Posicións desavidas

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

Esta guerra non só nos ten levado a posicións ferreñas senón tamén a criterios que nin de lonxe se agardaban. Un autor como Enzensberger, que respectei moito, tense pronunciado (El País, 17 de abril) de maneira que a un non lle cadra coa idea que tiña del: só é importante a eliminación de Sadam, gabando o escaso número de víctimas habido e o coidadosa que foi a eses fins a coalición guerreira, á par que recrimina ós que berran "Non ó sangue por petróleo", pois estes -di- ben que non poden prescindir do seu coche, da súa calefacción ou das súas vacacións. Fóra a tiranía a calquera prezo, e promóvase a seguido unha situación democrática no país "e lémbrese que Alemaña foi salvada polos aliados occidentais, o que tamén debe ser obxecto de agradecemento.

¿Como é posible que un home acostumado a pensar deixe de facelo desta maneira? E que non se decate de que está lexitimando a máis inmoral das guerras, a chamada guerra preventiva, algo de moi dubidosa legalidade nin sequera coa aprobación do Consello de Seguridade. E bendicindo por ese camiño as máis que posibles guerras preventivas que de agora en diante poida haber, e ganas non lle faltan a algúns de que as haxa. ¿E que terá que ve-lo agradecemento dos alemáns ás forzas aliadas de onte coa actitude "xusta, intelixente e esperanzadora- da cidadanía que hoxe rexeita unha guerra, cando menos, tan ilegal como obscena?

Non é certo que o máis importante sexa eliminar a Sadam. O importante tería sido seguir forzándoo ó desarme, e aínda a un exilio pactado, actitude que estaba dando bos resultados. ¿Por que, xusto nese momento, se prescinde da diplomacia e se recorre á guerra? Pois porque xa moi de antes estaba acordada e disposta. E porque interesaba máis a guerra, para algúns máis rendible ca calquera outra solución. Se non se confesan esas razóns, e se expoñen outras, e cada día unha distinta, é porque son inconfesables.

¿Que pensará agora o escritor alemán das barallas repartidas para a caza, vivos ou mortos, dos homes máis buscados polas forzas de ocupación? ¿Ou da queima da Biblioteca Nacional de Bagdad ou do saqueo do seu Museo Arqueolóxico? ¿Teremos, aínda por riba, que expresarlle o noso agradecemento a Mr. Bush e ós seus recadeiros?