Máis víctimas cada día

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

Todo fai pensar que as víctimas inocentes medran cada día de guerra que pasa. Os informes da Cruz Vermella mesmo poñen arreguizo. Moitos informes falan de que medran dunha maneira preocupante e que moitas son consecuencia das présas e da precipitación das tropas invasoras nos controles das estradas, por medo ós comandos suicidas. Non se orixinan tan só nos bombardeos sobre as cidades.

A correspondente da BBC en Washington di que as autoridades americanas non o negan, pero bótanlle as culpas a Sadam, á parte de manter que son inevitables as víctimas civís. Pero como ben di o profesor da Universidade de San Francisco, Stephen Zunes: "O Pentágono asegura que as víctimas civís son inevitables. Isto é falso. As víctimas civís son inevitables se a guerra o é. E neste caso a guerra non era inevitable".

E se esta guerra segue, como semella, a catástrofe humana que se vai producir, e que xa se está producindo agora mesmo, pode ser dunhas proporcións non imaxinables. Graves problemas de falta de auga, de alimentos ou sanitarios, e as demais carencias propias dunha guerra, debuxan un panorama arrepiante para os que aínda non están mortos. E non digamos para eses dous mil nenos que din que veñen ó mundo cada día no Iraq.

Se mingua ó sur de Bagdad o avance das tropas invasoras, como pensa Jonathan Marcus, especialista en temas de defensa da BBC, seguirán máis bombardeos sobre as cidades e máis enfrontamentos coa Guarda Republicana, en boa parte asentada en territorio poboado, polo que o número de víctimas ten tódalas posibilidades de ir en aumento. E non digamos cando se produzan os combates corpo a corpo e casa por casa.

Nesta desfeita un bota de menos que non se ergan máis voces con autoridade moral, de gobernantes, políticos, representantes das diversas confesións, do Papa… para que se fagan oír no mundo contra esta brutalidade obscena que fai que un pense se o ser humano, que soubo evolucionar e progresar, non estará agora regresando na escala zoolóxica cara á escuridade da súa orixe. Sería de agradecer que esas e outras voces nos lembrasen que o ser humano, ademais de carniceiro sádico e capaz das máis grandes baixezas, tamén pode levar ós seus semellantes tenrura, entrega e xenerosidade.