do goberno de Ankara.

Blair e Aznar van contra a opinión dos seus pobos, e Berlusconi prohibe a cobertura por parte da RAI da manifestación en Roma. Estes son os mesmos que queren crear unha Europa democrática, espacio de liberdade, seguridade e xustiza? Imos por mal camiño.

Seguir a Administración Bush é seguir o seu discurso mesiánico que deixou ben claro hai uns meses en West Point. Este home, conservador, relixioso, e con título de petroleiro fracasado, entende o mundo en branco e negro, e apoiase nesa estratexia para aglutinar a súa opinión pública. A resolución 1441 non di nada dunha intervención unilateral, só advirte a Iraq que se debe desarmar. É curioso que se demande unha segunda resolución, á que Francia xa declarou que se oporá.

A Alianza ten necesidade deste debate. O mundo cambiou moito dende a década pasada, e a OTAN debe discutir sobre o qué quere, e porqué. Non fai falla facer antiamericanismo, pero si criticar as dúas varas de medir da administración Bush (non se estrañen se a partir de agora Europa se ten que defender soa a próxima vez que se dea unha situación como a dos Balcáns). Non se pode dicir que atacar Iraq forma parte da guerra contra o terrorismo, é inaceptable. Ademais son esperpénticas as postas en escena con afán inculpatorio na ONU. E triste a afirmación de Solana, de quen ninguén parece acordarse, de que as probas son contundentes, dando un balón de osixeno ós firmantes do panfleto anticomunitario que divide Europa no día de hoxe.

E tanto que divide, que a presidencia grega da Unión, moi acertadamente na miña opinión, decidiu convocar unha reunión extraordinaria dos membros para decidir os puntos comúns que aínda poidan ligar unha tímida posición común europea.E todo un día despois do difícil debate, un domingo, na organización da Alianza Atlántica.

Alguén dá máis?