Pragmatismo americano e moralismo europeo

Os americanos son de Marte e os europeos de Venus.Con esta frase, Robert Kagan, compara os dous paradigmas político-económicos máis influintes do contexto mundial; os Estados Unidos, como un adolescente orgulloso do seu poderío é propenso ás demostracións de forza diante da comunidade mundial, e a "Vella Europa" de D. Rumsfeld (que sabe pouco da Europa da post-Guerra Fría), que perde gas e por tanto é favorable ó diálogo e á cooperación internacional.

Nos seus escritos (Power and Weakness) R. Kagan non deixa indiferente a ninguén. As súas ideas claras e ben expostas, suxiren un mundo dual de americanos coercitivos, impacientes, e tendentes ó unilateralismo; e europeos diplomáticos sutís, e indirectos na busca dunha resposta multilateral -a través das normas de dereito internacional, convencións e opinión publica- ós conflictos internacionais.

Certo que non todos cumpren a regla. Os británicos, claro quede, son unha boa excepción que a confirma; mais tamén do outro lado do Atlántico, as elites intelectuais son propensas á crítica do seu goberno.

Se revisamos os anos 80 e 90, podemos verificar unha constante invariable nos gobernos de Washington. Sen entrar en profundidade nas presidencias conservadoras de Reagan e Bush (o pai), todo presidente norteamericano ten unha boa media de bombardeos e conflictos armados nos que están directamente implicados. Clinton ordenou o bombardeo de Iraq, Afganistán, Sudán, Haití, Bosnia e Cosova. Sen embargo, dende as filas republicanas o descualificaron por facer unha "guerra light" con mísiles de cruceiro… Bush, o fillo, ten aínda máis razóns para as continuas campañas guerreiras, se ven é difícil facerlle oposición sen ser cualificado de "pouco patriota " logo do 11 de setembro. Nembargantes, as diferencias da opinión publica nos dous bandos, non se deben tanto a diferencias de cultura política, como de perspectiva no contexto internacional de cada país e ó poderío militar de cada bando.

Cando Europa era forte, e tiña maior confianza nos seus exércitos, mostrábase tan arrogante coma o que hoxe comprobamos nas filas americanas. Pero a Segunda Guerra Mundial, tal e como Kagan sostén, puxo as cousas no seu sitio, ó deixar en evidencia as carencias de proxección da forza no exterior e provocar un repregue masivo dos territorios ocupados durante o colonialismo en África Asia, e Oriente Medio.

Nos anos 90, chegaron novos ventos de esperanza de restauración da multipolaridade, coa caída do muro de Berlín e do "Imperio Soviético" no 91. Da man do proxecto de integración europeo, logo da firma do ambicioso tratado de Maastricht, Europa pretendíase como a alternativa. Pero a crise dos Balcáns, veu a confirmar os límites dun proxecto de superpotencia, aínda hoxe eterna promesa.

Os europeos poden poñer en marcha unha forza de paz pero non son capaces dunha unidade sólida de intervención en conflicto armado. A creación dunhas forzas europeas credibles e eficaces para realizar as "tarefas de Petersberg" definidas no tratado de Amsterdam, parecen quedarse embrionarias, pola falla de compromiso dos gobernos. O seu proxecto de intervención rápida se move á velocidade de tartaruga. De aquí, a famosa frase de Kagan " Os americanos fan a cea e os europeos fregan a louza".

Ademais a falla de verdadeiros adversarios con potencial militar comparable fai dos US unha potencia tendente ó uso da forza. Foi tamén neses anos que se acuñaron os termos de Hiperpotencia (Vedrine) e Nación indispensable (M. Albright). En resume, a debilidade europea creou a aversión polo uso da forza, e por iso o máximo obxectivo dos europeos foi multilateralizar a política americana. Os americanos non cren na razón de Estado para xustificar as súas accións, porque eles nunca aceptaron os principios da vella orde europea. Eles son liberais, e debe existir algún medio de avanzar os principios da civilización liberal e da nova orde liberal. Se Europa se opón a este unilateralismo é porque non ten os medios para facer o mesmo.

Os europeos nos lamentamos de que os americanos se queixan demasiado da súa "perfecta" seguridade. Se cadra, pola nosa historia, nós somos máis tolerantes coa ameaza. A ameaza de Sadam é para nós máis tolerable que depoñelo. Pola contra a función europea é máis "civilizatoria"e exemplar. Os europeos cremos ter descuberto unha nova forma de convivencia en paz e prosperidade, un "Postmodernismo", que debemos exportar en contraposición ó uso da forza á que os US son máis favorables, se fai falla unilateralmente. Sen embargo, ese mundo europeo, só é real baixo a protección americana. Por tanto, é neste punto no que as dúas visións do atlántico se enfrontan. Pragmatismo ou ética. É aquí onde está a cuestión. Veremos en qué queda o tema despois da axitación dos nosos días…