Jodorkovski

Acusado de fraude e de evasión fiscal, Mijail Jodorkovski, ex patrón do grupo petroleiro ruso Yukos, foi detido o pasado 25 de outubro e ingresado directamente en prisión. Pero, segundo aducen numerosas fontes por regra xeral ben informadas, o motivo real da actuación desenvolvida contra este xoven magnate, que medrou como a espuma a seguir da desfeita soviética, radica no financiamento da oposición liberal ao réxime de Vladímir Putin, quen enfronta un período decisivo do seu mandato, co horizonte dunhas eleccións lexislativas en decembro próximo e as presidenciais na primavera de 2004. Putin, co hábito interiorizado de quen soamente confía no programado e revisado de antemán, non quere afrontar ambos retos con riscos de mais nin sombras de hipotéticas sorpresas.

A operación, aparentemente encomendada ao aparello xudicial, é fiel expoñente dunha das variables mais presentes no mandato Putin: a loita selectiva contra unha parte da oligarquía beneficiada polo escandaloso proceso privatizador da etapa Ieltsin. Putin, nada mais arribar ao Kremlin, deixou claro sempre que non habería "de-privatización", pero forzou un pacto definidor de campos de actuación que penaliza severamente toda incursión nos campos rivais. Pasou con Berezovski, pasa con Jodorovski e pasará con todo aquel que se inmiscúa nos intereses inmediatos da outra poderosa oligarquía da Rusia de hoxe, a presidencial.

Despois das grandes mutacións sistémicas da década dos noventa, Putin anunciou un novo ciclo que había poñer orde no conxunto da política económica e social do país. Beneficiouse dunha conxuntura moi favorable no exterior que posibilitou a reducción da inflación e o reinicio da senda do crecemento, incrementando substancialmente as exportacións de materias primas, en primeiro lugar, das enerxéticas. Pero ningún signo de cambio substancial nas prácticas autoritarias e obscenas, tinxidas de intriga e escurantismo, tan tradicionais na política moscovita dende hai varios séculos.

A cultura e a ética empresariais nun país onde a fronteira entre a política e a economía, entre o Partido e a empresa, estiveron tan mesturadas ata hai pouco mais dunha década, teñen que ser, por forza, abondosas en matices e frouxas de consistencia. Son varias as xeracións en conflicto. Aos vellos aparatchiks, muxidores das empresas estatais doutrora, se superpoñen as novas quenllas que medraron na lei da selva dese capitalismo poscomunista que emerxeu das cinzas da perestroika. É crible que non se puidera facer sen ostentación de métodos pouco recomendables. Os casos son incontables e todos o saben na descoñecida Rusia do século XXI. Pero as iras do séquito de Putin son a tiro fixo e non admiten xeralizacións.

Cabe merecidamente desconfiar do funcionamento da xustiza en Rusia. Os cidadáns desconfían dos tribunais, coñecedores da existencia dunha xustiza somerxida, a carón da economía paralela, que recorre sen problema a procedementos ilegais. As reformas introducidas por Putin aspiran a reforzar a autoridade do estado e non os dereitos dos cidadáns. Cando se dean todas as garantías que Putin precisa "e iso pode acontecer despois das lexislativas de decembro-, Jodorkovski, sen ese imperio que perdeu, privado dos medios indispensables para dirimir proxectos co Presidente, sairá do cárcere camiño do exilio cunha nova lección aprendida para todos os que aínda quedan dentro, empresarios ou non, cada día mais súbditos, cada día menos cidadáns.