Nación entre Nacións

¿Como chegou Galicia a participar no IX Congreso de Nacionalidades Europeas? ¿De que tipo de organización se trataba? ¿Por que se ignora tanto este evento? ¿Que ten que ver Plácido Castro con todo isto? Dende as Irmandades da Fala se viñeron propoñendo xeitos específicos de integración de Galicia na comunidade universal dos pobos, mesmo reivindicando a participación, con personalidade e voz propia, nas institucións internacionais existentes no momento. Do que se trataba é de ser conscientes de que Galicia e os galegos non existimos no mundo illados pero tamén de que o trunfo das aspiracións dos nacionalistas galegos está vinculado ó éxito dos movementos similares que se poidan desenvolvr noutras partes do mundo e, en definitiva, á mutua solidariedade. Sóbralle razón, por iso, a Lois Tobío cando afirma que o nacionalismo galego non caeu no erro de converterse nun nacionalismo de campanario por exceso de purismo. Houbo sempre preocupación por non ceder a esa reclusión e introversión que leva a erguer valados e a pecharse.

As Irmandades da Fala primeiro e o Partido Galeguista despois, realizaron un importante esforzo nese sentido, crecente e constante pero igualmente insuficiente, atendendo ós aspectos prácticos desta actividade pero tamén ó discernimento teórico, indispensable para lograr a adhesión social de importantes sectores da sociedade galega de entón á causa nacionalista. As carencias, sen embargo, deben ser contextualizadas nas particularidades daquel período histórico. A adhesión ao galeguismo había ser tamén condición indispensable para obter a receptividade desexable nos foros internacionais. Por iso, as tarefas de organización interna ou a intensa actividade política desenvolvida polo país adiante, constituían un elemento decisivo para garantir unha axeitada participación nos mesmos. Debemos ter en conta ademais outras dificultades engadidas como as problemáticas comunicacións da época e os elevados custos financeiros dunha acción política exterior minimamente articulada.

Lamentablemente, a guerra civil truncou as numerosas expectativas xeradas neste sentido sen dar tempo sequera a consolidar o pouco conseguido. Ninguén mellor que Castelao expresa esa frustración: "Eu son fillo dunha Patria descoñecida, porque ninguén soubo dar sona e creto internacional ás nosas reivindicacións patrióticas". E foi tamén Castelao quen calibrou perfectamente a transcendencia da participación de Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas, consciente do avance pero igualmente das limitacións que ese foro impoñía para o avance da causa galeguista.

A política exterior do galeguismo

Celtismo e iberismo constituíron, a cadanseu nivel, dúas orientacións concretas, dúas referencias prioritarias da actuación do movemento nacionalista da primeira metade do século pasado. No caso do pan-celtismo configurábase como un elemento unificador que proxectaba ó nacionalismo galego máis alá das nosas fronteiras en relación con determinadas comunidades nacionais. O iberismo introducía as relacións co veciño Portugal nun ambicioso proxecto de nova articulación política da Península, reservando para Galicia un papel intermediario de importancia transcendental.

A formulación internacional do galeguismo asentou na concepción da universalidade. Son tres os elementos básicos que a concretan: antiimperialismo, federalismo internacional e pacifismo. Son tres vertentes dun mesmo principio e de lindeiros non sempre doados de fixar debido ás múltiples interrelacións que os unen inevitablemente nun mesmo e único propósito que ten como mínimo denominador común a defensa das nacionalidades.

O Congreso de Nacionalidades Europeas e a Sociedade das Nacións

A Sociedade das Nacións foi a primeira organización interestatal de carácter político xeral con funcionamento permanente. Un dos aspectos mais relevantes da súa actividade foi o relativo á protección das minorías nacionais. Segundo Vicente Risco, o Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE) cobizaba "manterse absolutamente nas vías legais do dereito internacional público e dos principios que informan a Sociedade das Nacións". O achegamento ao CNE incorporaba a Galicia a un movemento que procuraba, sen quebrantamento da autoridade dos Estados existentes, que os grupos nacionais que formaban parte deles obtiveran a satisfacción daquelas reivindicacións de orde económica, lingüística ou relixiosa a que tiñan dereito. A lealdade ao Estado era condición para a pertenza ao Congreso; o problema debía ser resolto de acordo con el e non orientado en forma separatista. Representantes da Sociedade das Nacións participaban nas reunións do CNE e as súas resolucións se lle transmitían puntualmente nun marco de diálogo non exento de discrepancias e tensións.

Dende 1925 ata finais dos anos trinta, o CNE constituíu unha referencia importante para advertir a persistencia de problemas nacionais en Europa que estaban aínda pendentes de resolución e para reclamar a atención permanente dos Estados sobre a imperiosa necesidade de salvagardar o respecto dos dereitos elementais das minorías. A iniciativa de creación deste movemento correspondeu ós grupos alemán e maxiar. A presencia e o grado de influencia das minorías xermanas sería no futuro, no marco da complicada evolución europea dos anos trinta, causa decisiva da calella sen saída na que se precipitou a organización. O ano en que Galicia participa no CNE, o Presidente alemán designaba primeiro ministro a Adolf Hitler.

En 1933, o IX Congreso reuníase en Berna os días 16,17 e 18 de setembro. O achegamento de Galicia ó CNE representou para a nosa Terra un feito de capital importancia, en primeiro lugar, porque era a primeira vez que se podía escoitar a nosa voz no gran concerto internacional dos pobos. Para os galeguistas, a asistencia ao Congreso de Berna perseguía como obxectivos fundamentais: a procura de apoio moral da opinión publica internacional (segundo Plácido Castro a nova da participación galega foi recollida pola prensa europea) diferenciado da axuda política para resolver problemas que en principio soamente cómpre dilucidar aos galegos; o establecemento dun marco de cooperación cos movementos afíns que permitisen a universalización de Galicia nun dobre sentido: facer que Europa nos coñeza e nós coñecer mellor a Europa; e, finalmente, o recoñecemento da condición de nación por parte dun organismo internacional como este de considerable prestixio e reputación.

Plácido Castro, o representante galego neste evento, relatou para os lectores de El Pueblo Gallego e A Nosa Terra os temas e as incidencias da participación galega neste IX Congreso, documentos accesibles na web do Igadi, www.igadi.org.

Na declaración presentada por Plácido se proclamaba que "Galicia é unha nación ben definida", ó tempo que se reivindicaba "o dereito innegable do pobo galego a dispor de si mesmo". Na liña das disposicións internacionais relativas ás minorías se reclamaba a plena liberdade de empregar o idioma materno, sobre todo no ensino e así mesmo o respecto dos costumes autóctonos. O documento presentado sintetizaba os informes recollidos previamente polo secretario xeral do Congreso, Edwal Ammende, nunha visita efectuada á nosa Terra na primavera anterior. E Galicia foi admitida no Congreso.

Neste, como en tantos outros casos, onte coma hoxe, Galicia como país non estivo á altura da comprensión global da importancia daquela proclamación. Nun significativo editorial, El Pueblo Gallego lamentaba publicamente que o recoñecemento da condición nacional de Galicia non provocara que "tódolos órganos de opinión se Galicia se sentiran lexitimamente alborozados. E non foi así. Unha tristeza mais na ringleira que seguen engadindo a veleidade, a incomprensión ou as paixóns enanas. É ben lamentable". Poñámoslle remedio dunha vez.