Apretar o gatillo

A guerra está en marcha e nada parece poder impedila. A finais deste mes, EEUU contará no Golfo Pérsico con 150.000 soldados e toda a súa tecnoloxía bélica a punto; a OPEP decidiu aumentar a producción nun 6,5 por cento a partir do 1 de febreiro (1,5 millóns de barrís por día) para manter o prezo do crú e levar tranquilidade á economía norteamericana cando se suspendan os subministros iraquís; a implicación dos aliados europeos, pese ás celebradas discrepancias, acabará sendo, por desgracia, unha cuestión de matiz, aínda que teña consecuencias, quizáis, a medio prazo; na rexión, Turquía deu o brazo a torcer, como cabía esperar, e EEUU dispón de luz verde; a diferencia da guerra de 1991, agora contará tamén co consentimento de Xordania (que recibe de Iraq o seu subministro de crú a prezos reducidos e a metade gratuitamente) para surcar o seu espacio aéreo e poderá bombardear a Iraq desde occidente. A Rusia de Putin xa adiantou o seu incondicional apoio e China optará pola abstención oficial e a crítica social interna.

Os expertos da ONU estiman que unha segunda guerra contra Iraq provocará uns 10 millóns de mortos entre os iraquís e case un millón de refuxiados. Agardar un mundo máis inseguro cunha nova onda de terrorismo árabe parece lóxico. Tamén os danos para o medio ambiente poden ser importantes. Na guerra de 1991, Iraq explosionou máis de noventa pozos petroleiros de Kuwait, e se requeriu o labor dos bombeiros de varios países durante catro meses para poder controlalos. Agora será pior.

No político, o triunfo de Ariel Sharon nas eleccións celebradas recentemente e o desenlace da guerra de Iraq terán profundas consecuencias para o contencioso palestino e abundan as cábalas estratéxicas ao respecto, sempre incluindo unha profunda remodelación do mapa da rexión que nos catapulta ata as primeiras décadas do século pasado.

O impulso bélico afonda a fractura nos propios EEUU. Bush ten dificultades para convencer á súa propia opinión pública e debe recurrir a Al Qaeda e o 11S para gañar adhesións, como fixo durante o discurso do estado da Unión o pasado 28. A visita de Blair uns días máis tarde reforzou o convencemento da inevitabilidade da guerra pese aos sentimentos contrarios expreasados por cada vez máis vastos sectores da opinión pública estadounidense e internacional. Pero o temor non é só por esta guerra. Para o exercicio de 2004, que en Washington comeza en outubro do ano anterior, Bush esixe un aumento excepcional dos seus recursos de libre disposición. Segundo declaraba hai uns días o seu director de orzamento, Mitchell Daniels Jr., reclamarán unha considerable ampliación desta partida para facer fronte a algunhas operacións militares que poideran xurdir. Está previsto que a proposta se tramite a finais de febreiro perante o Congreso (¿en plena guerra?). De obter o aval preciso, Bush podería chegar a xestionar con total liberdade 751 mil millóns de dólares, a terceira parte do presuposto total do país.

Os signos de impaciencia de Bush se multiplican e o único que está por ver agora é se pasa ou non polo Consello de Seguridade da ONU, presidido por Alemaña ata marzo que cederá o relevo a Guinea, para xustificar o ataque cunha nova resolución ou se obviará as formalidades que se lle requiren dende a "vella" Europa. Dun xeito ou doutro, a decisión leva tempo tomada e soamente queda apretar o gatillo.