Os valores da señora Rice

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

O certo é que, diante dalgunhas manifestacións de Condoleeza Rice, un non sabe se nos toma a todos por parvos, se ela será a parva ou se todo "o mundo enteiro- é unha parvada. Pois un non sabe que pensar cando afirma que "España demostrou que non ten por que haber ningunha tensión entre a UE e a Alianza Atlántica, porque os valores de ámbalas dúas institucións son idénticos" A verdade é que España demostrou o contrario, e non é certo que compartámo-los mesmo valores.

A estas alturas do proceso, ben sabido é de todos que España se significou por todo o contrario do que manifesta Rice, e axudou a que se producise unha fenda moi clara entre a UE e os EEUU. E tamén é claro que uns e outros distamos moito de comparti-los mesmos valores, pois unha cousa é que estes formen parte da historia e da realidade daquel país, e outra, que en nada se lle parece, é que os membros máis fortes do equipo de Bush "entre os que se conta moi en primeira liña a señora Rice- teñan nada que ver con eses valores. Foron os valores de Franklin e de Jefferson, pero non son os de Bush nin os da señora Rice.

Ten ademais esta señora unha estraña capacidade para dar por bo, sen que se admita criterio oposto, que o mundo vai por onde ten que ir e que os demais témo-la obriga de aceptalo así. E se non o facemos seremos traidores, consonte á doutrina regresiva "se non estás comigo estás contra min". Está certa de que o mundo ten que se adaptar ós cambios que se produciron pola guerra do Iraq, incluída a ONU, e que este é un momento de grandes oportunidades para a paz e a prosperidade", como se a estas alturas un non soubera as verdadeiras motivacións desa guerra.

Mais non debemos esaxerar, pois aquí, entre nós, as cousas non difiren tanto das actitudes da señora Rice: a oposición é malvada, vai contra a estabilidade constitucional de España, o nacionalismo é terrorismo, agás o español, as manifestacións son manipuladas "cousa da que tamén se laia a señora Rice- e se non estás comigo estás contra min. Por iso ó mellor, e dende o seu punto de visto, non lle falta razón: que os valores de alá e os de acá son os mesmos. Pero se damos por suposto que os de alá son os da señora Rice e os de acá os do Sr. Aznar. Porque mentindo así todo cadra conforme.