Presencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
A mensaxe das urnas
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 01/05/2003)
 
 

As enquisas previas xa amosaban un resultado moi apretado para os principais candidatos das eleccións presidenciais arxentinas. A confirmación da necesidade dunha segunda volta implica algunhas mensaxes por parte do electorado.

En primeiro lugar, a falta de opcións alternativas produciu un desencanto peculiar. Houbo un nivel moi importante de participación. Certo que o voto é obrigatorio en Arxentina e que a abstención roldou o vinte por cento, pero nada que ver co desastre das eleccións lexislativas de 2001 que vaticinaba xa a crise de decembro e a explosión do “que se vaian todos”, agora tan distante á vista destes resultados. Sería de esperar un elevado porcentaxe de votos brancos e nulos, que explicitarían esa protesta anti sistema agora, pero a súa significación é das máis baixas da historia electoral recente.

Segundo. Arredor do 60 por cento do electorado optou por algún dos candidatos peronistas. Arxentina non sabe vivir sen o xusticialismo. Probablemente a desvantaxe de presentar separados tres candidatos dunha mesma formación facilitou a mobilización dos respectivos electorados e prexudicou a consolidación de calquera alternativa. As manobras de Duhalde, impedindo as eleccións internas para evitar un hipotético trunfo de Menem, prexudicaron tamén a todo o escenario situado fóra do peronismo e poseguirán agora ata impedir definitivamente o regreso de Menem.

Terceiro. Ningún dos candidatos superou o 25 por cento, o que é ben indicativo da fragmentación do electorado. Esa partición demográfica tamén o foi xeográfica. Rodríguez Sáa se impuxo en tres provincias. Kirchner nas sureñas, Jujuy e Formosa. A victoria relativa de Kirchner debeuse en grande medida ao decisivo apoio prestado por Duhalde no seu feudo bonaerense sen o que non podería acurtar distancias con Menem. Kirchner débelle todo a Duhalde e de saír elixido as súas hipotecas serán claras. Elisa Carrió logrou impoñerse en numerosas cidades de Santa Fe, tamén en Rosario. A nivel provincial, cada unha destas pequenas sacudidas pode dar lugar a alteracións do mapa político.

Cuarto. O radicalismo afonda a súa crise e debe iniciar unha fonda reflexión sobre o seu futuro político, pois do contrario, a simple subsistencia pode ser un problema. A renovación de dirixentes e a definición do seu espacio semellan ser asuntos clave para propiciar un mínimo reencontro coa sociedade.

Quinto. Carlos Menem foi o gañador desta primeira volta, pero os menemistas agardaban máis, moito máis. A escasa distancia obtida e a memoria social dun pasado hoxe denostado complica as posibilidades de reelección na segunda volta. Menem centrou as súas expectativas en gañar de golpe e á primeira ou, no seu caso, rentuar unha vantaxe substancial que non chegou.

Sexto. En suma, quen pode gañar á postre é quen non se presenta: Duhalde. A súa estratexia electoral vai por bo camiño. Logo das desercións de Reutemann e De La Sota, optou polo santacruceño para enfrontar a Menem e conseguiu frealo. ¿Poderá superalo o 18 de Maio? Haberá entón, outra vez, dúas batallas: a presidencial e a peronista. Pero gañe quen gañe, unha boa parte da sociedade non se sentirá representada por ningún dos dous proxectos. Iso xa se sabía antes do 27 de abril, pero ninguén foi capaz de edificar un discurso alternativo que propiciara un auténtico cambio de réxime. E dos que se tiñan que marchar, todos quedaron.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/05/2003