Incerta posguerra

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

A posguerra do Iraq vólvese contra tódalas previsións dos EEUU, nega as súas seguridades, rexeita as súas hipóteses e afástase das súas promesas. Ninguén cre que fose unha guerra xustificada, non hai quen acepte ningunha das razóns que se deron para invadi-lo país, nin o Pentágono fala xa de razóns verdadeiras "cando non se sente na obriga de facer referencia a causas xustificativas novas e nunca invocadas antes da invasión, o que significa un cambio radical de linguaxe, pero a destempo.

Por máis que eliminen ós fillos de Sadam, ou en calquera ocasión a el mesmo, non haberá un día que non sexa eliminado un invasor, e seguirán morrendo máis soldados na posguerra que na guerra, e pode que en progresión xeométrica, como empeza a suceder. Sen que se vexa por ningures máis democracia nin melloras económicas, nin un porvir certo. E si inseguridade, desconcerto, pobreza e desespero.

Algúns dirixentes USA empezan a decatarse de que a posguerra, como tamén a guerra, é unha cuestión multilateral. Non rexeitaría unha axuda alemana ou francesa "dinos agora Rumsfeld. A cousa é ben clara: un mundo tan complexo e interdependente coma o noso non é para mentes tan simples. Nin para guieiros tan dogmáticos como os que iluminaron os actos daqueles dirixentes. E pode que por todo iso parece que os invasores poden estar dispostos a que a ONU volva ter un rol importante na reconstrucción do Iraq.

O que tamén quere dicir que non ían errados os que reclamaron dende o primeiro día a autorización previa da ONU para a guerra. Ou sexa, que tiña razón a "vella Europa", segundo demostran cada día, e mesmo con teima, os acontecementos. E, tamén, vai deixar claro algo que non sempre se comprendeu ben: o mínimo nivel de solvencia intelectual dos teóricos neoconservadores, de mentes tan simples como as que imperan no Pentágono, que aconsellaron e fundamentaron ideoloxicamente esta guerra, e que a xente que non os leu, que é a inmensa maioría, pensou que se trataba de oráculos. Nin de lonxe: o seu nivel está ó de Rumsfeld ou ó de Wolfowitz. Ou sexa, baixo mínimos.

Boa a están armando, xuntos, aqueles teóricos e estes pragmáticos. Querían dar un bo escarmento e xa veremos se non quedan escarmentados. O que, polo demais, non lles viría nada mal.