Un novo terremoto sacude Europa

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Un novo terremoto sacude Europa no 29 de abril do 2003. Logo da axitación provocada pola crise iraquí, a reflexión sobre a "defensa europea" semella levantar unha gran poeira. España e Italia, porque non foron invitadas, afirman que a defensa europea non se fai só a catro, e a Gran Bretaña non lle parece de recibo destruír os vínculos coa OTAN.

De facto, a reflexión non é nova. Como afirma o Primeiro Ministro belga, Guy Verhofstadt, o 18 de Xullo 2002, unha carta lles foi dirixida ós seus homólogos europeos. Aqueles que responderon positivamente como Chirac, Juncker ou Schroeder, pasaron a selección, e apuntáronse a escribir outra páxina na historia europea. Certo que a crise de Iraq serviu de catalizador, e que tal vez contribuía a quentar os ánimos e crear desconfianzas logo da resposta negativa á intervención americana. Pero máis aló de desconfianzas, tampouco son novas as propostas. A maioría das proposicións foron retomadas das ideas da "Convención para o futuro de Europa" de Giscard D’Estaing.

A qué se debe logo esta nova "arroutada", segundo uns, "impulsión", segundo outros? Se miramos a historia europea, sempre que as relacións atlánticas se refriaron, Francia e Alemaña se aproximaron. E froito diso foi o primeiro Pacto do Eliseo. Daquela se acusou a Adenauer de un pouco "afrancesado" por "deixarse manipular" por de Gaulle.

Hoxe a situación é ben distinta. No senso de que Europa non é a mesma, pero os EEUU tampouco. Os dirixentes europeos son conscientes da súa falla de potencial bélico, en ningún caso comparable ós EEUU. Unha das causas é que, realmente, nós os europeos, non sufrimos a guerra fría. Non tivemos que gastar en investigación militar porque o paraugas americano nos protexía dende a Segunda guerra mundial, algo ó que aínda algúns parecen seguir querer abonados.

Logo, se estes catro dirixentes son conscientes das diferencias, porqué este acto de "provocación"? Chirac, Verhofstadt , Juncker ou Schroeder queren facer un punto de inflexión na historia post-comunista. E de paso inscribir os seus nomes. O proxecto político europeo, non se pode realizar sen capacidade de defensa ou de intervención exterior en caso de ameaza dos intereses da Unión. Xa foi así no caso estadounidense cando as trece colonias se asociaron para defenderse da Coroa británica, e terase que repetir en Europa se de verdade se quere algo máis que un proxecto de tipo mercantilista.

En particular, se deixamos de lado os patriotismos solapados e interesados que poidan aparecer nos titulares das prensas estatais, España e Italia ven con malos ollos esta reunión porque lles resta o protagonismo dos seus dirixentes, en concreto a Aznar e Berlusconi. O primeiro, non vai saír na foto desta volta, e o segundo debería contentarse con que se chegue a un acordo para que a Convención non sufra retardos e poida desembocar no futuro Tratado de Roma II, que el ten tanta ansia de apadriñar.

Dicimos esto porque non é a primeira vez que se dan cooperacións no ámbito da defensa. Certos estados membros cooperan xa no OCCAR e a LOI, en temas de armamento. E outros estados teñen colaborado na creación de unidades militares multinacionais que dispoñen de "cuarteis xerais" ou de "estado maior", como nos casos das forzas terrestres de Eurocorps (Alemania,Bélxica, España, Francia e Luxemburgo), ou Eurofor (España, Francia,Italia e Portugal), Euromafor (forzas marítimas nas que participa tamén España), Grupo Aéreo Europeo, etc, sen que ninguén se inquede. Outro tema é a vontade política de enviar tropas ós puntos quentes, ou de re-axustar o gasto en defensa para crear unha defensa común, igual que hai un mercado común, política comercial común, unha moeda común…

O que se fai agora non é outra cousa que unha "cooperation renforcé", un núcleo duro ou unha vangarda que abre camiño sen excluír, tal e como se fai noutros ámbitos como nos asuntos interiores (Schengen), ou na unión económica e monetaria co euro, onde certos países quedan atrás coa única condición de non poñer atrancos ó avance daqueles que si teñen vontade.

Como vemos, Europa avanza sempre gracias a aqueles que propoñen. E non os que obstaculizan. España e Italia descontentas de non estar invitadas, opuxéronse á presencia da Presidencia grega nas conversas. Un mal sinal.

Nembargantes, Romano Prodi, presidente da Comisión e baluarte do interese xeral europeo, cualificou esta reunión de clave no futuro europeo e, ó mesmo tempo, afirmou que a creación dunha defensa europea é "unha prioridade estratéxica fundamental para Europa", e Blair pola contra, atense ó estilo británico de pedir o socorro da unanimidade, léase "consenso", para non facer nada.

Evidentemente a defensa europea non se vai facer sen Gran Bretaña, porque é un dos poucos países que dá a talla para poder contribuír o proxecto. Pero ó mesmo tempo, a pesar do acordo de Saint-Maló con Francia en 1998 e cos mesmos Xefes de Estado, parece negarse a calquera avance europeo na defensa, e néganse a compartir a visión "multipolar" de Chirac ou Schroeder, onde Rusia ou China, entre outros, terían algo que dicir. Para Blair, como para Aznar, o único xendarme é EEUU, e así debe seguir sendo.

Polo momento, os "revolucionarios", aínda non se atreveron a falar dun "Estado Maior" Europeo que poida facerlle sombra o Cuartel Xeneral da OTAN en Europa. Pero si dun conxunto de institucións ( unha dirección europea do transporte estratéxico, un núcleo de planificación e conducta das operacións, un cuartel xeral multinacional móbil) que ensambladas terían o mesmo efecto de existir unha vontade europeísta.

Doutra banda, os americanos, están lonxe de quedaren pasivos. Colin Powell, apresurouse a afirmar que se necesita reforzar as estructuras existentes e non máis cuarteis xerais, mentres na OTAN se inquietan de posibles duplicacións. Baixo o eco daqueles que na administración americana pediron castigo para os que non apoiaron a intervención en Iraq, comezaba a verse unha distensión das relacións transatlánticas…