As guerras do Banco Mundial

Se alguén nos di que detrás da inmensa maioría das guerras que veñen sacudindo a humanidade dende sempre, existen intereses económicos, probablemente moitos asentiremos sen grandes espaventos. Ben é verdade que en moitas ocasións esa é a raíz que se pretende ocultar adornando o conflicto con lindezas morais ou nacionalistas máis doadamente aceptables por unha comunidade. O que estamos a escoitar as últimas semanas a propósito da guerra contra Iraq non pode ser mellor exemplo para comprender o que se está a dicir.

Agora ben, que sexa unha institución coma o Banco Mundial quen veña a lexitimar o discurso de que en todo conflicto armado existen, máis alá das animosidades concretas, poderosos intereses económicos, resulta verdadeiramente sorprendente. Pero así o fai a través dun estudio que se deu a coñecer en París na véspera do cumio de Évian. Obvia esa reflexión os conflictos entre estados e centra as súas conclusións nas guerras civís que, por outra banda, representan unha considerable expresión das rivalidades que aniñan nas guerras das últimas décadas.

Os investigadores da institución, logo de analizar un total de 52 casos de conflictos desenvolvidos entre 1960 e 1999, son rotundos á hora de sinalar que as tensións étnicas constitúen unha cortina de fume fronte aos problemas reais, que son de naturaleza primordialmente económica. Indagando nas características comúns destes conflictos, o equipo, conducido polo economista británico Paul Collier, asegura que a converxencia dunha renda baixa, baixo ritmo de crecemento e a existencia de recursos naturais considerables representa unha mélange que invita á guerra. O exemplo do Congo, actualidade nestes días, é unha mostra incontestable que acredita a validez do estudio (Breaking The Conflict Trap: Civil War and and Development Policy). No ex-Zaire, a combinación de pobreza, economía en ruínas e importantes riquezas mineiras por explotar, a probabilidade estatística de desembocar nunha guerra as tensións internas viñan sendo do 80%.

Collier resta importancia ao factor étnico, referente para aglutinar grupos rebeldes pero non determinante ata o punto de definir a naturaleza dun enfrontamento. A clave tampouco está no que poderiamos cualificar de reacción lexítima a un goberno despótico. A inestabilidade que conduce á guerra tamén se atopa en réximes formalmente democráticos. A clave é a economía, a loita polo acceso ao control e explotación dos recursos naturais que pode aliviar a pobreza e as carencias de determinados grupos de poboación. Sen pasar por alto, claro, que toda rebelión precisa, para manterse, resolver o problema do financiamento. O petróleo en Angola, as minas de diamantes en Botswana, poden acabar sendo unha maldición para unha sociedade que non é quen de transformar eses activos en instrumentos de desenvolvemento.

De ser coherente cos resultados desta investigación, o Banco Mundial e as institucións financeiras internacionais, formais e informais, deberían comprender máis ca nunca que axudar aos países en vías de desenvolvemento a desterrar a pobreza, apoiando procesos de xestión transparente dos seus recursos e en beneficio do propio país, reforzando as institucións democráticas e, sobre todo, revolucionando a política de prezos das materias primas nos mercados internacionais, deben ser pezas fundamentais dunha estratexia de pacificación e de prevención de conflictos na sociedade internacional.

Claro que se ese mundo feliz chegara a ser posible, os principais vendedores de armas igual se rebelan. E esa guerra non a podería librar o Banco Mundial.