A política fiscal de Mr. Bush

Apartados xeográficos Estados Unidos ARQUIVO
Idiomas Galego

George Bush recortou máis impostos en cada ano de presidencia que Ronald Reagan nos primeiros anos 80. É parte da súa estratexia electoral. A lóxica é, deixar máis cartos nas mans dos consumidores e dar incentivos fiscais ás empresas para que puidesen invertir en maior cantidade, e de feito a economía americana medrou ó 7% entre xullo e setembro 2003. Esa era a proba de que o recorte fiscal funciona.

A primeira tanda de recortes chegou en xuño 2001 e formaba parte da campaña electoral.Consistía nun recorte de impostos directos e na eliminación gradual dos impostos estatais que se encamiñaba a deixar en mans dos norteamericanos unha maior cantidade de diñeiro para consumo e aforro. En maio 2003 chegou outra aguilloada á economía americana, un outro plan de impostos que se gababa estímulo a través dun recorte de impostos nos dividendos.

E claro, como 2004 é ano electoral continuará coa moda, e xa se puxeron a traballar nun novo recorte, centrado tamén nos rebaixas de impostos para a clase inversora americana, que é grande e crecente, pero que ó mesmo tempo, fai que a carga fiscal recaia en maior medida nos ingresos salariais.

O mesmo tempo, certas voces comezan a recordarlle ó Presidente, que a súa política ten outra cara da moeda que non é tan vizosa. O gasto en defensa se incrementou un 27% durante o mandato,e fai algunhas semanas que o congreso americano aprobou un complemento de 87,5 billóns de dólares para responder ás necesidades en Iraq. O gasto agrario, non deixa de estar tan subvencionado coma na UE e absorbe unha parte importante de recursos do estado americano en conxunto, e finalmente o gasto en sanidade está en expansión dende os anos 60.

A fin de contas, a suma da ralentización económica, a diminución de ingresos estatais e o crecemento do gasto poñen a campaña electoral do Presidente americano nunha disxuntiva que quizais sexa incapaz de solventar con éxito, e de poder facelo influenciaría a outros presidentes en campaña electoral durante o 2004 . A imaxinación terá que funcionar de novo para ilusionar á opinión pública, aproveitando o tirón do retardado reencontro co inimigo Sadam.

Polo momento, a economía americana amosou a súa forza durante o trimestre final do ano reducindo lixeiramente o déficit corrente en 135 billóns de dólares, co que permanece preto do 5% do PIB, pero inesperadamente o consumo experimentou un lixeiro descenso durante o tramo final do ano o que semella paradóxico. Os vindeiros meses serán verdadeiramente esclarecedores.