Máis Putin

A ampla e contundente victoria do presidente Putin nas eleccións lexislativas celebradas o 7 de decembro en Rusia aplana o seu camiño para a elección presidencial de marzo e para a reforma constitucional que elimine a imposibilidade de repetir máis de dous mandatos. O interese destes comicios para o Kremlin radicaba precisamente nesta última cuestión, que esixe dispor na Duma dunha maioría suficiente que, salvo imprevistos, ten case asegurada.

A que obedece a victoria de Putin? Non hai na principal formación política improvisada para estes comicios, Rusia Unida, nin programa, nin ideas, nin tampouco máis ideario que o da conservación do poder. É o máis parecido a un PRI ou mesmo ao vello PCUS, aínda sen o seu poder, a súa ideoloxía e debendo moverse nun entorno pluralista. Nos últimos anos, Putin conseguiu calmar a política rusa, evitar os desastres económicos e capear as sucesivas ameazas de catástrofe nacional. Non obstante, estamos a falar dun país no que a esperanza media de vida é actualmente de 62 anos "menos que en Turquía" e o déficit de nacementos en relación ás defuncións reduce a poboación en .000 persoas cada ano.

Nestes comicios lexislativos, a metade do electorado optou pola abstención. A quen votaron os outros electores? Na súa inmensa maioría secundaron o chamamento da todopoderosa maquinaria administrativa, esa burocracia que controla todos e cada un dos fíos do poder e somete sen remedio a quen mente un mínimo desafío. Votaron co poder incluso cando optaron polas forzas nacionalistas, ben sexa o Partido Liberal Democrático de Vladimir Zhirinovski ou a nova formación de centro esquerda, Rodina, liderada por ex comunistas que se resistiron a seguir os acordos do seu Partido cando Guennadi Ziuganov cortou amarras co poder. O líder comunista perdeu a partida con Putin, recibindo un severo correctivo electoral e convertendo en inaprazable unha reflexión sobre a súa identidade e o seu futuro.

As forzas liberais, a tradicional Iabloko de Grigori Iavlinski, e a Unión de Forzas de Dereita, de Boris Nemtsov, quedaron fora da Duma, agora dominada esencialmente pola burocracia omnipotente e os novos nacional-socialistas, facilmente manipulables nas cuestións de radical importancia para o Kremlin, lease guerra de Chechenia ou reforma constitucional. Perde a dereita moderada, pois; perde a esquerda comunista; gaña o autoritarismo burocrático.

Non é que a Duma dispoña de amplos poderes. A Constitución, elaborada a medida do seu antecesor, Boris Ieltsin, establecía un escenario de signo claramente presidencialista, reducindo a capacidade de intervención do lexislativo. Non obstante, con esta Duma, a tarefa de facer oposición será cada día máis difícil e permitirá a Putin acumular e consolidar un poder aínda máis extenso, impulsando aquelas reformas de signo mais liberal que estaban condicionadas pola ausencia dunha maioría parlamentaria favorable. Cunha economía en fase de crecemento, como consecuencia da boa renda petroleira e cunha oposición debilitada, é o momento de propiciar un novo impulso ás reformas estructurais pendentes. E farase cun sistema democrático feble e notablemente erosionado, en beneficio de oligarcas e burócratas. A sociedade rusa, como no século XIX, queda a expensas do absolutismo da minoritaria corte moscovita.