A “solución” Baker

James Baker, mediador de Nacións Unidas para a cuestión do Sahara Occidental regresou ao norte de África. A súa xira por Marrocos, Alxeria, Mauritania e o Sahara tiña un dobre obxectivo: constatar a inevitabilidade dunha nova prórroga do mandato da Minurso e explorar outra “derradeira oportunidade” para acadar un acordo satisfactorio e resolver o interminable contencioso saharauí. Sabido é que hai unha forma de rematalo, é dicir, cumprindo as resolucións da ONU, fundamentalmente, o Plan de Arranxo de 1991, pero, paradoxalmente, iso é o que se pretende evitar.

Baker propón a celebración de eleccións no Sahara co estatuto de territorio autónomo baixo soberanía marroquí, postergando a celebración do referendo ata 2008. Rabat conservaría as competencias en materia de defensa e seguridade nacional, política exterior, moeda e correos. A autonomía saharauí, cunha Asemblea lexislativa propia, debería garantir a seguridade interior, o sistema fiscal, ordenación económica, cultura, etc, sen outro límite inicial que o respecto á Constitución dun rei que pasaría a ser de “Marrocos e da República saharauí”. Pese a tan xenerosa oferta, Rabat di, coa boca pequena, non estar conforme porque precisa máis competencias para explicitar a súa soberanía sobre o territorio, nomeadamente a administración de xustiza. Baker fala dunha asociación transitoria entre o Sahara e Marrocos.

A nova proposta de Baker supón algunha matización respecto do acordo marco de autonomía pero difícilmente pode permitir o desbloqueo político na ex colonia: no referendo de autodeterminación poderían participar os votantes incluidos no censo das autonómicas e tamén todos os residentes no Sáhara chegados entre a Marcha Verde (1975) e o ano 1999. Mohamed Abdelaziz, líder saharauí, xa lle adiantou a Baker o seu posicionamento negativo. Non o tivo que pensar. As demais partes dispoñen ata o 31 de marzo para presentar modificacións e propostas alternativas ou de mellora.

Pero a diplomacia norteamericana impulsa outra fronte de negociación, naturalmente clave para dar unha nova volta de rosca ás esixencias saharauis. Baker confía en que unha mellora das relacións entre Alxer e Washington propicie un xiro substancial ao proceso, aproximando as posicións de dous rivais tradicionalmente encontrados: Alxeria e Marrocos. España, membro non permanente do Consello de Seguridade da ONU, e inicialmente partidaria do referendo de autodeterminación tal e como se contempla no Plan de 1991, aceptará calquer solución se conta co apoio das partes implicadas. En marcha está un encontro, inicialmente previsto para primeiros de febreiro, entre o presidente Abdelaziz Bouteflika e Mohammed VI, un cumio difícil, impensable ata hai pouco, pero longamente traballado polas dúas embaixadoras estadounidenses na zona, Janet Sanderson en Alxer e Margaret Tutwiller en Rabat.

De producirse, a simple realización do encontro representaría un gran éxito para a diplomacia marroquina, moi fortalecida nos seus vencellos con Washington, reforzado nas súas pretensións petrolíferas na zona en prexuizo de París. E sería un duro revés para os intereses da Fronte Polisario, cada vez máis conminado a aceptar a autonomía ou quedar sen apoios diplomáticos.

O outro dato de interese arranca do encontro celebrado en decembro entre as autoridades españolas e marroquinas (tan rápidas como quizáis interesadas no ofrecemento dos seus caladoiros) que marca o inicio da normalización coa formación de cinco grupos de traballo estables sobre temas de interese común. Os de asuntos políticos de carácter rexional e multilateral, inmigración e delimitación de augas marinas, se constituiron o pasado día 16 en Rabat. Dunha maneira ou doutra, o Sáhara está no epicentro de todos eles.

Por último, medran as voces que claman contra o “dispendio”: a Minurso leva gastado máis de 600 millóns de dólares sen a penas resultados. En suma, que esta paz é cara de máis e non compensa. Area a prezo de ouro.